Lugo: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2018

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2018 en Lugo, que tivo lugar o sábado 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (as fotos son de Alba Díaz).

Acordos da Asemblea Xeral de Socios-as da AELG 2018

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 17 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.

A secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, fixo un balance de 2017, que pode ser consultado aquí.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos Pazos de Merexo. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións terá lugar na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Luz Fandiño. Nacida en Compostela en 1931, boa parte da súa vida pasouna na emigración, primeiro na Arxentina, país no que residiu desde os 21 anos ata 1952, e logo en Francia ata 1979. É escritora e activista social e cultural en permanente compromiso coa lingua, co feminismo e coas causas dos desfavorecidos, amais de autora de dous libros de poemas: Farangulliña de neve (1998) e O pracer de envellecer (2014).
Na emigración en Arxentina, a pesar de seren anos duros para ela, descobre a poesía de Rosalía de Castro e a de Cabanillas, e o galego como lingua literaria.
En París descobre un país, o seu, e toma conciencia e participa nos movementos sociais da convulsa Europa daqueles anos. Todas esas experiencias están reflectivas na súa obra de creación e no seu afán por divulgar o que sente pola matria e pola lingua.

Manuel Pazos Pazos de Merexo. Naceu o 9 de maio de 1926 en Merexo, concello de Muxía. Axiña cumprirá 92 anos. Pazos é o último grande músico do acordeón diatónico da Costa da Morte, o grande mestre tamén da memoria de todas as “palilladas”, bailes e pandeiretadas que aconteceron nesa banda do mundo dende as primeiras décadas do século XX.
A súa memoria abrangue tamén todos os saberes da cultura tradicional, e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio (ao que se dedicou como todos os veciños da zona) durante a II Guerra Mundial. Ë protagonista do libro-disco Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, e recibiu varias homenaxes.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.
Isabel-Clara Simó é licenciada en filosofía e en xornalismo, e doutorada en Filoloxía Románica. Como xornalista dirixiu o semanario Canigó e colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita, radio e televisión. Foi delegada do Libro do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, profesora da Universitat Pompeu Fabra e vicepresidenta da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana.
Da súa obra literaria destacan, entre moitas outras obras, És quan miro que hi veig clar (1979), Alcoi – Nova York (1985), Històries perverses (1992), Perfils cruels (1995), Dones (1997), Estimats homes (una caricatura) (2002), Angelets (2004), Amor meva (2010), Els invisibles (2013), ou Jonàs (2016).
Cabe destacar tamén o seu labor xornalístico, do que recolleu parte dos seus mellores artigos no volume En legítima defensa (2003); e a ensaística, con ensaios como Sobre el nacionalisme (2000) e Si em necessites, xiula (2005).
Publicou máis de cincuenta títulos pertencentes a diversos xéneros: novela, narrativa breve, narrativa xuvenil, teatro, poesía, guións radiofónicos e televisivos, ensaio, memorias, etc. Foi galardoada co Premio Sant Jordi, o Premio da Crítica Serra d’Or, en catro ocasións co Premio da Crítica dels Escriptors Valencians, o Premio Andròmina de narrativa, o Premio á Traxectoria da Setmana del Llibre en Català, a Medalla de Ouro de Alcoi, o Premio Jaume Fuster dels Escriptors en Llengua Catalana e o Premio de Honor das Lletres Catalanes, entre moitos outros. Desde o 2016 é a decana da Institució de les Lletres Catalanes.
Con reedicións constantes da súa obra e traducións a diversos idiomas, entre elas ao galego (Raquel e Xoel), Isabel-Clara Simó é unha das figuras máis populares da literatura actual en lingua catalá.

Así mesmo, acordouse que Nacho Taibo sexa o próximo Escritor na súa Terra – Letra E e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo cuarta edición; será no mes de xuño no Concello de Oleiros.

