Desde La Voz de Galicia:
“Unha historia de intriga de ritmo trepidante que arranca co roubo do bebé que unha inmigrante vén de dar a luz en Vigo é a gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, fallado onte. A obra presentouse baixo o título O corazón da Branca de neve e o seu autor resultou ser Francisco Castro e os finalistas foron os escritores Ana María Galego e Xesús Constela. O fallo do galardón, patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, deuse a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrou no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.
O corazón da Branca de neve é unha historia que manexa perfectamente os recursos máis clásicos do suspense. A novela ábrese cunha enigmática escena, na que un personaxe de nome Alberto vive unha tensa espera nun bar de Vigo. De súpeto recibe unha chamada ao móbil, cominándoo a saír á rúa. Aos poucos minutos aparecerá un coche e un descoñecido entregaralle un bebé. Nos seguintes capítulos o lector saberá a procedencia do meniño, cuxa nai é unha inmigrante da que coidan os membros dunha banda criminal que aparentan ser empregados dunha organización humanitaria.
A trama desenvolverase a través das vivencias dos personaxes implicados, dende a parella que acolle o bebé, a súa nai biolóxica, os criminais implicados e os policías que deben resolver o caso. Cada capítulo está inserido nesta trama pero ao mesmo tempo presenta unha acción propia, que sustenta a tensión da novela e a fai avanzar, conseguindo deixar o interrogante da intriga para o capítulo seguinte.
Nada máis recoller o premio, Francisco Castro destacou a dificultade que impuña unha estrutura así -«pechar cada capítulo con 3.500 caracteres converteuse nun pesadelo», dixo-, pero ao mesmo tempo a satisfacción de saber que ese suspense tirará do lector: «Esta é unha historia que a xente empezará o 1 de agosto, e que espero que volva a ela o día 2, e o día 3, e así ata chegar ao día 31». Non obstante ser a intriga o motor interno da novela, os personaxes principais da historia son de carne e óso e teñen unha complexa personalidade de seu, que Francisco Castro capta na narración, e que comparte co resto da súa obra «unha carga de reivindicación».
A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital, a razón dun capítulo por día, ata sumar 31. Como nas edicións anteriores, a historia contará coas ilustracións de Juan Carlos Abraldes. Ademais da publicación da obra nas Páxinas Literarias, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.”
Arquivos da etiqueta: Ana María Galego
A Coruña: presentación de Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen
O mércores 3 de abril, ás 12:30 horas, na Libraría Lume (Rúa Fernando Macías, 3), preséntase a obra de Ana María Galego Gen, Bandeiras negras, gañadora do 5º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil, publicado en Baía Edicións. No acto de presentación, no que se servirá un pequeno almorzo, a autora, que, como gañadora da obra publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira, recibirá neste acto 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio, tamén intervirá Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións, que farán unha aproximación crítica da novela. Deixamos aquí unha foto de dita entrega:
Coñécense os gañadores do VIII Premio de Narración Curta Happy Curtis
“Nada máis nin nada menos que 76 traballos presentados nesta edición do certame de narrativa curta Happy Curtis que leva oito anos convocando o Concello de Curtis. Contamos cun xurado de luxo formado por Manuel Rico Verea, María Lado, Yolanda Castaño e María José Castelo Lestón (gañadora da pasada edición), que non o tiveron nada fácil á hora de escoller os traballos gañadores. Os premios son os seguintes:
– Categoría A (dos 12 ós 18 anos):
* 1º Premio: Ana Uhía Pérez, de Portonovo (O día máis feliz da miña vida).
* 2º Premio: compartido entre Marta Pita Vidal, de Teo (O día máis feliz) e Sara Martínez García, de Sanxenxo (Paso a paso).
– Categoría B (dos 19 anos en diante):
* 1º Premio: Daniel Landesa, de Vigo (Abercrombie).
* 2º Premio: Ana María Galego, de Ferrol (Tres mil setenta caracteres).
A entrega será o día 4 de Maio ás 21:00 horas no Edificio Multiusos de Curtis (Recinto Feiral, s/n). Alí poderemos escoitar os traballos gañadores, coñecer ó autor e ás autoras galardoadas, e escoitar as opinións do xurado. Teremos tamén o pracer de recibir a Yolanda Castaño e atender ás palabras que a poeta escribiu expresamente para a ocasión.”
Luz Darriba gaña o XIV Certame de Narración Curta Ánxel Fole
“O xurado do XIV certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura de Lugo reuniuse esta tarde e outorgou tres primeiros premios: Luz Darriba (residente en Bruxelas), polo relato Monstros; Mercedes Leobalde (de Carral), pola obra Fáltasme; e Ana María Galego (de Ferrol), por Neiges d’antan.
O tenente-alcalde, o nacionalista Antón Bao, anunciou que os relatos gañadores serán publicados, ou ben nunha edición con relatos doutros certame ou só os deste ano. Todo, dixo, dependerá dos orzamentos. O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba.
Os membros do xurado destacaron a calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concorreron un total de 59 traballos. Os premios outorgados son de 1.500, 1.000 e 500 euros, respectivamente a cada autor.” Vía La Voz de Galicia.