“Como viviu Lorca en Compostela?”, entrevista a Henrique Alvarellos
Entrevista a Henrique Alvarellos no Diario Cultural da Radio Galega:
“Henrique Alvarellos publica o libro Federico García Lorca en Santiago de Compostela, onde relata como foi a vida do célebre poeta na súa relación con Galicia.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Álex Alonso: “Dende o momento que coñecín o crime de Nigrán, no 1994, souben que algún día novelaría esa historia”
Entrevista a Álex Alonso en Cíes Podcast, desde Xerais:
“Cíes Podcast emitiu unha entrevista co escritor Álex Alonso sobre o libro Granito, publicado por Xerais. O libro gañou o XXXI Premio Torrente Ballester de Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón, a partir do minuto 24″.”
Crónica fotográfica do Roteiro Literario por Lugo con María Casar
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Eis umha flor para o lume e o mar, sobre Carvalho Calero, enmarcado nos Roteiros Literarios por Lugo 2020, que guiou María Casar o sábado 14 de novembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Vigo: presentación de O estado intermedio, de Rexina Vega
Margarita Ledo: “Os eidos da lingua e o feminismo son constantes en min”
Entrevista a Margarita Ledo no Diario Cultural da Radio Galega:
“Margarida Ledo é a primeira muller homenaxeada no Congreso Internacional de Diversidade e Comunicación. Ademais, presenta o seu novo filme, Nación, no festival de Sevilla.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Vídeo da presentación de O caderno de Rosalía, de María Xesús Blanco
Radiofusión: Os minimortos. Ledicia Costas
Desde Radiofusión:
“A cuadrilla dos Minimortos é algo especial xa que están no Outro Barrio agardando polos seus pais. Como agora están solos teñen liberdade e non hai normas. Pero un día chega Catacrak, un neno que ansía voltar ó mundo dos vivos. Esta é a misión deste grupo de ultratumba: axudar a un neno a regresar á vida.
Forma parte dunha saga, esta é a primeira novela. Ritmo lixeiro, ameno e sempre cas risas como obxectivo, Ledicia Costas consigue levar ó mundo da morte a un plano secundario. (…)
A autora sinalaba que ela síntese dende pequena moi vencellada a todo o que ten que ver cos rituais relacionados coa morte en Galicia, xa que son moi diferentes aos doutros lugares. Ademais, considera que a morte é algo que debería deixar de ser tabú para os máis pequenos, xa que cando descobren a verdade, síntense enganados. Baixo este precedente nacen os Minimortos. Un xeito de achegar aos máis novos a esta realidade dun xeito ameno e divertido.
Participaron no clube de lectura: Maite Martínez, Eva Mazás, Esther Val e Henrique Sanfiz.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Elba Pedrosa inicia unha xira de sinaturas de O que non sabías
Desde Xerais:
“A escritora Elba Pedrosa inicia unha xira de sinaturas do seu libro O que non sabías que a levará durante os meses de novembro e decembro por librarías de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O calendario de sinaturas é o seguinte:
– Libraría Berbiriana (A Coruña). 18 de novembro de 2020. 19.00-20.00 horas.
– Libraría Couceiro (Santiago de Compostela). 25 de novembro de 2020. 19.00-20.00 horas.
– Libraría Librouro (Vigo). 27 de novembro de 2020. 19.00-20.00 horas.
– Libraría Pedreira (Santiago de Compostela). 16 de decembro de 2020. 20.00-21.00 horas.
– Libraría Cartabón (Vigo). 18 de decembro de 2020. 19.00-20.00 horas.”
Número 22 da revista Xistral
Información enviada por Toño Núñez:
“Xistral, a Revista Lucense de Creación Poética creada por Manuel María no ano 1949, non poderá ser presentada este ano de maneira convencional debido ás circunstancias que concorren.
Esta publicación, recuperada por Camilo Gómez Torres no ano 2000 coa autorización e compracencia do poeta chairego, edítaa a Área de Cultura do Concello de Lugo e neste ano 2020 chegou xa ao número 22. Camilo Gómez Torres, amigo persoal de Manuel María, ademais de refundala, exerceu as funcións de coordinador dende o número 3 ata o número 20, momento no que pediu o relevo e se fixo cargo da coordinación Toño Núñez.
Este número 22 de Xistral inclúe 130 poemas de 77 poetas, 35 mulleres e 42 homes, e engalanan as súas páxinas 8 ilustracións das irmás Conchita e Luísa Paz Montenegro. A pluralidade é a característica que define esta revista poética. Pluralidade en canto ás traxectorias e os currículos das e dos poetas participantes, pois publican nela poetas de base e poetas que son referencia na nosa poesía contemporánea; interxeracional, temáticas e estilos diversos, pluralidade lingüística…
A presentación, que estaba prevista para hoxe, venres, 13 de novembro, despois de ser adiada xa por tres veces, non poderá celebrarse de maneira convencional. Os novos aforos establecidos e a imposibilidade de que as e os poetas de fóra da cidade poidan acudir ao acto, ademais da complexidade do desenvolvemento do mesmo dada a numerosa participación, motivaron a suspensión do evento. A idea inicial fora presentar Xistral o Día da Poesía, mais as medidas de confinamento impedírano; despois, a presentación programouse para o día 30 de outubro no Vello Cárcere de Lugo, e tampouco puido ser debido a que as 30 prazas de que dispoñía este espazo quedáronse insuficientes; finalmente, diante das últimas disposicións das autoridades competentes, a presentación de hoxe, que ía ser no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, suspendeuse tamén. En consecuencia, Maite Ferreiro, concelleira da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Toño Núñez, actual coordinador, acordaron cancelar definitivamente a presentación do número 22 de Xistral e comezar co proceso de elaboración do seguinte número, o 23. Será, pois, no 2021 cando se presenten conxuntamente os números 22 e 23; confiando en que para daquela se teña recuperada a normalidade sanitaria e social.
Este número 22 de Xistral poderase recoller nas dependencias de Cultura do Concello de Lugo, ou ben, solicitándoo, enviaranse os exemplares aos domicilios das e dos poetas colaboradores, que, en breve, recibirán a carta convite para participar no seguinte número.”