Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2022, dedicada a Xosé Manuel Martínez Oca (II)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVIII edición, recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé Manuel Martínez Oca, que foi homenaxeado na Estrada o 18 de xuño de 2022.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica a cargo de Soledad Penalta), a plantación da árbore simbólica elixida polo propio autor (un bidueiro) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse un adianto da crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Calros Solla: “Quixen escribir un libro para abraiarse, para manter esperta a capacidade de asombro”

Entrevista a Calros Solla en Praza:
“(…) – Praza (P): Citas ao principio do libro unha frase de Hume sobre a propensión humana ao marabilloso. Foi o primeiro motor deste libro o teu interese nese aspecto?
– Calros Solla (CS): Pois penso que vén máis de Atahualpa Yupanqui, ao que cito no limiar. Preciso, desde a infancia, que a vida me abraie. E sobre todo nesta vida contemporánea e aínda máis no confinamento: sinto necesidade de seguir abraiándome, de seguir abraiándonos, pois formo parte do colectivo Capitán Gosende. E Galiza é unha terra de abraio. A pouco que descubras, que contemples a realidade desde as atalaias privilexiadas que temos, non deixarás de abraiarte.
– P: Repasaches 100 anos de historia da prensa galega desde 1848 a 1968. Iso son horas e horas de hemeroteca. Como foi o proceso?
– CS: Agradezo que comentes iso porque moitas veces dá a sensación de que todo cae do ceo. O proceso foi, en realidade, indirecto. Eu consulto moito a hemeroteca, tanto a Galiciana como en formato físico, os xornais. Teño esta vertente de pequeno historiador. Trato de refutar ou ratificar as miñas intuicións a través da historia contada no día a día da prensa. Cando estaba escribindo O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923) consultei innúmeros exemplares de prensa e, de cando en cando, aparecían estas perlas: historias anómalas, extravagantes. Fun gardándoas por se máis adiante podía poñerme a ordenalas e escolmalas, que foi o máis difícil. Penso que ese traballo de escolma non se me deu mal porque á xente gústanlle as historias que recolle o libro. Quixen escribir, así, un libro para abraiarse, para manter esperta a capacidade de asombro.
– P: Xa que citas ese libro, de feito tes publicado bastante ensaio, mais doutro tipo; histórico, antropolóxico…. Apetecíache publicar algo diferente, escrito desde outro código?
– CS: Este ano de feito saíron o número 21 e o 22 de Cerdedo in the voyager, que son 22 volumes sobre o patrimonio material e inmaterial de Cerdedo e da Terra de Montes. Ensaio etnográfico, histórico, antropolóxico, lingüístico…, feito, por suposto, desde a humildade. Pero non son obras que vaian ter o visto e prace dun público amplo, que seguramente non as coñecerá. Eu non me queixo en absoluto porque os libros tiveron boa acollida pero o editor, Moisés Barcia (Morgante), deume outra canle de expresión a través da colección Solea Scripsit, un gabinete de curiosidades por entregas do que saíron xa dous volumes e axiña sairá o terceiro.
O primeiro foi A vaga dos pratiños voantes. O fenómeno ovni na prensa galega (1947-1950). Ninguén antes se atrevera ou tivera vontade de xuntar materiais arredor deste tema, deste xeito de mitoloxía popular que eu recollín tanto no ámbito urbano como no rural. Este primeiro libro tivo moito éxito. Foi un punto de inflexión para min en canto a recepción, no sentido da cantidade de correos que me chegaron… Crónica da Galiza Bizarra é o segundo volume. Unha sorte de homenaxe ao Libro dos condenados de Charles Fort, que recolle unha cantidade inmensa de feitos inexplicables. Eu quixen dotar a Galiza dun libro semellante.
– P: A maioría das historias que recolles non pertencen á mitoloxía galega. Son historias nas que a realidade supera a ficción, é dicir, non son historias, en principio, fantásticas.
– CS: A min fascíname seguir comprobando que a realidade supera a ficción. A pouco que reparemos, decatarémonos de que o que pasou e o que pasa é extraordinario. Hai que saber separar o grao da palla mais este tipo de historias estiveron sempre entre nós, contadas polos nosos maiores. O que teñen en común as que eu recollo é que saltaron á prensa. En calquera aldea podes escoitar historias incribles. Por exemplo, a que eu chamei do Gagarín da Coenllosa. Un veciño que deseña unha cápsula espacial para ir á lúa e un día desaparece. Segundo o debuxo que puiden facer polo que me contaron os informantes a cápsula era semellante á que despois deseñaron os norteamericanos. Esta historia non saltou á prensa, pero as que recollo no libro si. Tentei que fosen variadas. Hai algunha que, como dis, relaciónase directamente coa mitoloxía popular (trasnos, aparicións, xaxunadoras coma unha muller que estivo trinta anos sen comer), pero moitas outras non. (…)”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Elena Gallego Abad

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro CITA na Pontevedra de tinta e pedra., enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, que guiou Elena Gallego Abad o domingo 19 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí: