As obras gañadoras dos Premios Xerais 2024 coñeceranse o 8 de xuño

Pilar García Negro, Nova Escola Galega e Aquí tamén se fala, gañadores do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro, na categoría A, para persoas; o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, na categoría B, para entidades, e o proxecto Aquí tamén se fala, promovido polo IES Rafael Dieste coruñés, na categoría C, as das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres propostas gañadoras do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua, que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado, presidido pola deputada de Lingua, Soledad Agra, formárono Daniel Romero, Borja González —representante da comunidade en redes en lingua galego Orgullo Galego— e Francisco Cedeira, Pakolas, gañadores da pasada edición do certame nas categorías A, B e C, respectivamente. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación.
Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a García Negro “polo seu firme compromiso co galego en todos os lugares e en todas as circunstancias, o que lle custou multas e expedientes”. “García Negro é”, valorou o comité avaliador, “unha das voces pioneiras e máis autorizadas en temas de sociolingüística e planificación lingüística. E na súa etapa como parlamentaria desenvolveu un intenso labor centrado nos usos sociais do galego e ela mesma impulsou iniciativas para modificar e facer cumprir a Lei de normalización lingüística”.
Na categoría de entidades, o xurado salientou da Nova Escola Galega (NEG) “a súa importancia como movemento de renovación pedagóxica referencial no noso país que desde as primeiras etapas da súa traxectoria e ata a actualidade, que teimou por vincular a normalización lingüística e curricular no ensino, con froitos tanto na didáctica da lingua como nas estratexias sociopolíticas e técnicas de galeguización, nas obras de literatura infantil e xuvenil ou nos traballos en campos como o das ciencias sociais, as ciencias naturais ou as TIC”. Para o xurado, “a acción do colectivo Avantar, un dos constituíntes de NEG, marcou unha liña nas orientacións metodolóxicas, asignándolle á lingua o papel de ferramenta básica no proceso de recuperación e normalización lingüística e cultural. Os libros “O noso galego”, coordinados por Agustín Fernández Paz e Xosé M. Lastra Muruais, non só foron os primeiros materiais para o ensino regrado do galego, senón tamén referentes da renovación pedagóxica ao introducir na escola os medios de comunicación, a música propia, a linguaxe inclusiva ou o cómic”.
Na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade, o xurado escolleu a proposta de Aquí tamén se fala, promovido polo EDNL do IES Rafael Dieste da Coruña, “por ser a maior campaña de dinamización da lingua galega da historia exercida activamente pola mocidade”. “Trátase”, destacou o comité, “dun modelo pedagóxico en prol da lingua que nace dentro dos muros dun centro educativo mais coa vocación de os transcender e chegar a toda a sociedade e a todos os ámbitos”. O xurado puxo tamén en valor as “novas e ambiciosas” liñas de actuación do proxecto. (…)”

Mercedes Queixas, escritora: “Luísa Villalta ten un perfil moi poliédrico, era dona dun coñecemento e saber enciclopédico”

Entrevista de Laura Veiga a Mercedes Queixas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decidiron contar con tantas voces do panorama cultural para analizar a figura de Luísa Villalta?
– Mercedes Queixas (MQ): En Laiovento sabían que eu tiña moito interese en traballar Luísa Villalta xa desde hai moito tempo, sobre todo vinculada á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), onde traballamos para soster a súa memoria persoal e literaria todos estes anos desde que faleceu. Este ía ser un proxecto de máis longo percorrido, mais debido á dedicación do Día das Letras Galegas sufriu un adianto, polo que comecei a pensar de que maneira podíamos darlle unha resposta áxil e acaída ao perfil de Luísa Villalta.
Pensei en compartilo con Montse Pena e configurarmos entre as dúas un libro coral, que fose unha polifonía de voces que nos permitise achegar perspectivas e liñas de investigación diferentes pero complementarias. Luísa ten un perfil moi poliédrico, era dona dun coñecemento e dun saber enciclopédico, e parecíanos que sermos capaces de traballar con varias mans e cabezas pensando era o máis parecido ao que podía ser este perfil que tiña ela. Eu non quería facer unha biografía ao uso, mais si queríamos rexistrar todas estas voces, que forman parte do legado literario e humano que nos deixou. É unha muller que hai que abordar desde moitas ópticas, desde moitos camiños de ida e volta e incluso interrelacionados entre eles.
Temos á Luísa música, profesora, poeta, narradora, ensaísta, articulista e, por suposto, activista comprometida co seu tempo, que é algo que tivo unha dedicación e un papel fundamental na súa vida.
– ND: Como se organizou o traballo e os temas a tratar entre tantas persoas?
– MQ: Eu tiven a honra de coñecer e tratar Luísa persoalmente como compañeira, mentres que Montse foi alumna súa no instituto Isaac Díaz Pardo (Sada). É dicir, partiamos dun coñecemento de Luísa, polo que fomos construíndo as pezas dese quebracabezas de maneira que puidésemos ter unha imaxe súa o máis completa posíbel. Cando menos, que abordase todas esas arestas que representa. Por iso, comezamos a pensar que persoas, dependendo desas liñas de traballo que queriamos abrir, podían encaixar nesa demanda, ben porque xa tiñan traballado sobre Luísa Villalta ou ben porque a acompañaran en proxectos de vida. Intentamos abrir o espectro de lecturas arredor de Luísa Villalta e non fixalo nunha única liña. (…)”