Desde as Concellarías de Cultura e Mocidade de Moaña organízase unha xornada matinal de poesía e música para celebrar a primavera neste 21 de marzo, “Día Internacional da Poesía”. Emitirase un vídeo ao vivo no Facebook do Concello de Moaña ás 12:00 coa presentación do libro De casa queimada, da escritora Iria Collazo, editado por Alvarellos Editora, e acompañada por Anna R Figueiredo. A parte musical será a cargo de Luís Caruncho, que se achegará a Moaña para tocar unhas pezas de poemas musicados e mais un brindo improvisado.
Xela Arias: “O meu compromiso comigo está en escribir desde min. E eu son muller, miope e galega”
Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega publica en edición dixital o artigo sobre mulleres e literatura que Xela Arias (1962-2003) presentou no Encontro de escritores galegos e portugueses, celebrado en Santiago de Compostela en setembro de 1991. A escritora referíase neste texto á escrita como un acto de liberdade que exercía sen pensar en que era unha muller, como tampouco pensaba ao sentar diante dun papel que era miope e galega. “Pero tamén sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”, reflexionaba. A protagonista do Día das Letras Galegas 2021 criticou ademais a recepción nesgada que sufriu como autora polo feito de ser ela muller. Entrementres, escritores “pretendidamente feministas” seguían a facer “poemas amatorios onde eles son o lobo e elas as estáticas, inútiles e estúpidas carapuchiñas desexantes de sempre”.
“Tres décadas despois, o panorama que describe Xela Arias neste texto mudou. Pero aínda queda camiño por percorrer, e hai que darlle as grazas a ela por nos axudar a percorrelo”, valora a académica Marilar Aleixandre. O artigo da escritora, tradutora, editora e docente á que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas fora publicado por Camiño Noia tras o seu pasamento no libro colectivo de homenaxe Xela Arias, quedas e nós (2004). A catedrática emérita da Universidade de Vigo gardara durante anos as follas que a propia Xela Arias lle entregara tras a mesa que compartiran no Auditorio de Galicia, o que permitiu conservar esta achega agora dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
Cando Xela Arias presentou este traballo no devandito congreso, fíxoo no marco dunha mesa sobre mulleres e literatura, tras a celebración en días anteriores de dúas xornadas sobre poesía e narrativa sen voces femininas. A autora criticou entón o que ilustra este feito e insistía en que para ela a escrita era “un acto de liberdade” que non asumía pensando na súa condición de muller. Mais Xela Arias recoñecía deseguido que o feito de ser muller e consciente da desigualdade de xénero está irremediablemente presente na súa ollada: “O meu compromiso comigo está en escribir desde min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ó feito das mulleres, das miopes e das galegas”.
“Escribir é un acto de liberdade e moitas veces preténdese falar de cousas universais. Pero tamén é certo, como Xela Arias apunta, que escribimos dende a nosa experiencia de mulleres”, coincide Marilar Aleixandre. “E ao facelo invadimos o territorio masculino da escrita e abrimos outros novos onde eles non entraran. Xela Arias é un bo exemplo: aí temos Darío a diario (1996), onde fala da experiencia física do embarazo, do parto, da relación entre nai e fillo; e outras obras nas que fala da sensualidade, do amor ou da vida doméstica tamén desde a experiencia de muller”, expón a académica. No artigo aparecen ademais –engade– a “ledicia, a rebeldía e a liberdade que están presentes na súa poesía”.
As reflexións de Xela Arias sobre as mulleres e a literatura viron a luz un ano despois da publicación de Tigres coma cabalos (1990), un libro con 48 poemas da autora e 48 fotos de nus en branco e negro. A poeta referiuse á recepción desta obra como exemplo ilustrativo dos prexuízos de xénero, tamén entre a intelectualidade da época: “Somos moi hipócritas porque vivimos nunha sociedade da que a súa parte que se di culta comenta as tetas antes có significado, e mesmo só. (…) O morbo está en que eu saia entre as espidas? Falacia; poñamos un poeta, os seus textos, el como parte dos modelos, e o libro ten acollida nos seus termos de valía ou non valía, mais non de morbo. Aposto”.
Xela Arias tamén puxo como exemplo da desigualdade de xénero na literatura un dos comentarios sobre a súa contribución ao volume Contos eróticos / elas, un relato protagonizado por unha muller que mantén relacións superficiais con varios homes. A autora da crítica preguntábase escandalizada que imaxe se podía dar das mulleres “presentando unha ninfómana”. “Este tipo de críticas que negan as mulleres seren suxeitos que desexan, e non só obxectos de desexo, chegan ata hoxe”, lamenta Marilar Aleixandre.
