Anxo Muíños: “Recoñezo que escribir narrativa é algo que me esgota, o que non me pasa coa poesía”

Entrevista a Anxo Muíños en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que é Xinque!?
– Anxo Muíños (AM): É a segunda parte da saga que comezou con O alén dos Barqueiros. Naquel libro o protagonista era o antropólogo sueco Ingemar Westtertorma, que no marco da II Guerra Mundial viaxaba desde a súa terra até Portugal, pasando por diferentes países, entre eles a Galiza. En Xinque!, a protagonista, Fanes, é a filla daquel antropólogo; unha rapaza comunista que percorre diferentes países até rematar en California, en pleno auxe do movemento hippie. Esta segunda parte abrangue os anos entre 1965 e 1969 e remata cando militantes do movemento indio de Estados Unidos ocupan a prisión de Alcatraz, en San Francisco.
Fanes inicia o seu propio percorrido vital no medio dunha Europa que esperta aos aires revolucionarios do Maio francés e a Primavera de Praga. É unha especie de viaxe iniciática de transformación que a levará por diversos lugares do mundo. Diferentes ámbitos míticos e ideolóxicos de Oriente e Occidente, achegándonos as cosmovisións de culturas e pobos dos cinco continentes e poñendo todo en contexto coa fonda metamorfose que o mundo experimentou no derradeiro terzo de século XX.
– ND: Di que fai parte dunha saga máis ampla…
– AM: Fai. A primeira parte é a de O alén dos barqueiros e céntrase na mitoloxía, aborda contos, lendas e supersticións. Esta, Xinque!, aborda máis ben as ideoloxías, nuns anos, os sesenta, nas que o mundo era un fervedoiro.
Xa estou traballando na terceira parte desta saga, no que a reflexión dixírese máis ben ao que se deu en chamar as zonas temporalmente autónomas. A respecto da cuarta, teño en mente que sexa máis como unha road movie e xa a partir do século XXI. E haberá tamén unha quinta parte, se ben aínda estou pensando cal sería o eixo, ando a darlle voltas a temas como a etnobotánica, as multinacionais farmacéuticas… (…)”

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2022 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2022, que tivo lugar o 23 de febreiro, organizado pola AELG e a A. C. O Castro, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (estas fotos foron feitas por Alexandre Insua, da A. C. O Castro.

Ramón Nicolás: “Segue a ser moi preciso visibilizar a nosa creación literaria”

Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cal será a súa contribución como académico correspondente?
– Ramón Nicolás (RN): Entendo que a propia entidade suxerirá camiños de investigación ou pescuda polos que poida transitar. Polo de agora, con franqueza, só tiven ocasión de agradecer o nomeamento, tanto ás persoas que a día de hoxe integran a Academia como a outras moitas que me manifestaron por moitas vías a súa satisfacción por esta decisión e, por extensión, o seu afecto. Algo que particularmente valoro moito no ronsel dese «pouso dos afectos» do que falaba Xela Arias.
– LVG: Cre que o seu labor crítico influíu na decisión da Academia?
– RN: Sospeito que si: talvez o meu traballo no ámbito da crítica literaria, desenvolto con maior ou peor fortuna desde esa data, pesou no nomeamento e tentarei que este perfil teña, na medida das miñas posibilidades, un defensor activo na institución. Sempre defendín a necesidade de promocionar a crítica literaria en todos os ámbitos posibles e fíxeno, fágoo hoxe, a custa doutras opcións creativas persoais. Segue a ser preciso, moi preciso, visibilizar a nosa creación literaria: un territorio que cómpre seguir agarimando e construíndo con xenerosidade.
– LVG: A súa sinatura está presente en La Voz dende hai anos, un periódico xeneralista que chega a todo tipo de público: como enfoca entón as súas críticas?
– RN: Para min gozar desta atalaia desde hai moitos anos supón un privilexio. Cultivar o exercicio da crítica sen ningún tipo de presión, alén doutro tipo de colaboracións que atenden ao fenómeno da nosa literatura, e facelo desde un xornal que chega ás mans de milleiros de persoas non deixa de ser, sempre, unha responsabilidade. O enfoque tenta ser precisamente xeneralista, isto é, ofrecer de maneira concisa as ideas clave que dominan un libro ou nunha publicación e suxerir, sendo consciente de que a miña sempre é unha opinión subxectiva, a súa lectura.
– LVG: Creo que o seu traballo como crítico tamén se retroalimenta coas súas investigacións e a atención que lle dedicou e dedica a autores como Manuel Luís Acuña, Cunqueiro, Celso Emilio e Lueiro Rey.
– RN: É posible. Para min esas voces que nomeas foron, e son, obxecto da miña atención como investigador en diversas etapas. Tiven a fortuna de ter na miña formación profesorado competente que me iniciou por eses, e outros, camiños e tamén a inmensa sorte de atopar, sobre todo no caso dos dous últimos autores que citas, contornas familiares que confiaron en min para abordar diversos traballos. E por aí continuaremos.”

