Pilar Pallarés: “Para Carvalho Calero a poesía é catarse, nace da verdade”

Entrevista a Pilar Pallarés na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Como definiría a poesía de Carvalho Calero? Ata que punto está presente en toda a súa obra poética esa ollada existencialista de quen se definiu como fillo de Eva?
– Pilar Pallarés (P): É difícil definir univocamente a poesía dun relativista, a enxergar sempre o ser humano e a si propio como múltiplo e contraditorio. É a poesía dun fillo do século XX, tal como indica mui fermosamente no poema de Futuro condicional “A Álvaro Cunqueiro, 1980”. Lela significa percorrer os camiños que levan da vangarda de carácter racional (criacionista, hilozoísta, cubista) predominante na nosa literatura ao existencialismo, mui evidente en Saltério de Fingoi (1961). Entre vangarda e existencialismo, dúas obras que reflexionan sobre a procura do Absoluto dos simbolistas, con certa conexión co que na mesma época fai Pimentel: Anjo de terra (1950) e Poemas pendurados dun cabelo (1952). A distancia entre Pimentel e Carvalho é a que hai entre o poeta visionario capaz de “ler” o tecido de símbolos que nos rodea e enxergar baixo o aparente caos un sentido, e o poeta racionalista e especulativo incapaz de acreditar realmente no Absoluto simbolista.
Fillo do século XX tamén na medida en que a súa poesía ilustra o proceso de desmitificación e desacralización operado polas vangardas racionais e agravado polas traxedias colectivas, e un retorno ao mito como vía de salvación, algo xa adiantado en Saltério, mais presente sobre todo nos poemarios da década de oitenta.
Tamén salientaría que sendo a poesía de Carvalho mui heteroxénea, con rexistos que van do ludismo e a intranscendencia vangardistas á reflexión existencial, dun certo culturalismo ao prosaico e mesmo antipoético, da esgrevieza propositada á beleza, do íntimo ao político, hai nesa poesía unha enorme coerencia e unhas liñas de forza que lle dan unidade desde o primeiro poemario en galego (Vieiros, 1931) ao xa póstumo Reticências… [1986-1989] (1990). Si, desde os poemas iniciais aos derradeiros, é un “fillo de Eva” quen fala, aínda que con voces diversas; un ser humano baixo o peso da razón e da culpa, alguén finito que aspira á infinitude e que se debate nos seus límites. (…)
– RAG: Como recibiron a propia xeración de Carvalho Calero e a de vostede a súa poesía? Que pegada deixou nelas? E nas posteriores?
– P: Semella que, cando menos durante boa parte da súa vida, non acadou o recoñecemento merecido como poeta. O poema que pecha Fillo de Eva parece que reflicte a consciencia deste feito. El mesmo expresou tamén que nunca tivera interese en se guiar polas modas. Ese poema, “Verdadeiro poeta foi”, que pertence a Reticências… aínda que aparece deslocado na escolma como homenaxe, pon sobre a mesa varias cuestións. Por unha banda, a transcendencia do labor poético para alén das modas, dos tecnicismos dos especialistas e do recoñecimento público. Para Carvalho a poesía é catarse, e non un instrumento para facer carreira literaria. Nace da verdade, e desde esa verdade dialoga con outros seres humanos que nela se recoñecen.
Por outra banda, Carvalho é consciente de que a escasa repercusión da súa poesía ten a ver co silenciamento xeral de que foi obxecto toda a súa obra, de criación ou de investigación e análise. No limiar á escolma Beleza, verdade, editada por Chan da Pólvora o ano pasado, teño en conta outros factores que poden explicar por que alguén que na preguerra era alcumado O Poeta e que aínda nos momentos máis adversos continuou a facer poemas, chega a ser case un poeta oculto: a relegación das publicacións poéticas, que non da criación, nas décadas de 60 e 70, nas que se consagra á docencia, á elaboración da Historia da literatura galega contemporánea (1963), da Gramática elemental del gallego común (1966) e de abundantes estudos literarios e lingüísticos; o décalage entre a fasquía transcendente e existencial da súa poesía de posguerra e a poesía social predominante a partir dos sesenta. Cando nos oitenta recompila a produción poética anterior, escolmándoa bastante severamente, e dá a coñecer novas obras, podería ter exercido unha enorme influencia nos poetas novos, ao que o unen tantos intereses, mais ese é o tempo do Carvalho silenciado polo holding, como el dicía. E para os que o admiraban e seguían era sobre todo o profesor, lingüista e historiador da literatura. (…)
– RAG: Como lle gustaría que sexa coñecido e recoñecido publicamente neste ano dedicado a el?
– P: Dada a imposibilidade de o homenaxear como merece a causa da crise sanitaria, querería que a celebración se prolongase no 2021. É imprescindíbel difundir a súa obra nas aulas, algo agora mesmo imposíbel. E sobre todo, habería que reeditala. Non ten sentido homenaxear un autor se os seus textos son inaccesíbeis. Para alén dos romances A gente da Barreira e Scórpio, da escolma de ensaios literarios e lingüísticos de María Pilar García Negro e das de poesía, unha delas de Paulo Fernández Mirás, nada máis poden coñecer, que eu saiba, os novos leitores e leitoras. (…)”

