Henrique Alvarellos: “As cifras de lectura en galego retrátannos como país”

Entrevista de María Solar a Henrique Alvarellos no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“De cada cen persoas que mercaron un libro en Galicia, só oito o escolleron escrito en galego. Son cifras terribles dos habitos de lectura e de compra de libros referentes ao ano 2021, e son peores que noutras autonomías con lingua propia. En Euskadi o 17% escolleron a súa lingua e en Cataluña o 27% mercaron en catalán. Tralos libros galegos hai unha industria da edición que está facendo 40 anos de asociacionismo e que teñen retos novos por diante. A entrevista pode verse aquí.”

Entrevista a Antonio Tizón sobre Lobos Doentes

Entrevista a Antonio Tizón en Radio Fene:
“Antonio Tizón vén de presentar a súa novela titulada Lobos Doentes. O escritor nado en Aranga fala en Radio Fene desta obra “autobiográfica” na que teñen gran presenza as enfermidades mentais.
“O cadáver apareceu a primeira hora da mañá daquel segundo mércores de marzo ao pé da Torre de Hércules, entre ondas fortes contra as rochas, a uns catrocentos metros do faro operativo máis antigo do mundo, que acababa de amañecer con mar de vento. Coma sempre, dirixinme directamente a Márquez: Que sabedes, Márquez?”. Así comeza o novo libro de Antonio Tizón que vai ser analizado no clube de lectura de Radiofusión. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Manuel Lourenzo Pérez recibe en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra

O martes 28 de febreiro o dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2023. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 h., onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sétimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2023 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do dramaturgo Manuel Lourenzo.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Abel Vigo quen pronuncie a laudatio do homenaxeado. (…)

Miguel Anxo Fernández: “A novela negra entretén e tamén fai pensar”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández na Televisión de Galicia:
“Xa temos unha nova edición das aventuras do detective privado Frank Soutelo. A editorial Galaxia acaba de publicar A conxura do sete, a última novela de Miguel Anxo Fernández. Ambientada o noso país, o decano dos sabuxos galegos terase que enfrontar a un novo caso: atopar a espada de Santiago xusto antes dos fastos do último ano Xacobeo. A entrevista pode verse aquí.”