Francisco Rodríguez: “Se a invasión de Enrique II en 1371 fracasase, Galiza e Portugal serían hoxe unha nación”

Entrevista a Francisco Rodríguez en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Por que abordou un traballo histórico coma este cando a súa especialidade académica é a Filoloxía?
– Francisco Rodríguez (FR): Iso responde a un desacougo que tiven sempre ao comprobar que eramos ignorantes da historia do noso país en xeral e moi en particular dunha época decisiva como foi a Idade Media, na que fomos un país que reuniu todas as condicións da evolución normal dunha nación. Paréceme abraiante que aínda no século XXI esteamos cun sistema educativo no que os rapaces pensan que Galiza foi Asturias ou León na Idade Media porque non había poder político galego, que nunca fomos nada e que pasamos de ser asturianos ou leoneses a ser españois. Isto realmente é irritante e ademais está en contra da verdade histórica e por iso decidín abordar esta cuestión, que xa foi tratada por outros historiadores aínda que cunha repercusión pequena, co cal hai que reincidir nela e, por suposto, aportando novos argumentos e unha visión un pouquiño distinta. (…)
– LO: Por que elixiu o título de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza?
– FR: Ese e o título xeral para os dous volumes, do cal vaise presentar o primeiro, mentres que o segundo vai saír en xullo. Este primeiro é o pórtico do segundo, xa que tiña intención de escribir nada máis sobre a segunda metade do século XIV, no que se dá unha situación conflitiva e estelar no que Galiza está integrada nunha coroa plurinacional con Castela, León e outros reinos menores como o de Xaén, e hai un conflito interno entre un bando que defende un modelo e outro bando galego-portugués no que Galiza era o centro e que estaba baseado na política atlántica, o comercio e nas relacións culturais e económicas co mundo musulmán. Esta concepción era antagónica coa da nobreza castelá-andaluza, que era de cruzada contra o mundo musulmán e unha política máis volcada cara ao sur e o Mediterráneo e cun modelo social e económico no que os comerciantes e artesáns tiñan menos relevancia. Isto acabou coa invasión de Galiza por un exército multinacional de aragoneses, franceses e casteláns que ocupou o país durante dezaseis anos e que incluso invadiu Portugal. Como os principais dirixentes do rei Pedro I o Cruel eran galegos, como Fernando Ruiz de Castro, nada menos que 500 familias nobres foron ao exilio e se embargaron todos os seus bens.
– LO: Podía opoñerse Galiza a Castela naquel momento co seu peso territorial e demográfico?
– FR: Demográfica e economicamente tiña moito máis peso que o reino orixinario de Castela ata o século XIV, e por iso aguantou tanto tempo. En Galiza o apoio a Pedro I era total, aínda que en realidade era a Ruiz de Castro, e por iso tiveron que atacala. Lugo estivo cercado durante máis de dous meses e non conseguiron rendelo, e despois do asasinato de Pedro I en Montiel, en 1371 produciuse a invasión de Galiza e Portugal despois de que aquí se designase a Fernando I de Portugal como rei de Galiza. Daquela destruíron a Pobra de Brollón, Castro Caldelas e a zona sueste de Galiza foi castigadísima. E a posterior fuxida de 500 familias nobres, sobre un país que podía ter entre 750.000 e 800.000 habitantes, foi decisiva. (…)”

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2022 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2022, que tivo lugar o 23 de febreiro diante do Teatro Rosalía, organizado pola AELG e a A. C. Alexandre Bóveda, co apoio de CEDRO e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.