Compostela: A escrita e a fala na rede

Con motivo das Letras Galegas, ante a imposibilidade de poder realizar actividades culturais no interior da libraría, presentámosvos “A Escrita e a Fala na rede”, unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, unha viaxe a través da súa obra da man de Henrique Rabuñal, Pilar García Negro e Héctor Cajaraville, transmitido en directo a través da conta en Facebook da Libraría.
– Xoves 14 ás 19:00: encontro con Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O Anxo da Terra (Ed. Galaxia).
– Venres 15 ás 19:00: encontro con María Pilar García Negro, autora de Ricardo Carvalho Calero: A Ciencia ao Servizo da Nación (Ed. Laiovento).
– Sábado 16 ás 12:00: encontro con Héctor Cajaraville, autor de Ricardo Carvalho Calero. A Pegada do Compromiso (Ed. Xerais).

A. C. Vagalumes: proposta de lectura da obra de Ricardo Carvalho Calero

Desde a A. C. Vagalumes:
“A Asociación Cultural “Vagalumes” convoca a celebrar o día das letras galegas mesmo nas condicións que estamos a sufrir. A emerxencia sanitaria impide o desenvolvemento da nosa cultura en liberdade ao mesmo tempo que as políticas do actual goberno galego de exclusión da nosa lingua e de desprezo pola nosa cultura está tamén a limitar o florecemento de todas as expresións do noso idioma.
Por iso, é máis necesario que nunca seguir a conmemorar as nosas manifestacións literarias. Non podemos deixar pasar a dedicación a Carvalho Calero das letras galegas deste ano sen o seu debido recoñecemento. Sobre todo despois de décadas do seu inxusto relegamento.
Para iso desde a Asociación Cultural “Vagalumes” facemos un chamamento a que cadaquén amose a súa lectura de Carvalho Calero. Ben da súa obra, ben da súa opinión sobre a súa vida e o seu labor investigador, etc…
Para iso convidámoste a que compartas un vídeo con nós até o 17 de maio para difundir nas redes enviando ao noso enderezo: a.c.vagalumes@tabeirosmontes.com
Achegamos textos de Ricardo Carvalho Calero por se alguén quixera escoller algún destes treitos para o cal pediríamos que previamente nos fose comunicado para así mellor evitar reiteracións.”

Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID19, con Manuel Gago

Desde a Cidade da Cultura:
“O 15 de maio terá lugar o primeiro dunha serie de encontros online con especialistas de distintos campos das industrias culturais e creativas, os Foros #aculturasegue convidan ao debate e á análise dos retos aos que se enfronta o sector cultural na era post COVID-19. A actividade constará dun total de oito sesións en formato videoconferencia, que poderán seguirse de balde previo rexistro. Abordarán temas como os desafíos que se abren ante os sectores da música, das artes escénicas ou do libro no contexto actual marcado pola crise sanitaria, pero tamén cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor de eventos culturais.
15 MAIO | 18 H | Retos nos contidos dixitais da cultura
Na primeira sesión dos Foros #aculturasegue abordaremos os desafíos e oportunidades que as novas plataformas e ferramentas tecnolóxicas presentan aos profesionais e institucións culturais no contexto actual. Para tratar estes temas contaremos coa participación da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do comisario de exposicións e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño, nunha conversa conducida pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón.
As persoas que o desexen poden inscribirse aquí.”

