Actos do Día de Rosalía para o venres 22

O CEIP de Prácticas de Ourense celebrará o Día de Rosalía o 22, venres. Ao subir do recreo conectaranse todos os altofalantes das aulas, e os 678 alumnos e alumnas escoitarán un poema musicado interpretado por un mestra en prácticas, para logo o alumnado voluntario de 2º e 3º ciclos de Primaria ir polas aulas dos máis pequenos recitando e cantando poemas da nosa autora.
O CPR Cardenal Cisneros de Ourense organiza ás 12:00 unha lectura de Cantares Gallegos nas distintas linguas maternas dos alumnos do centro, aproveitando a interculturalidade do mesmo: galego, castelán, inglés, francés, wolof, portugués, rumano, árabe.
Na cidade de Lugo oito centros de ensino (IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, Colexio Maristas, Colexio San Xosé, CPR Fingoi e Colexio Divino Maestro) organizan un recitado no Parque de Rosalía, ás 12:00 horas, no que participan un total de 80 alumnas e alumnos en compañía de Marica Campo e Darío Xohán Cabana. O acto rematará cunha ofrenda floral.
En San Sadurniño a homenaxe desenvolverase en dúas quendas entre as 12:00 e as 14:00 horas. Nela participarán alumnos e profesores de Educación infantil e Primaria do C. P. I. San Sadurniño, que lerán a viva voz poemas de Rosalía Castro no salón de actos da casa da Cultura. No acto tamén estará a poeta María Lado, quen fará unha intervención a medio camiño entre o literario e a animación á lectura. Ademais o Concello obsequiará aos máis pequenos con libros que tratan sobre a figura e a obra de Rosalía.
En Cabana de Bergantiños, os alumnos e as alumnas de 5º e 6º de Primaria do CPI As Revoltas farán a súa particular interpretación do poema Fun un domingo, que será recollida nun vídeo.
Na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda promove un maratón de leitura para nenos e nenas sobre textos de Rosalía, entre as 17:30 e as 20:00 horas, e unha charla ao remate do mesmo a cargo de Miguel Mato, quen falará da autora.

Betanzos: presentación de Cando Artur non era rei, de Xabier López

O venres 30 de novembro, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase a última obra de Xabier López, Cando Artur non era rei, publicada en Galaxia. No acto acompañan ao autor Gabriela Rodríguez, presidenta da A. C. Eira Vella, e Francisco Castro.

Betanzos: presentación de Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho

O sábado 15 de setembro, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Liceo de Betanzos, en colaboración coa A. C. Eira Vella, preséntase o libro Letras de amor e guerra, de Ramiro Vidal Alvarinho, publicado nos Cadernos Q de Vian.

Betanzos: inauguración da exposición Querido Balbino, con Xosé Neira Vilas

O martes 31 de xullo, ás 19:00 horas, na Sala Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, inaugúrase a exposición Querido Balbino, que conmemora o 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego. No acto, organizado pola A. C. Eira Vella, participará o seu autor, Xosé Neira Vilas.

Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

Betanzos: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A sexta feira 3 de febreiro, ás 20:30 horas, no Liceo de Betanzos, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, e as asociacións Roxín Roxal e Eira Vella, en colaboración coa Deputación da Coruña, participará o propio autor.

Betanzos: conferencias de Xosé Miranda e Alfredo Erias nas II Xornadas da Historia

O xoves 24 de novembro , ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio do Arquivo de Betanzos, comezan as II Xornadas da Historia. Betanzos na Idade Media, organizadas pola A. C. Eira Vella, cunha conferencia a cargo de Xosé Miranda, baixo o título A Galicia máxica: Lendas. O venres 25 de novembro, tamén ás 20:30 horas, Alfredo Erias ofrecerá outra conferencia, titulada O Medievo en Betanzos.

Betanzos: presentación de Sermos Galiza

A sexta feira, venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, np Salón Azul do Liceo de Betanzos, organizada conxuntamente polas asociacións Roxín Roxal e Eira Vella, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rubén Lois e Xurxo Souto.

Betanzos: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero

O xoves 27 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, terá lugar a presentación do libro de poemas No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero. No acto, organizado pola A. C. Eira Vella, interveñen: Xulio Xiz, Alfonso Branco, David Otero, Alfonso Sanmartín e Sabela Arias, acompañando ao autor, xunto á actuación musical de Miro Casabella.