Trono e caléndula, os versos premiados de Carlos Penela marcados pola musicalidade

Entrevista de Antón Escuredo a Carlos Penela en Nós Diario:
“(…) O poeta vigués Carlos Penela atende Nós Diario desde Viena (Austria), cidade onde reside, para conversar sobre a súa nova obra, Trono e caléndula, pola que vén de recibir o Premio Poesía Concello de Carral. Penela adianta algúns dos segredos desta obra que non será editada até o ano que vén.
O texto realizouno a lume lento “ao longo dos últimos tres anos, coincidindo co tempo groso de pandemia e confinamento”, recoñece. O contexto, sinala, “influíu, aínda que non é un libro que trate de falar do confinamento”. De Trono e caléndula, Penela salienta, por diante de todo, a estrutura.
“Presenteino co lema de ‘Libro de horas’ ao ser unha especie de almanaque no que eu vou debullando unha serie de temas dentro da estrutura das estacións do ano, nese sentido moi simple”, apunta.
A obra conta con catro partes que se corresponden coas estacións do ano. Por cada estación van varios poemas, “moi simétricos na estrutura, no contido e na extensión tamén”, di o autor. Penela revela que nesa estrutura conta temas como o exilio, a emigración ou a superación da dor, recorrentes, por outro lado, na súa obra.
Marcado polo ritmo das estacións e polo devir do tempo, a obra gañadora respira tamén a idea da natureza como algo externo. “Aí si que se nota que se concibiu desde certa reclusión, o libro ten vontade de saír fóra. Está concibido desde interiores e fala moito do exterior. Cada unha das partes do libro vén marcada por iso e polo vocabulario da natureza, as cores, as estacións”, descobre Penela.
Sobre o ritmo, unha das peculiaridades que salienta o xurado do Premio na súa acta, o autor coincide en que o seu texto “ten moita musicalidade”. Sobre esta circunstancia comenta que esta característica “é algo que creo que se abandonou un pouco en certa poesía actual galega, mais a min interésame”.
Como ramo da obra, Penela recolle as citas de autoras e autores que lle influíron. “Está John Berger e Mark Strand, neste último, se cadra, está o sentido do libro de buscar saír da sombra de un mesmo”. (…)”

Xosé Manuel Martínez Oca: “Un simple encontro pola rúa con alguén pode darme pé a escribir algo”