Antón Riveiro Coello le un texto de Á sombra dos bonsais

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Á sombra dos bonsais, por parte do seu autor, Antón Riveiro Coello, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Xavier Estévez le un fragmento de Os camiños do vento

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Os camiños do vento, por parte do seu autor, Xavier Estévez, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Ampliado o prazo para presentar orixinais ao XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

“O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, en colaboración con Kalandraka Editora, e no marco da súa XX Campaña de Animación á Lectura, convoca o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, coas seguintes bases:

1. Poderán optar ao XIII Premio Internacional COMPOSTELA para Álbums Ilustrados todas as obras que se poidan incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes, ou de imaxes e textos, de tal maneira que ambos os dous se complementen.
2. As bases da presente convocatoria teñen como finalidade fomentar a produción artística e literaria destinada ao público infantil e xuvenil.
3. As obras poderán ser presentadas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica e deberán ser orixinais e inéditas. Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que fosen premiadas ou mencionadas noutros concursos. Tampouco se admitirán as obras que teñan máis de tres ilustracións publicadas en internet.
4. Poderán participar unha ou varias persoas, autores/as de texto e ilustración de calquera nacionalidade. Quedan excluídos os/as gañadores/as das anteriores edicións e o persoal da editorial Kalandraka.
5. Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato, pero a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas).
6. Os/As autores/as que opten ao premio deberán presentar:
· Cinco copias do texto.
· Tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas. No caso de utilizarse técnica dixital, admitiranse impresións da obra en alta resolución.
· Unha maqueta acabada do proxecto que se presenta: unha versión impresa con deseño, texto e ilustración, o máis semellante posible ao que será o libro acabado.
7. Nas obras non deberá figurar o nome dos/as autores/as, senón un lema ou pseudónimo. Os datos persoais dos/das participantes achegaranse nun sobre pechado: no seu exterior indicarase o título da obra e o lema ou pseudónimo, e no seu interior o nome ou nomes completos, enderezo postal, teléfono de contacto e enderezo electrónico. Dentro do sobre tamén se incluirán unha fotocopia completa do DNI ou pasaporte, así como unha breve recensión biográfica.
8. Os traballos serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela (Rúa do Presidente Salvador Allende núm. 4, 15705 Santiago de Compostela. A Coruña. España). No sobre especificarase obrigatoriamente XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Nos sobres que se entreguen a través de axencias de transporte non deben aparecer os nomes dos/das autores/as.
9. O prazo de presentación de orixinais ábrese coa publicación destas bases no boletín oficial da provincia de A Coruña e remata o 15 de xuño de 2020. O selo postal non debe ser posterior á data do último día de entrega. A decisión do xurado farase pública na segunda quincena de xullo de 2020, no marco da XX Campaña de Animación á Lectura que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela.
10. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración que segundo o seu criterio técnico seleccionará a obra premiada. Actuará de secretario/a unha persoa que designen as entidades organizadoras. O premio poderá declararse deserto e a decisión do xurado será inapelable.
11. Establécese un único premio, dotado de 9000 €. O premio está suxeito ás retencións que, se é o caso, procedan. O importe do premio non se fará efectivo ata que o/a autor/a ou os/as autores/as entreguen a obra rematada para a súa publicación. A obra premiada será publicada en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka no mes de novembro do ano 2020 e, para tal efecto, asinaranse os respectivos contratos de edición. Así mesmo, a editorial terá prioridade de publicación daqueles traballos que teñan recibido mención especial do xurado. Este dereito terá vixencia durante un ano, despois do cal o/s autor/es poderán dispoñer libremente das súas obras.
12. O/A autor/a (ou autores/as) cederá os dereitos da primeira edición, segundo debe constar no contrato que asinará coa editorial Kalandraka.
13. O/A autor/ra (ou autores/as) comprométese a entregar a obra rematada antes do 30 de setembro do 2020.
14. O/s autor/es correrá/n con todos os gastos de envío das obras a destino. Os organizadores non se fan responsables das posibles perdas ou deterioracións dos orixinais, nin dos atrasos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiros que poida afectar á chegada das obras ao concurso.
15. Os/as autores/as poderán solicitar a devolución dos orixinais non seleccionados. Terán que comunicalo por escrito no seguinte enderezo de correo electrónico premiocompostela@kalandraka.com durante o prazo dun mes dende a decisión do xurado, e asumirán os custes de envío. Para este efecto, facilitaráselles ás persoas interesadas un número de conta onde facer os ingresos correspondentes para o pagamento dos portes. Transcorrido ese tempo, as obras non reclamadas serán destruídas.
16. Os organizadores non se comprometen a manter correspondencia postal nin telefónica sobre os orixinais non premiados, nin sobre a interpretación e aplicación deste regulamento.
17. Se nestas bases quedase algunha cuestión sen precisar será establecida polo xurado ou, se é o caso, pola organización do certame. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.”