Alén do mundo literario, o artigo de Xela Arias censura outras manifestacións da desigualdade que perduran, como segue a ser preciso denunciar cada 8 de marzo e todo o ano. Desde prexuízos relativos á imaxe feminina ata a escasa corresponsabilidade masculina no ámbito privado. “Pertencemos a unha raza que precisa Instituto [da Muller], que precisa cota. O modelo segue sendo boa presenza, bos modais, e agora engádeselle: traballe coma un home, non querían ser iguais? E si, rendemos coma un home. Pero iguais quere dicir iso, iguais, e eles —na maior parte dos casos— esqueceron que deberían achegarse ao noso mundo —ese que representamos durante miles de anos como sustento afectivo da familia—. (…) Iso si, triunfan deseñadoras, cantantes e actrices. Á fin, andouse un montón para estar no mesmo sitio”, denunciou.”
Booktrailer do libro Fábula das aves, de Manuel Forcadela
Non pare a festa, de Ramón D. Veiga
Desde Radiofusión:
“Para nenos e nenas, e para coleccionistas, é o libro ilustrado Non pare a festa do escritor Ramón D. Veiga. Vén ser a segunda parte doutro libro publicado en 2018 sobre o Entroido galego. Non pare a festa, editado por Xerais na colección Pequeno Merlín, é o motivo literario que nos volveu reunir co escritor fenés, Ramón D. Veiga. Hai so uns meses falamos con el do seu conto en liña EuQuedoNaCasa escrito durante o confinamento.
Agora sorpréndenos con Non pare a festa, xusto no mes dun Entroido que debera estarse celebrando por todo o país. Man a man co ilustrador David Sierra, volven recrear os personaxes e as máscaras máis populares do entroido galego. Agora aparecen outros máis agochados pero non menos importantes como por exemplo o boteiro, a bonita, os charrelos, a gárgola, e un dos seus preferidos, o “vixigueiro” .
Na anterior entrega puxeron aos máis coñecidos papando un cocido de entroido, agora presentan aos outros de folión, tocando e cantando polos camiños adiante, cantigas en verso que tanto gustan ás crianzas. Porque, segundo nos confesou Ramón D. Veiga, o Entroido é a suma de todo iso, todo é un exceso. El é dos que participan activamente na festa, non dos miróns.
Este ano é como é e, non só lle parece ben a Ramón D. Veiga o recurso das redes sociais, senón que el mesmo está a presentar o libro dese xeito. Non pare a festa leva un código QR coa canción do mesmo nome interpretada por Amigos dos músicos.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Real Academia Galega lamenta o pasamento do expresidente Xosé Ramón Barreiro Fernández
Desde Nós Diario:
“O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifesta en nome da institución o fondo pesar pola perda do profesor Barreiro. “Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Botarémolo moito de menos”, expresa. Xosé R. Barreiro asumiu como presidente, entre decembro de 2001 e decembro de 2009, “unha etapa moi importante de renovación e modernización da Academia, que se iniciara no período como presidente de Francisco Fernández del Riego, con quen foi tesoureiro”. Víctor F. Freixanes salienta tamén o seu papel como historiador dentro e fóra da RAG. “Foi un membro destacado da xeración de historiadores que anovaron o estudo desta ciencia en Galicia a partir de década dos 80. Prestou especial atención a capítulos importantes da historia contemporánea de Galicia e da súa cultura, e á preservación da memoria da Academia, con achegas tan relevantes como a biografía do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía”.
A vinculación de Xosé Ramón Barreiro Fernández coa Real Academia Galega remóntase ao ano 1971, cando foi nomeado membro correspondente da institución. O 14 de febreiro de 1997 converteuse en académico de número, a proposta de Antonio Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Antonio Meijide Pardo, coa lectura do discurso O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846). Tras ser tesoureiro da institución entre 1997 e 2001, durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, asumiu a presidencia entre 2001 e 2009, período no que se iniciaron os procesos de dixitalización de fondos e informatización dos recursos da Academia.
Como especialista na figura de Manuel Murguía, foi ademais coeditor do seu epistolario, as máis de 1600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia Galega. O historiador exerceu tamén dende a Academia un papel destacado na divulgación da figura de Emilia Pardo Bazán como director do grupo de investigación La Tribuna da Casa- Museo Emilia Pardo Bazán, autora sobre a que escribiu diversos artigos.
