Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

A Coruña: presentación de Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez

O xoves 7 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase o libro Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, publicado en A Porta Verde do Sétimo Andar. No acto, xunto á autora, participan Antía Otero e Mercedes Queixas.

A Coruña: obradoiro O ollo da arte, impartido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal. Pódese coñecer o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Celebrarase todos os luns entre o 18 de febreiro e o 3 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas, na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos de libre elección (plans antigos) e 1 crédito de recoñecemento (plans novos). O número máximo de participantes é de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 30 de xaneiro até o día 15 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

Santiago: recital Picaversos, Os Mortais, con Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira

O martes 29 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Os Mortais, coa participación de Antía Otero, Iván Marcos e Xoán Abeleira.

Santiago: xornadas Poesía erótica e muller, os 30 e 31 de xaneiro

Desde Fervenzas Literarias:
“A galería de arte contemporánea A.dFuga organiza os días 30 e 31 de xaneiro as xornadas Poesía erótica e muller, coordinadas por Mar Sánchez. A primeira data destas xornadas está dedicada a un recital poético coa participación de Marilar Aleixandre, Concha Rousia, Margarita Fernández, Nazaret López (lida por Margarita Fernández), Antía Otero e Verónica Martínez. No segundo día destas xornadas desenvolveranse dous obradoiros. O primeiro deles, impartido pola escritora Concha Rousia, versará sobre a creación poética. O segundo, dedicado a corpo, poesía e performance, estará a cargo de Margarita Fernández.
O horario das xornadas será, os dous días, das 18:00 h. ás 21:00 h. no local da galería A.dFuga (R/ do Preguntoiro, 28) de Santiago de Compostela. O prezo varía dos 4 euros do recital os 8 euros dos obradoiros. Para asistir ou para recibir máis información pódese dirixir ao correo electrónico paulacabaleiro@apuntodfuga.com”.

A Coruña: obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero

Todo/nada poesía é un obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

Nivel: Medio (previa entrevista).
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Horario: Todos os luns de xaneiro a marzo, de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
Inscrición: aquí.

A Coruña: performance (Retro)visor, con Antía Otero e Isaac Garabatos

O xoves 22 de novembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, Antía Otero e Isaac Garabatos, partindo do libro (Retro)visor, publicado pola propia Antía Otero en 2010, afrontan a escenificación dos textos partindo da hibridación da escrita cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, o Live Cinema, a instalación artística e o poema obxectual. Unha proposta metaliteraria onde o xogo temporal se desdebuxa, creando unha voz monologada que se separa da propia autoría, para facerse acción e diálogo co público. Trátase dun espectáculo creado en residencia artística en Normal. A entrada é libre até completar aforamento.

(Retro)visor, máis que poesía con Antía Otero

“Acompañada de Isaac Garabatos, a poeta e actriz Antía Otero afronta na sala Normal da Coruña a escenificación dos seus textos de 2010, cunha atmosfera sonora onde conflúen o vídeo, a instalación artística e o poema obxectual.” No programa Zig zag, da Televisión de Galicia.

Obradoiro Todo/nada poesía, impartido por Antía Otero

Todo/nada poesía é un obradoiro literario/artístico orientado a aquelas persoas que queiran achegarse ao entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea como primeira toma de contacto. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético. Os obxectivos son:
– Aportar chaves que axuden á elaboración e creación de textos partindo da mirada única de cada participante.
– Poñer en relación o poético co interdisciplinar: cinema, música, vídeo…
– Desmitificar conceptos tradicionalmente asociados a poesía como: o romanticismo, a rima, a puntuación clásica.
– Atopar os silencios no lenzo.
– Bucear nas propias creacións a redor da imaxinación, a escoita, o concreto, os diálogos, o eu e os personaxes, o tempo, o espazo, o silencio.
– Desmitificar a idea de que para escribir un debe ser experto ou grande entendido.
– Plantexar o feito artístico como algo accesible pero complexo, polo que se aconsella implicación presencial.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 03/10/2012 ao 19/12/2012.
Horario: mércores de 20:30 a 22:30 horas.
Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
Inscrición: aquí.

Obradoiro de poesía on-line impartido por Antía Otero

“¿Tiveches algunha vez esta sensación?, ¿atopácheste con milleiros de frases bailando na cabeza e sentiches que poderían ser universos?, ¿ descubriches algunha vez que de tanto mirar o extraordinario poderías derreter os ollos?, ¿ pasaches semanas enteiras cunha imaxe cotiá e feble, áxil ou pesada na cabeza que loitaba por sair á luz?……se é así….habitas preto da poesía…. … mais xogar coas palabras, buscar a precisión, expoñer o que pensamos e o que vemos dende un código propio….é un bo xeito de materializala. Este taller on line está pensado para que poidas achegarte ao entramado poético e aprender recursos técnicos e estilísticos tomando a túa personalidade como punto de partida. Acompañándonos de exemplos, exercicios prácticos, lecturas, visionado de videos on line, imaxes… materializaremos ambientes, pensamentos e ideas ata chegar a construir textos que iremos correxindo e millorando dende a emoción, a consciencia e a constancia. Non deixes pasar esta oportunidade de achegarte ao mundo poético descubrindo as posibilidades da tua propia voz e daqueles que nos rodean.” Impartido por Antía Otero.
A inscrición realízase aquí.