Cesáreo Sánchez: “O escritor como tal é invisíbel”

Entrevista de Irene Pin a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Diario:
“Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante a complexa situación que atravesa o sector cultural galego, conversamos con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Nós Diario (ND): A homenaxe das Letras Galegas 2020 chega inevitabelmente marcada pola actual conxuntura de crise sanitaria. Dentro dela, a pasada semana vía a luz o Plan de reactivación da cultura e o turismo da Xunta. Cal é a valoración da AELG das medidas propostas?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Son medidas que reordenan e redistribúen recursos que xa existían, sumando algo ao xa comprometido. Un sector como a cultura, que representa 2% do Produto Interior Bruto da Galiza, precisa outra estrutura e outro volume de apoio, cuantitativa e cualitativamente, que determinen a boa saúde da literatura e da cultura no seu conxunto cara a unha normalidade. O Xacobeo, que se presenta como única alternativa para o país, non só non soluciona os problemas da cultura, senón que a leva a territorios que non son bos para ela. Neste momento a Galiza está a ser considerada e promovida, máis que como un pobo ou unha sociedade cunha cultura milenaria propia, como un camiño de paso, un lugar por onde unha Santa Compaña de peregrinos percorre un parque temático de sendeiros que levan a Compostela. Acontece que os camiños xacobeos están dentro dos camiños históricos do país. As alternativas teñen que pasar por potenciar a cultura propia, para ser creada e vivida desde a Galiza polos galegos e polas que veñan a nos coñecer. Mais non se pode pretender que se faga cultura en función dos que van vir de fóra, como se fósemos só un escaparate. A respecto disto, nós sempre reivindicamos unha Consellaría de Cultura como tal, mais sempre lle poñen un apelido que acaba por devorar o nome. Neste momento ten máis peso o turismo que a propia cultura, cando podía ser algo complementario na asignación de recursos, por exemplo, para a rehabilitación de patrimonio histórico construído, bibliografico e inmaterial.
O escritor como tal pasou de ser un referente en manter o idioma e a identidade a ser considerado só como subministrador de contidos culturais aos distintos sectores con vocación de ser industria. Porén, a nosa profesión é máis ca iso. O escritor é construtor do idioma, responsábel de que acompañe a historia do propio país. Nestes tempos en que participamos en manter a saúde social, creando contidos, tivemos que implicarnos especialmente en explicar que somos profesionais, aínda que non vivamos da nosa escrita. Sempre vai haber escritoras e escritores empregados noutros eidos, pero cada vez máis, por mor da precarización, o peso en moitas delas de actividades en bibliotecas, librarías, escolas… está a ser máis importante. Iso implica que para poder acceder a determinadas prestacións ou proxectos téñense que facer autónomos, mais non hai liñas de axuda específicas á creación literaria.
O sector editorial, non só porque edita a nosa produción, tamén é un lugar natural de traballo para nós, nos distintos oficios da elaboración dun libro. É moi importante que a industria editorial teña forza, tal como aconteceu no pasado, entre a terceira e a cuarta do Estado. Mais hoxe non é así, é un sector que o está a pasar mal e non ten os medios e as dotacións que merece atendendo ao que significa para a construción dunha identidade, da lingua e de acceso á cultura galega de maneira máis profunda e ampla.
– ND: Nese senso, preocúpalles un incremento da precariedade ante a falla de apoio da Administración, que nin sequera menciona as escritoras no Plan de reactivación?
– CS: A situación laboral vai empeorar porque haberá diminución de empregos que, agás nalgúns casos determinados de traballos que non leve por diante a pandemia económica, os escritores van sufrir moito máis. Preocúpanme especialmente as novas xeracións. Eterna a gratitude ás que, aínda que cada vez haxa menos medios e oportunidades, están aí sendo monolingües e construíndo o idioma. Non buscan lugares onde escribir en español para resolver os seus problemas económicos, senón que manteñen unha fidelidade á lingua na creación que debería ter outro tipo de resposta por parte da Administración, que ten as competencias para resolvelo. Nestes días mandamos as nosas propostas a Madrid, ao Ministerio de Cultura e ao de Facenda, para resolver distintos temas pendentes de mudar. Tamén levamos ao Parlamento o caso dos escritores xubilados. Case o 50% dos reformados están en clases pasivas e iso non foi resolto, aínda hoxe hai quen paga multas por cobrar dereitos de autor.
