“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.
Arquivos da etiqueta: Antón Riveiro Coello
Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro pasan a formar parte do Portico of Galician Literature
“O
portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro. Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.
Vigo: Mesa redonda de narrativa con Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello, no VII Ciclo Escritoras/es na Universidade
O xoves 4 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, continúa o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, cunha Mesa redonda de narrativa, que contará coa participación de Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello.
Coñécense os finalistas da 9ª edición do Premio Literario Martín Sarmiento
Déronse a coñecer os finalistas da novena edición do Premio Literario Martín Sarmiento:
1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
– María Solar: Vou ter un irmán!!!, Galaxia.
– Pinto & Chinto: A maceira que daba calquera cousa menos mazás, Everest.
– Manuel Guisande: Rodribico e a noite, Baía.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
– Silvestre Gómez Xurxo: Ti non xogas!, Xerais.
– Antón Cortizas: Rosalía e os equinodermos, Tambre.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
– Anxo Fariña: A chave da Atlántida, Xerais.
– Abraham Carreiro: Xoeliki, Sotelo Blanco.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
– Ledicia Costas e Pere Tobaruela: Mortos de ningures, Everest.
– Agustín Fernández Paz: Fantasmas de luz, Xerais.
5ª categoría: 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
– Carlos Laredo Verdejo: Lena e o lobishome, Tambre.
– Xosé Henrique Rivadulla Corcón: O noso amor será eterno, Xerais.
6ª categoría: adultos:
– Manuel Rivas: Todo é silencio, Xerais.
– Antón Riveiro Coello: Laura no deserto, Galaxia.
Gondomar: coloquio sobre Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello
O
martes 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de narrativa Sete vidas comeza o mes de outubro cunha sesión na que se falará da novela Laura no deserto, publicada en Galaxia, coa asistencia do seu autor, Antón Riveiro Coello.
Vigo: VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, co lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:
– Xoves 20 de setembro. Mesa redonda de poesía. Con María Lado e Olga Novo.
– Xoves 4 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Con Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello.
– Xoves 18 de outubro. Mesa redonda de teatro e ensaio. Con Quico Cadaval e Carlos Callón.
Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012
Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.
Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:
- Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
- Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.
Premios da Crítica 2011: Olga Novo e Antón Riveiro Coello
En
representación
da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados de 2011 en lingua galega:
Poesía: Cráter, de Olga Novo, poemario publicado en Toxosoutos en 2011. “Cinza, lava, pedra e rocha son fenómenos que acompañan a erupción dun volcán ou o choque dun meteoro, e no poemario Cráter representan as “emanacións vitais” da autora, aquí poetizadas”.
Narrativa: Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, novela publicada en Editorial Galaxia. “A partir de datos reais, como a vida de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e confinada no campo nazi de Ravensbrück, o autor compón con mestría varias historias arredor do sentimento de culpa en situacións de inferno colectivo, con distintos narradores e escenarios: Pobra do Caramiñal, Compostela, Carcassone, Nova York e Berlín.”
Parlamento das Letras: Antón Riveiro Coello
Entrevista
de Armando Requeixo a Antón Riveiro Coello no blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Empezo pola parte final. Xa sei que se adoita dicir que o noso país está cheo de poetas. Pois si. Está cheo, pero non envaidecerse diso sería como queixarse de que un bosque ten moitas árbores. Os problemas que teñen as nosas letras son ben sabidos. Un deles é a invisibilidade. Os nosos libros deberían ter moita máis presenza na prensa, na radio, na televisión, nas librarías, nos centros comerciais, nas bibliotecas… Hai como unha teima por unha parte da sociedade e da política en querer encovar a creación en galego, en ocultala. Se se producise esa visibilidade, co tempo aparecerían lector@s que consolidarían unha industria cultural moito máis poderosa, capaz de afrontar traducións, tanto de fóra para dentro coma de dentro para fóra. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ARC: Magnífica. Hai un nivel de altura. Á parte de fenómeno da poesía, sempre tan frutífero no noso país, ou da literatura infantoxuvenil, cunha ducia esplendorosa de autor@s traducid@s a outras linguas, nos últimos anos eu salientaría a consolidación dunha xeración de narradoras tan interesantes e diversas como Teresa Moure, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Inma López Silva, María Reimóndez, Eva Moreda, Rexina Vega, Iolanda Zúñiga e moitas outras que veñen asentar as bases dunha normalidade sociolóxica que xa se facía necesaria. Se cadra, o ensaio e o teatro deberían ter máis presenza na edición, pero tampouco teño datos nin a certeza de que este déficit estea moi por debaixo doutras literaturas.”
Antón Riveiro Coello: “Non abonda dicir o pasado, hai que tentar comprendelo”
“O
escritor Xesús Fraga entrevista nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, ao autor de Laura no deserto, Antón Riveiro Coello. Na mesma, desgránanse polo miúdo algúns aspectos desta novela de exilio e segredos familiares. Podes baixar a conversa completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.

