O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada

Desde Erregueté:
“Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.
Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.
A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.
Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Víctor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernández e un coloquio de creadoras baixo o título Arte con nome de muller o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.”

Commedia e Invisibles reciben tres premios María Casares nunha noite repartida

Desde Sermos Galiza:
“A XXIII edición dos Premios de Teatro María Casares resultou repartida. Sete espectáculos obtiveron algún dos galardóns nunha noite en que Commedia, de Contraproducións, que estaba nomeada en 12 categorías, levou tres recoñecementos: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero), o mesmo número que Invisibles, de Redrum Teatro (nomeada a catro): dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).
O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O’Rei, de Ibuprofeno, tamén recibiu dous premios: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, fíxose con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, que partía como unha das favoritas, con sete nomeacións, levou un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e Patapatum, de Elefante Elegante logrou o de mellor espectáculo infantil.
As gañadoras e gañadores recibiron unha intepretación do rostro de María Casares a cargo da ceramista Paula Pereira (Arcade, 1986). As pezas substituíron ás tradicionalmente empregadas de Sargadelos. Unha decisión cpnsecuencia das “decisións empresariais e ás declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo”, indicara nun comunicado a Asociación de Actores e Actrices.
Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante conduciron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano. Non faltaron as técnicas do novo circo. Portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica formaron parte dunha gala cuxa escenografía correu por conta de Suso Montero.
Durante o evento o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto.
Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, pronunciou un discurso en que explicou por que a gala non foi retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoábel e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, lamentou Mabel Rivera.
A actriz agregaba: “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público desde a nosa profesión”.”

Iria Pinheiro gaña o premio Maruxa Villanueva de interpretación teatral

Desde Sermos Galiza:
“O xurado da décimo oitava edición do premio Maruxa Villanueva de intepretación teatral decidiu outorgarlo á actriz Iria Pinheiro. “Destacamos a súa valentía na reivindicación do feminismo e na capacidade para empregar a arte e avisibilidade como actriz para causas xustas e necesarias”, sinalou.
A última obra de Pinheiro é Anatomía dunha serea, facturada ao abeiro do proxecto Berberecheira, da compañía Chévere. “É un espectáculo petinente”, afirma o xurado dun galardón que concede o Concello de Padrón, “ante o debate social arredor da violencia obstétrica. É ademais un exemplo de proceso de investigación, co sentido comprometido do teatro documentado”.
Mais non se centra o fallo en Anatomía dunha serea. “A súa traxectoria amosa unha versatilidade como actriz que, nunha constante renovación do cabaré e o teatro cómico, a presenta como unha creadora total comprometida con todas as facetas do teatro”, engadiu.
Fixeron parte do xurado, presidido pola concelleira de Cultura da localidade Lorena Couso, a escritora Inma López Silva, o actor e profesor Carlos Biscaínho, o dramaturgo Afonso Becerra, o director da mostra de teatro de Ribadavia Roberto Pascual, a investigadora Comba Campoi. A secretaria foi a animadora social do Concello María Cruz Taboada.”

Rachar a cola de peixe, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Sega:
“É unha imaxe que me vén á cabeza desde que empecei a investigar estas iconas, medio mulleres / medio peixes, tan coñecidas na civilización occidental, de Homero a Andersen (esta última pasada pola tixola de Disney, si, tamén): que pasaría se a serea do escudo de Castelao, esa mesma que Aduaneiros Sem Fronteiras inmortalizaran “Denantes morta que sensilla”, “dun salto, pillase a fouciña” para fóra do escudo e rachase con ela a cola de peixe? Que pasaría se esa serea que permanece portadora do escudo, quietiña e silente, tivese pernas de seu, voz de seu, ideas de seu? Pois o 19 de outubro funa ver á Ramallosa: Iria Pinheiro en Anatomía unha serea racha coa cola de peixe. A súa e tantas outras, de tantas mulleres, en todo o mundo.
Pinheiro empregou a Berberecheira, “viveiro” de artes escénicas onde Chévere convida artistas a experimentar co teatro documental, para contarnos a historia do seu parto. De como se transformou en serea. Xesús Ron, director do espectáculo, presentouno como o primeiro “feminino” despois dos outros dous nacidos na Berberecheira: Goldi Libre, onde o actor César Goldi conta a súa experiencia no cárcere ao non someterse ao servizo militar obrigatorio, e Salvador, unha historia e Borja Fernández arredor do seu avó emigrado. As historias “masculinas”, por así dicilo, eran fortemente políticas, pero a de Pinheiro, unha historia de obstetricia, tamén. Radicalmente. (…)”

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan en Santiago a sexta edición de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“O mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Agadic, remata mañá a súa sexta edición cos catro últimos espectáculos en cartel e a exposición, en primicia para os máis de 200 profesionais acreditas, dos novos proxectos nos que están a traballar 10 compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.
Esta cuarta e última xornada de actividade arrancará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, un dos catro escenarios de Santiago de Compostela nos que se está a celebrar o encontro desde o pasado luns. Será coa montaxe de monicreques Soñando a Pinocho, da compañía madrileña La Tartana, que –ao igual que o fará esta tarde La Estampida– preséntase aquí grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e MADferia.
Tamén na Fundación SGAE a partir das 12,15 h., levarase a cabo a sesión de ‘pitching’ coa que, por cuarto ano consecutivo, se busca impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais da súa produción. Como en anos anteriores, 10 compañías avanzaranlles en primicia aos programadores acreditados os seus novos proxectos: In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas, e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.
Presentacións profesionais
A xornada da tarde iniciarase ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación de Residencias del Paraíso, programa de impulso da creación no ámbito das artes do movemento promovido polo Colectivo RPM co apoio económico da Agadic e a colaboración de diferentes espazos escénicos de toda Galicia.
O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. co espectáculo de danza urbana La soledad de Wally, da compañía emerxente Elahood, no Auditorio Abanca. Ás 19,30 h. chegará a quenda de Eme2 Producións con A Leituga (na imaxe) no Teatro Principal, mentres que Ibuprofeno Teatro será o grupo encargado de pechar esta sexta edición con Casa O’Rei, que subirá ás táboas do Salón Teatro ás 22,00 h..
Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro e danza de 19 compañías (17 galegas e dúas de Madrid) e que congregaron máis de 200 axentes culturais, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.
Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.”