Vigo: actividades destacadas do venres 23 de maio na Feira do Libro

O venres 23 de maio comeza a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

– 12:30 h. Inauguración. Pregón a cargo do escritor Pedro Feijóo.
– 18:30 h. Xavier Vence e Xan Carballa asinarán na caseta da Libraría Andel.
– 19:00 h. Presentación do libro Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, publicado por Xerais. O autor estará acompañado no acto por Manuel Bragado.
– 20:00 h. Agustín Fernández Paz presentará o seu libro A viaxe de Gagarin, publicado por Xerais, acompañado no acto por Manuel Bragado.

Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba

Desde Sermos Galiza:
“O Fundación Otero Pedrayo escolleu ao escritor Agustín Fernández Paz para lle outorgar o Premio Trasalba 2014. A súa sólida e recoñecida traxectoria literaria, o compromiso inquebrantábel coa lingua e a súa participación activa nos movementos de renovación pedagóxica son algunhas das razóns que a entidade expón á hora de valorar o nome do autor como representante da cultura galega a homenaxear este ano na casa grande de Cimadevila, en Amoeiro, nun acto que terá lugar o vindeiro 29 de xuño. (…)
O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica. (…)”

Cuestionario Proust: Agustín Fernández Paz

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Agustín Fernández Paz.

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía (agás cos “poderosos”).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O afecto. E que actúen sen dobreces.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión á hora de solucionar algún problema.
5.– A súa ocupación favorita?
– Unha delas: ver bo cine.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar a carón das persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sentirme afastado das persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou conforme co que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame Galicia, malia todas as desfeitas.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as cores do mundo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As rosas. E a do cinamomo (que en Vilalba chamabamos azahar).
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Franz Kafka e Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– José Ángel Valente
15. Un libro?
– Punto Cero.
16.– Un heroe de ficción?
– Atticus Finch, o avogado de Matar un reiseñor.
17.– Unha heroína?
– Ann Mueller-Sthal, a protagonista d´A caixa de música.
18.– A súa música favorita?
– A das voces femininas do jazz, como Billie Holiday ou Dinah Washington.
19.– Na pintura?
– Vincent van Gogh e René Magritte.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heroe: Emilio Silva / heroína: Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– Paga a pena odiar? Mellor, o desprezo polas persoas que medran explotando outras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai ben delas! Pinochet e Franco andarían no listado.
25.– Un feito militar que admire?
– A actuación do exército portugués o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter bo oído para a música e tocar algúns instrumentos
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Gustar e morrer na mesma frase? Da maneira que menos dor lles cause ás persoas que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– De agradecemento á vida, ese galano marabilloso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non impliquen a dominación sobre outras persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– «O único que queda é o amor».

O Fogar das Palabras: un novo espazo para os xéneros fantásticos en galego

Desde Praza:
“As historias de ciencia ficción, fantasía, steampunk e demais xéneros do mundo fantástico, teñen unha nova rampla de lanzamento. A libraría-taller O Fogar das Palabras en Santiago de Compostela abre outra vía de achegamento aos xéneros que van máis alá da simple ficción. Pero ademais, este espazo ofrecerá talleres de creación, de autoedición e mesmo unha plataforma para quen queira iniciarse na creación literaria desde os xéneros que tratarán os dous responsables do proxecto: Fernando Cimadevila e David Cortizo. Falamos con eles para que nos expliquen algo máis sobre esta iniciativa.
– Praza: Que é este lugar, O Fogar das Palabras?
– Fernando Cimadevila (FC): Pois podemos dicir que é unha mestura entre libraría e taller literario. Nós somos, antes que libreiros, editores. David é editor de Urco Editora e eu de Contos Estraños. Por iso decidimos crear un lugar onde poder levar adiante o noso labor como editores e ao mesmo tempo achegar aos lectores, aos autores e a aqueles que queren entrar no mundo literario, unha ferramenta para entrar neste mundo, a través dos talleres e a autoedición que ofertamos grazas ao selo propio que temos que é O Fogar das Palabras. (…)
– P: Hai elementos propios na ciencia ficción galega e a fantasía galega?
– David Cortizo (DC): Na ciencia ficción non, na fantasía ao mellor si polo substrato céltico e no terror o que xa comentaba Fernando, o agro-terror.
– FC: Outro punto sería a ambientación. En vez e ambientar as historias en Gran Bretaña, ambientalas en Galicia xa lles dá un punto distintivo.
– DC: Agustín Fernández Paz ten unha novela fantástica na que aparecen elementos como meigas e personaxes da mitoloxía galega.
– FC: En tal caso o importante é que se escriban cousas. (…)”

A homenaxe á literatura infantil será múltiple no próximo Salón do Libro

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxea a un autor ou autora da escrita para públicos novos. A próxima será a 15 edición e, con este motivo, queren celebrar a tod@s que foron homenaxead@s en anteriores edicións.
María Vitoria Moreno, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre son os autores e autoras que recibiron a homenaxe anual do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que para a próxima edición, cando se cumpren 15 desde o seu nacemento, prepara un recoñecemento colectivo a quen se lle adicou até o momento a celebración anual.
Cociñando Contos será o tema escollido para a próxima edición, vencellado ao proxecto europeo Europa á carta no que participa en parcería coa editorial Oqo. A ilustradora da AGPI que se encargará de deseñar o o cartel será Natalia Rey González, Pirusca, que traballa na imaxe do encontro que terá lugar do 14 de marzo ao 5 de abril.”