Xosé Ramón Barreiro Fernández ingresou no seminario de San Martiño Pinario e proseguiu os estudos de Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, onde se licenciou en 1963. Dous anos despois doutorouse na mesma universidade coa tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico, pola que recibiu a cualificación de Summa cum laude e a medalla de ouro da universidade. De regresou a Galicia, foi profesor no seminario e en 1974 rematou os estudos de Filosofía e Letras (Sección Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura La Ilustración en la Universidade de Santiago de Compostela, que acadou o premio extraordinario. Doutorouse en 1979 coa tese El campesinado gallego en la historia contemporánea. (…)”
Presentación en liña de Bambán de vento, de Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro
A Coruña: presentación de 15 biografías secuestradas, de Manuel Monge, o 22 de marzo
Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021
Os Paseos virtuais pola Coruña Literaria 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Volven os Paseos que quedaran cancelados por mor da pandemia. Debido á situación sanitaria, os contidos foron gravados e os paseos, de carácter virtual e audiovisual, poden verse na web de Normalización Lingüística do Concello da Coruña as redes sociais. Permanecerán visibles durante un mes desde a primeira emisión de cada un deles.
Estes Paseos virtuais pola Coruña Literaria, que organiza Normalización Lingüística do Concello da Coruña xunto coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, teñen datas e protagonistas para esta primavera. María Canosa, Olivia Rodríguez González, África López Souto e Xosé Antón Bocixa con Emma Pedreira levarannos, de maneira virtual, por diferentes localizacións da cidade que ambientaron ou inspiraron as súas obras.
O calendario é o seguinte:
– 11 de marzo, con María Canosa. Peregrina na miña cidade. O paseo rememorará a visión de dúas protagonistas dos últimos libros da autora. Na obra á que fai referencia o título do paseo, a protagonista chega á cidade por mar e sentirase atraída por todo aquilo que é a fachada da cidade pero tamén polo que queda ás súas costas. A segunda protagonista vive dentro da cidade e transita os espazos menos pintorescos e máis prosaicos, o día a día, a cidade que se “usa”. Pode verse aquí.
– 18 de marzo, con Olivia Rodríguez. A Coruña de Luz Pozo Garza. Faremos un percorrido polos espazos vitais e poéticos de Luz Pozo Garza na nosa cidade e deterémonos naqueles lugares máis significativos na súa traxectoria. Poderá verse aquí.
– 25 de marzo, con África López. Concepción Arenal na Coruña: escoitando as ‘malas mulleres’. Faremos un percorrido aberto e participativo pola presenza de Concepción Arenal na nosa cidade, incidindo nas súas perspectivas en relación a unha visión humanitaria do castigo, a potencia da amizade entre mulleres, centrada na súa relación con Juana de Vega, e o legado que deixou a súa vida e obra na nosa cidade. Poderá verse aquí.
– 1 de abril, con Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. O éxodo, a ruína. Un paseo pola poética da memoria e da casa baleira e abandonada e que fica no silencio da ruína, desde o audiovisual ao literario, coa mirada diversa e complementaria destes creadores. Poderá verse aquí.
Bases do XX Certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos
“1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 15 de setembro de 2021.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo:
Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200, Noia (A Coruña)
5. Establécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, un traballador/a municipal que actuará como secretario/a sen voto e tres vogais, nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto na segunda quincena do mes de decembro de 2021.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. Establécese que a Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada renunciando os autores/as aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita editora.
9. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.
O concelleiro de cultura
José Pérez Martínez”
Xurxo Alonso gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía
Desde Nós Diario:
“O gañador desta novena edición do Premio Manuel Lueiro Rey resultou ser o escritor e pintor galego Xurxo Alonso, co seu traballo As vaidosas agonías.
Caracterizado polo verso longo, a habelencia rítmica e o gran abano de voces e citas, o poemario resulta ser, segundo o propio xurado, unha obra de elaborada arquitectura e dunha gran ambición estética. As vaidosas agonías fala da loita do eu ante a ruína dun mundo que se desfai no que se demostra a importancia da palabra.
Xurxo Alonso, pintor fundamentalmente de paisaxes abstractas e conceptuais, é tamén recoñecido polo seu labor de escritor, o cal se viu premiado en numerosas ocasións.
O Premio Manuel Lueiro Rey nace como homenaxe ao ilustre poeta que lle dá nome ao propio premio e ten como obxectivo promover a poesía galega. Na súa novena convocatoria, o xurado destacou o bo nivel dos 37 traballos presentados, así como a gran diversidade temática destes.
O xurado, conformado por Luís Cochón, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, xunto coa coordinadora do premio Carmen Carreiro, decidiron outorgarlle o premio a Xurxo Alonso pois, aseguran, o seu traballo impúxose sobre os demais.”