Arquivos da etiqueta: Agora que cala a noite
Vigo: actividades do 27 de xuño da Feira do Libro 2023
Baiona: presentación de Agora que cala a noite, de Elba Pedrosa
Elba Pedrosa: “O máis importante para crear é o amor”
Entrevista a Elba Pedrosa en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): A túa vida é para non aburrirse. A cantas cousas te adicas?
– Elba Pedrosa (EP): Esa palabra non a coñezo, nin a quero! Pero tampouco son tantas cousas, non o vexo así. Todo o que fago forma parte do mesmo universo, o de “contar historias”. Levo contándoas desde pequena, na casa, na escola, só que agora dei coas linguaxes máis acaídas para min. Gústame moito aprender, teño moitas inquedanzas e tento facer todas as cousas que me dan a vida e me ilusionan. Sen ilusión non paga a pena, porque non habería compromiso nin tampouco implicación.
– ECG: De todas elas, cal prevalece?
– EP: Sen dúbida a escrita e a televisión están entre todas as miñas querenzas maiores. Eu sabía de sempre que por estes lares andaba a resposta, a realización persoal, pero ata hai uns poucos anos non tiven a afouteza de plantarlle cara á miña propia realidade. A vida levoume a unha situación na que tiven que decidir entre seguir a facer o de sempre ou dar un salto ao baleiro. Escollín saltar e penso que non errei. Gozo co que fago, ás veces mesmo sinto que non é traballo. Con todo, dedicarse á cultura é un reto complicado e doloroso, e as máis das veces aturámolo pola paixón que sentimos polo oficio. Hai moitas correntes de aire neste abismo cultural que te fan tremer.
– ECG: Corren malos tempos para o oficio de periodista. Que se pode facer?
– EP: Seguir a tentar cousas novas, darlle outra volta máis, arriscar e insistir coas teimas. Se estás cansa, repousar, durmir sen complexos nin culpas, e volverte levantar. Nunca se pode perder a esperanza, a pesares de todo. Pódense botar sapos e esconxuros, chorar se é preciso. Eu choro moito, moitísimo. Tamén desafogo coas amizades, digo parvadas, e sempre hai alguén que me dá unha palmadiña no lombo e… lista! Sei que hai que empezar un novo día e tentalo outra vez ata chegarmos a meta que ansiamos. Ou preto.
– ECG: A literatura, ficción, claro, é rendible? Dá para comer?
– EP: O oficio vén sendo de sempre incerto e inestable. O factor sorte ten que estar presente na fórmula, xunto co esforzo e o talento. Hai algunhas autoras e autores galegos que viven disto. Mais é certo que resulta agotador aturar a presión, o desgaste emocional e económico. Os artistas estamos en todo momento para facer que os demais pasen mellor a vida, temos disponibilidade total. E está máis que demostrado que a nosa función social é importante, pero sempre temos que estar a demostrar o noso talento, a procurar oportunidades de traballo, a desbotar inseguridades tamén. Disto falo no meu novo libro, Agora que cala a noite, desa precariedade inherente ao eido cultural, desa tolemia conxénita do mundo das artes e da nosa querenza cega polo que facemos. (…)”