Fanny + Alexander volven poñer música aos novos poetas galegos

alfaiasOs composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI.

Continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adaptacións de textos de autores galegos da súa xeración (Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán), e contan ademais coa colaboración das voces de Carlos Valcárcel de Projecto Mourente en Artefacto Burbur, Martin Wu de The Homens en Toda esa enerxia escura, Alex Charlón de Ataque Escampe en Vigo ou Berlin e o hammond de Banin de Los Planetas en Tardes de domingo.

Descargar disco completo: arquivo zip 84 MB.

A Coruña: presentación de libros de Lino Braxe e Alberte Momán

Mañá mércores 11 de febreiro ás 20:30 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) presentaranse os libros gañadores do II Premio Illas Sisargas de poesía erótica convocado conxuntamente polo Concello de Malpica e a Asociación Caldeirón desta localidade. Os libros premiados foron Baile Átha Cliath de Alberte Momán, con ilustracións de Paco Souto; e Baixo o Sol de Mesina de Lino Braxe, con ilustracións de Sol Rivas. O acto contará coa participación de Paco de Tano, Sol Rivas e os dous autores, Lino Braxe e Alberte Momán. A entrada é libre.

Certame de poesía erótica Illas Sisargas: entrega de premios e presentación de libro

Alberte Momán, gañador do II Certame en 2007, viu presentado o libro galardoado. Enma Pedreira, gañadora do certame no ano corrente, recibiu o premio. Os accésits de 2007 e 2008, respectivamente, foron parar a Lino Braxe e Paco Souto, respectivamente. Máis información no blogue de Alberte Momán.

Ferrol: presentación de Ferrol e o que queda por chover, de Alberte Momán

Alberte MománO xoves 23 de outubro, ás 20:00 na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32, 15402 Ferrol), terá lugar a presentación de Ferrol e o que queda por chover, de Alberte Momán. O evento contará coa presenza do propio autor e de Melba Couto, mestra de literatura e lingua galegas no IES Sofía Casanova.