Entrevista de Antón Escuredo a Xosé Manuel Martínez Oca en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que representa para vostede ser escollido como o autor ao que se lle dedica a homenaxe de Escritor na súa Terra por parte da AELG?
– Xosé Manuel Martínez Oca (XMMO): Por un lado é unha nova moi agradábel e por outro tampouco lle dou unha importancia excesiva. Creo que é un medio polo que AELG trata de publicitar os nomes das autoras e dos autores que forman parte da asociación. Nese aspecto non me parece mal.
– ND: O evento procurará achegar a súa traxectoria ao seu lugar de nacemento. Que importancia tivo A Estrada na súa formación como persoa e como escritor?
– XMMO: Na Estrada vivín os primeiros dez anos da miña vida polo que significou un período moi importante no meu desenvolvemento futuro como persoa. No acto da AELG procurarei explicar como foron eses anos. Precisamente agora lembrei as amizades que tiña de neno na Estrada e que espero ver no acto deste sábado. Para min, como para todo o mundo, ese período foi de formación. Nada excepcional.
– ND: Na súa traxectoria vital tiveron, daquela, máis relevancia as outras poboacións polas que pasou ao longo da súa traxectoria profesional?
– XMMO: Si, tal vez o período que vivín na cidade de Ourense entre os 11 e os 20 anos tivo máis importancia na miña integración literaria. Despois, tamén é certo, que pasei por outras cidades como Ferrol, Cee, Madrid ou Bilbo.
– ND: Ten unha gran produción literaria e unha non menor presenza en publicacións especializadas e medios de comunicación. Como entende que debería ser a relación entre literatura e prensa?
– XMMO: Desde o meu punto de vista creo que os temas culturais, así como tamén os temas literarios, deberían ter máis espazo na prensa diaria e semanal. Aínda así creo que tampouco hai que abusar.
– ND: Que temas lle soe interesar máis tratar cando se pon a escribir unha novela?
– XMMO: Botando unha ollada estes días por riba aos libros que escribín, e recoñezo que dalgúns non me lembro, noto que en gran parte deles case a idea inicial para escribir a historia náceme nunha viaxe. Despois, moitas veces, o texto non ten moita relación coa viaxe que fixen… mais é algo moi curioso.
Se cadra, cando estou de viaxe libérome un pouco da monotonía da vida diaria e podo pensar noutras cousas. En relación á temática que máis emprego, varía en cada momento. Un simple encontro pola rúa con alguén e unha conversa pode darme pé a escribir algo. Pola contra, non é a primeira vez que me paran para contarme unha historia coa idea de que a aproveite para unha novela e non me inspira para nada. A verdade é que non teño unha regra fixa.
– ND: Na súa obra Tres en raia, que publicou Baía Edicións este ano, achégase de maneira directa á experiencia da amizade. Marcáronlle as amizades da súa propia vida?
– XMMO: Si, moitísimo. Esta novela realmente parte dun feito real. Un grande amigo meu, Xaime Enríquez, que morreu de cancro de pulmón, nos seus últimos meses de vida pediunos aos amigos máis próximos que buscásemos que fora dos seus outros amigos que se perderan. Despois, a peripecia que relato xa non ten nada que ver coa realidade.
Tiven amizades que me marcaron e as súas vidas servíronme para contar con temas para varias obras. Lembro, por exemplo, a novela Todo o peso do ceo (Edicións Luís Vives, 1997) onde conto practicamente a incríbel historia dun amigo de arriba a abaixo. Con esta obra non me custou, como si me aconteceu con outras, perder unha amizade.
– ND: Podería adiantar a Nós Diario se verá a luz algunha obra nova súa os vindeiros meses?
– XMMO: Na editorial que me acaba de publicar a novela, Baía Edicións, contan cunha colección de contos miña que semella que teñen intención de publicar, ao mellor, para o ano vindeiro, non o sei de certo.
Por outro lado, estou dándolle voltas a unha novela que xa rematei e deilla a ler a un amigo do que me fío, mais non a vexo con bos ollos polo que aínda lle estou a dar voltas para ver que fago con ela.”

Trasalba: Festa Literaria Premio Trasalba 2022 a Carlos Mella, o 26 de xuño

A Fundación Otero Pedrayo fará entrega do Premio Trasalba 2022 ao galardoado este ano: o economista e escritor, Carlos Mella Villar, quen tamén foi parlamentario e vicepresidente da Xunta de Galicia.
A entrega do devandito premio, que fai o número 40, terá lugar na Festa Literaria que se celebrará no pazo-museo Otero Pedrayo, en Trasalba, o devandito día 26 do presente mes de xuño.
Ao remate do acto, actuará o grupo A Roda e haberá unha comida de amizade no souto do pazo, previa inscrición, ben a través do correo electrónico fundación.otero.pedrayo@gmail.com ou ben chamando ao tf. 988 281 139. O prezo é de 20 euros.

Compostela: Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, Arte e Vida

“O Arquivo de Galicia comprácese en convidar a vostede a participar na conferencia e mesa redonda inaugural dos actos de celebración do Centenario de Luz Pozo Garza que terá lugar o martes 21 de xuño, de 11 a 13 horas.

Lugar: Auditorio Neira Vilas
Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia
Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela

– Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero (11-12 h.)
“Luz Pozo Garza e os seus poemas sobre Rosalía de Castro. (Un dos grandes capítulos da singular obra poética de Luz Pozo Garza: o extenso corpus de poemas nos que a autora se debruza sobre algúns episodios biográficos de Rosalía de Castro e sobre bastantes textos seus, sempre á procura da condición tráxica, dos enigmas e da radical orfandade da escritora)”

– Mesa redonda sobre a súa obra literaria (12-13 h.). Intervirán:
Xosé María Álvarez Cáccamo,
“Luz Pozo Garza. Claridade, fondura, elegancia”
Claudio Rodríguez Fer,
“Traxectoria simbolista dunha poeta vital”
Olivia Rodríguez González,
“A poesía finxidora de Luz Pozo Garza”

Esta actividade complementa a exposición organizada polo Arquivo de Galicia, inaugurada o día 9 de xuño con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, Arte e Vida
Pódese facer inscrición previa a través do portal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, chamando ao teléfono 881999661 ou mándando unha mensaxe a esta dirección de correo: arquivogalicia.cultura@xunta.gal
O acto será de entrada libre ata completar aforo.”