Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2022, dedicada a Xosé Manuel Martínez Oca (I)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVIII edición, recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé Manuel Martínez Oca, que foi homenaxeado na Estrada o 18 de xuño de 2022.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica a cargo de Soledad Penalta), a plantación da árbore simbólica elixida polo propio autor (un bidueiro) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse un adianto da crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Carlos Taibo: “A situación da nosa lingua é dramática, pero a xente nova, a pesar de todo, fala galego”

Entrevista a Carlos Taibo na Televisión de Galicia:
O feitiço das línguas está publicado por Através editora. A análise política internacional deixa paso cos anos a ensaios máis persoais do exprofesor da Universidade Autónoma de Madrid. O profesor Carlos Taibo asina unha autobiografía lingüística na que afirma que a lingua non é só un sistema de regras, senón unha institución sociocultural que constitúe a nosa identidade individual e colectiva. A entrevista pode verse aquí.”

David Rodríguez, premio Vicente Risco por un estudo sobre Castelao

Desde Nós Diario (foto do autor, de Nós Diario):
“David Rodríguez resultou gañador da XXVI edición do premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco. Rodríguez, autor do volume O canastro é o tornarratos, é unha das voces de máis relevo do ensaio galego actual. Precisamente, este traballo significou a consolidación dun autor que xa se tiña dado a coñecer en diversas obras colectivas e mediante o blog O funambulista coxo, cuxos traballos foron publicado en parte en 2012.
A obra premiada pola Fundación Vicente Risco leva por título Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo en Castelao e nela achega novas perspectivas de análise sobre o pensamento do líder nacionalista.
David Rodríguez sinala a Nós Diario que con este traballo pretende “descubrir o que había de cultura política republicana en Castelao”. Neste caso, “o seu é un republicanismo antigo, non un republicanismo liberal, por iso pon o foco na comunidade, que precede ao individuo”.
Rodríguez ten presente na súa análise a formulación de Benjamin Cnostant. “Constant un liberal clásico, diferenciaba entre a liberdade dos modernos e liberdade dos antigos”, afirma Rodríguez, quen destaca que na segunda “o colectivo se antepón ao individuo e todo é politizábel”.
“Castelao rexeita a tradición republicana francesa e contrapona a unha tradición ibérica, que nesta caso é confederal”, continúa Rodríguez, quen defende que “o pouso tradicionalista de Risco enchoupa o pensamento de Castelao”.
Os debates de Castelao teñen un importante carácter xeracional. Nesta liña, Rodríguez apunta a analoxía entre as súas formulacións e dalgúns contemporáneos, “como acontece con Gramsci, no referido ao populismo ou ao nacional popular”.
Rodríguez observa en Castelao preocupacións semellantes “ás expresadas por Polanyi no seu volume A grande transformación ou as defendidas por Walter Benjamin sobre o carácter non lineal da idea de progreso”, defendidas polas correntes mecanicistas do marxismo.
“O pensamento de Castelao certifica que non hai quebra entre o Partido Galeguista e o nacionalismo de matriz marxista que xurde na década dos 60”, certifica Rodríguez, quen cuestiona “a tese do piñeirismo que quere estabelecer unha incompatibilidade entre estas dúas correntes”.”