– ND: Dentro das medidas específicas dedicadas da Xunta ao eido editorial, non se atenden todas as demandas presentadas en conxunto coa Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías.
– CS: Hai aumentos na dotación para actividades dentro de bibliotecas ou librarías, na compra de libros… Pero foi aumentar algo que basicamente xa estaba. Hai problemas estruturais que non permiten achegar todo o necesario. Era o momento ideal para parar as obras da Cidade da Cultura e desviar eses recursos á cultura, ademais de repensar o que significa ese lugar. Faltan tamén as necesarias medidas para a cultura de base, sen ela non hai cultura crítica no país. O asociacionismo ten un peso moi importante na promoción da cultura, e do libro en concreto.
Os escritores, como autónomos, poderemos acceder a un “fondo para creadores culturais”, de 1.500.000 euros, mais a realidade é que os escritores como tal somos invisíbeis. Estamos a turrar de todos os carros que sexa preciso, pero á hora da verdade non se nos ve. Iso necesariamente ten que mudar, sen nós o libro galego non existiría. Mais esta ausencia é unha cousa que vén de vello. Na (boa e incumprida) Lei do libro a palabra ‘escritor’ non está como tal, cando debería ter visibilidade propia, pois tena á hora de construír a cultura.
– ND: Achegámonos a unha data fundamental para a visibilización das escritoras galegas como é o 17 de maio. Que significa o recoñecemento de Carvalho?
– CS: Eu agardo, como reclamamos á Academia, que sexa prolongado a 2021 para que estea nas mesmas condicións que tiveron todos os anteriores nomeados, que poida ter unha vida normal dentro do ensino. Carvalho é o noso socio de honra desde a fundación da AELG, hai xa 40 anos. Eu fun presidente da A. C. Alexandre Bóveda, asociación que o rescatou e reivindicou publicamente na Coruña, pois tivemos a fortuna de coñecelo a través de alumnas e ex alumnas súas (na directiva estaba María Pilar García Negro). Soubemos así da súa altura intelectual e da súa dimensión humana, que foi moi importante para min, non só pola súa xenerosidade, senón polo respecto e a comunicación que tiña cos que aínda estabamos aprendendo o oficio de poeta. Ao mesmo tempo, o gran legado de Ricardo Carvalho Calero foi a súa altura ética. Creo que á parte da dimensión lingüística, ás veces esquecemos que foi tamén marxinado polo seu pensamento político. No fondo el defendía que a Galiza tiña que ter forzas políticas propias e a capacidade de construír o seu futuro por si mesma, naquel tempo o piñeirismo sempre lle negou o pan e o sal. Á parte, foi un escritor inmenso como demostra a relectura, por exemplo, da antoloxía feita por Pilar Pallarés, mais tamén un investigador, filólogo… e para min tamén un importante referente humano, ese foi o grande agasallo que me fixo a min e á miña xeración.
– ND: Algunha mensaxe para este Día das Letras confinado?
– CS: Ler a don Ricardo Carvalho Calero, isto axudaranos a cumprir os desexos del porque, como dicía Uxío Novoneyra “sabemos que ti [Galiza] podes ser outra cousa”. Os seus textos concienciarannos de que podemos chegar a ser unha sociedade normal cunha lingua e unha historia e construír o noso futuro con normalidade. Os escritores sempre estaremos aí, especialmente nestes tempos nos que somos construtores de esperanza. E, desde logo, nunca ninguén vai derrotar a esperanza nun escritor galego.”

Polafías Polavida (Cegos e cegas), en Cerqueda (Malpica)

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
En varias das polafías da AELG participaron cegos, cegas e ata impostores. Que saibades que hai dúas persoas das cinco que imos presentar esta semana que pretenden enganarnos!
Escoitamos a Miguel Anxo Calvo “O cego de Liñeiro” en Cerqueda-Malpica o 13 de marzo de 2011 interpretar unha peza ao acordeón.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.