Artigo de Afonso Becerra de Becerreá no blog sobre teatro O Galiñeiro, en Praza:
“Este sábado, 5 de novembro de 2016, inauguramos a Sección de Literatura Dramática da AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega), coa celebración de dúas actividades que non teñen un carácter só simbólico-representativo, senón, sobre todo, útil.
Esta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, titulada “LITERATURA DRAMÁTICA E TEATRO NACIONAL” propón dúas actividades, unha de mañá e outra de tarde, que poidan ser de utilidade para as dramaturgas/os, para as estudosas e estudosos das artes escénicas contemporáneas e para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais.

Desde a AELG consideramos que o xénero da literatura dramática, aqueles textos con valores literarios e dramáticos, é fundamental para un sistema literario e cultural san, cun desenvolvemento pleno.
Desde a AELG cobramos conciencia de que a literatura dramática en lingua galega é unha descoñecida, unha ausente, na vida cultural de Galiza e, por extensión, do resto do mundo.
Entón, malia que as comparacións poidan non seren correctas, miramos para outros sistemas literarios e culturais veciños, como o catalán, e observamos que a súa literatura dramática actual se edita, se estuda, se escenifica, se traduce e ten unha incidencia moi considerable na sociedade.
Entón, preguntámonos que acontece en Galiza. ¿Non hai obras de literatura dramática, na historia da literatura galega, dignas de circular polo imaxinario colectivo e polos palcos, como acontece, por exemplo coas obras de Federico García Lorca ou de William Shakespeare?
¿Non hai dramaturgas e dramaturgos, na actualidade, que escriban textos que poidamos mercar nunha libraría para gozar da súa lectura ou para que unha compañía teatral orquestre un espectáculo co que poidamos desfrutar?
¿Non hai textos dramáticos galegos que se poidan traducir e que se poidan ver representados no Teatro San Martín de Bos Aires ou nunha sala de teatro de calquera cidade europea, como acontece, por exemplo, con O principio de Arquimedes, de Josep Maria Miró Coromina?
¿Que nos falta?
¿Que nos sobra?
¿Que podemos ou debemos facer? Sigue lendo