Manuel López Rodríguez gaña o X Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey de Fornelos De Montes

“Na tarde do 18 de xaneiro tivo lugar no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o X Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía do concello de Fornelos de Montes, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente, e os vogais Inma Otero, Mercedes Queixas, Lucía Novas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da correspondente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio ao poemario presentado baixo o título Baixo terra. No ar, texto que se impuxo aos outros trinta e un traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Manuel López Rodríguez.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O Premio que é unha iniciativa do concello de Fornelos de Montes lugar natal do escritor Lueiro Rey, chega agora a súa décima edición.
Edicións Xerais de Galicia será responsable da publicación do volume gañador, que se presentará publicamente no mes de xullo.
O xurado destaca a capacidade do autor para construír unha superposición de dous discursos poéticos que responden a dous planos de conciencia. Por unha banda, a evolución íntima e sandadora como un río que procura a superación do drama. Por outra, a descrición sorprendente da brusquidade dunha emoción. O diálogo cun ti, as imaxes en proceso continuo de transformación e o cruzamento entre o subxectivo e o orgánico dotan o poemario de frescura e intensidade.”

O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro

Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “

Tabela dos libros. Xaneiro de 2022

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “A terra e o tempo trazan a liña da literatura”

Entrevista de Ana Mosquera a Xosé Luís Méndez Ferrín en Luzes:
“(…) – Luzes (L): Vostede é un autor moi imaxinativo, pero os artigos deste libro [No Fondo dos Espellos], que vén de publicar a Universidade de Vigo, teñen unha forma máis ensaística. Recollen temas moitas veces eruditos de arqueoloxía, historia, zooloxía, galeguismo e nacionalismo. Que o impulsou a este enfoque?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): En realidade isto ten que ver co formato. Déronme unha plana enteira no Faro de Vigo, nun suplemento de carácter cultural, e era un lugar adecuado para falar de historia, onomástica e outros temas que me interesan especialmente, como a zooloxía de insectos. Este enfoque prodúceme unha especial satisfacción porque sempre deixara o xénero ensaístico de lado na miña obra. É unha sección que me permitiu abordar temas que había tempo que maduraran dentro de min. Eran como os ovos dunha galiña que foran chocando e dos que foron saíndo coma pitiños ou poliños dispersos, pero unidos coma unha pequena rolada ao redor de min. (…)
– L: A súa traxectoria política e vital converten a figura do escritor en parte da súa obra?
– XLMF: Non se poden separar. Nun escritor cunha conduta cívica resulta inseparable. Todo o mundo ten unha poética, ten una concepción do mundo e unha visión das cousas que forzosamente se reflicten no que escribe.
– L: Un escritor dunha lingua minorizada, coma o galego, pode convertese automaticamente nun activista da lingua? É isto positivo?
– XLMF: A lingua é unha das nosas fortalezas, aí somos imbatibles e indestrutibles. A nosa literatura é superior á catalá, dígoo aínda co risco de parecer supremacista. A nosa literatura vén desde a Idade Media. Cando os cataláns aínda escribían en provenzal, nós xa escribiamos en galego. Tiñamos os poetas medievais, a Martín Codax, a Alfonso X o Sabio. E agora até desapareceu practicamente a figura do escritor galego en castelán. Hoxe non hai ningún Valle-Inclán, ningún Torrente Ballester. A literatura que se produce en Galicia é en galego e danos unha fortaleza indiscutible para a defensa da lingua.
A literatura galega de hoxe é unha literatura de vangarda, tratando temas universais coma cando vostede e o grupo Brais Pinto trataban de colocala á altura das novidades europeas e sacala do costumismo. Os que empezaron a colocar a literatura galega nas vangardas foron Rosalía, Pondal, Manuel Antonio… Hoxe segue sendo unha literatura do seu tempo, da época. Cando nós fundamos o voceiro político antifascista do noso partido, chamámoslle Terra e Tempo. A terra e o tempo trazan a liña da literatura. (…)”

Anselmo López Carreira: “A Reconquista é un termo ideolóxico e, dende a perspectiva galega, absurdo”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Historia de Galicia:
“(…) – Historia de Galicia (HG): Polo tanto non houbo “Reconquista” en Galicia.
– Anselmo López Carreira (ALC): A Reconquista é un termo totalmente ideolóxico, o que eu chamo un ideoloxema, porque reconquístase o que antes foi dun, pero claro pensar que os Reis Católicos chegan a reconquistar o que 800 anos antes fóra seu, é absurdo. É unha típica visión ideolóxica, usar a historia como un artefacto ideolóxico. Ademais, dende unha perspectiva galega é absurdo. Aquí nin se recuperou, posto que nunca foi ocupado, nin se repoboou, porque sempre estivo poboado.
– HG: Por que se segue ensinando esa historiografía española chea de tópicos nas escolas e institutos?
– ALC: Porque foi adoptada como oficial nos programas escolares que decidían os ministerios, polo que son claramente políticos. Recollen unha narrativa que é parte integrante á construción do Estado liberal dende o século XIX. Trátase de dotar a unha entidade política que é o Estado de elementos de cohesión moi fortes de nación. Polo tanto, van querer dotalos duns elementos moi fortes que crean a cohesión que procede da propia historia. A historia non entra na discusión democrática. O modelo de España é intocable, non é un elemento que estea a mercé da política, senón que procede da historia e da providencia.
– HG: A ideoloxía determina o traballo dun historiador?
– ALC: O historiador ten tanta ideoloxía como calquera outra persoa e transmítese o traballo. Unha cousa é o desexo de que a ideoloxía non contamine o teu traballo de investigación e outra que non o condicione. Por exemplo, a ideoloxía determina o campo do teu interese no momento de iniciar a investigación. Unha vez escolles un campo na túa investigación, estás en función das fontes e hai que ser honesto coas fontes. A aplicación do traballo é algo propio da persoa como cidadán.”

Trasladan ao Courel os restos do poeta Uxío Novoneyra

Desde Nós Diario:
“Os restos mortais do poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930 – Compostela, 1999) descansarán para sempre no Courel, após seren trasladados esta sexta feira desde Lugo até “a horta da súa casa”, como pedira.
Así o manifestaron no acto de despedida celebrado no cemiterio de San Froilán, onde a súa familia recitou versos do poeta: “Vido visto ben Santiago / i esa cuestión non resolta / fago camiño de volta / camiño de volta fago. / Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra só en ti fúndome: / é a certeza que trago”.
Após máis de vinte anos en Lugo, os restos do poeta galego descansarán en Folgoso do Courel, na súa casa, como era o seu desexo.
“O meu pai era un namorado de Lugo, era de Lugo, eu son de Lugo… pero o pediu facer o camiño á inversa: De Santiago ao Courel pasando por Lugo”, afirmou Uxío Novo, fillo do homenaxeado.
A familia quixo cumprir co desexo de Novoneyra e, tras ler varios dos seus poemas, co himno galego de fondo, describiu o seu novo lugar de descanso.
“Estará na horta baixo terra, como el quería, rodeado de rosas, de follas de castiñeiro de verdade e tamén de bronce”, dixo a súa familia.
Así, despois de dúas décadas “rodeado dos seus amigos” Pimentel, Ánxel Fole e Álvaro Gil, entre outros, Uxío Novoneyra chega ao final do seu traxecto e descansará, para sempre, na súa casa, rodeado dos seus familiares.”