Alén de se incorporar Lois Pérez ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, xa en andamento; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a undécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Finalmente, a presidencia da AELG expuxo á Asemblea o proxecto Parlamento de Escritoras-es: para o outono próximo, a AELG convocará na cidade de Pontevedra a primeira edición desta iniciativa que parte da idea de que o escritor/a, alén de atender a súa actividade creativa, e mesmo dentro dela ou coma prolongación dela, ten que analizar e ser altofalante da situación actual de falta de garantías democráticas no exercicio dos dereitos civís. Por iso se xulga necesario convocar as Escritoras e os Escritores para falar da situación dos medios de comunicación e o poder, da violencia estrutural, da violencia contra das mulleres, da destrucción do noso patrimonio cultural e o noso medio natural, ademais de analizar o efecto das dinámicas lexislativas regresivas no Estado Español, que comportan novas e diversas formas de censura.

A presidencia tamén expuxo á Asemblea a necesidade de defender o libro en galego coa creación dunha ampla plataforma, desde a que instar o Goberno galego a que cumpra as súas responsabilidades estatutarias, entre as que está o desenvolvemento efectivo da lei do libro e da lectura.

Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, Lista de Honra do IBBY 2018

Desde Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa e con ilustracións de Xosé Cobas foi nomeado para a Lista de Honra do IBBY, 2018.
Cada dous anos se publica en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY que inclúe os libros que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación en todo o mundo das obras seleccionadas.
Este ano o catálogo será presentado en agosto no 36º Congreso Mundial do IBBY que terá lugar na cidade de Atenas, Grecia e os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán a Xapón, Rusia, EE.UU. e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019 para logo formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de München.”

Antonio Reigosa fala sobre os 10 anos das Polafías

Desde Openradio:
Antonio Reigosa foi convidado por unha nova emisora de radio en internet, openradio.es. Esta achega do autor ao espazo E Tumba e Revira é un breve comentario sobre os 10 anos do proxecto das Polafías.
Pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Antonio Reigosa no Diario Cultural arredor das Polafías

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“‘Unha das claves para que se poña en valor a cultura popular é que haxa transmisor*s que sexan recoñecid*s socialmente’. As Polafías cumpren dez anos. 33 localidades, 40 horas de gravacións e case 800 vídeos no arquivo destas veladas que coordina Antonio Reigosa. Pode escoitarse aquí.”

As Polafías fan 10 anos

As Polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas. A primeira das 33 Polafías que se desenvolveron neste período de dez anos por todo o país tivo lugar o 16 de novembro de 2007 na Serra de Outes.
A palabra Polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical.
O termo Polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. Todos estes contidos están recollidos aquí.
O formato das Polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico/a, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada Polafía constitúeno os homes e mulleres, narradores/as, cantadores/as, romanceadores/as… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolve a Polafía, pois eles e elas son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

As Polafías e os Premios “Mestras e Mestres da Memoria”
A iniciativa Premios “Mestras-es da Memoria” -un recoñecemento que se concede anualmente a dous informantes de literatura popular por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional- xurdiu naturalmente do proxecto Polafías, pois considerouse que, ademais de recoller e poñer a disposición da sociedade esa sabedoría das persoas informantes, e seguindo as recomendacións da UNESCO, o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretaren ou recrearen determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
Así, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a través da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, vén organizando desde o ano 2013 a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria,  para recoñecer esas persoas como tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, adaptándoa e actualizándoa con xenerosidade para, por fin, transmitiren todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
En 2013 foi recoñecido o labor de  Manuela Cortizo Medal (Manuela de Barro ou Manuela das Marianas), que reside en Cerdedo, e de Ángel Rivas Veiga, da Pontenova; en 2014 destacouse o traballo de Elba Requeijo, de Abadín, e Xavier Blanco, de Moaña, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional; polas mesmas razóns e xa en 2015 foron considerados Mestra e Mestre da Memoria Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, igual que a Dolores Macías Pose e Mini e Mero en 2016. En 2017 outorgouse este recoñecemento ás Pandeireteiras da Alén, Beariz (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña.

As Polafías en cifras
Ao longo destes dez anos as 33 Polafías permitiron conseguir un total de 776 vídeos, que suman un conxunto de 40 horas de gravación a 248 informantes e divulgadores/as, e a 39 grupos de música ou teatro.
O número de visualizacións que alcanzaron eses vídeos é xa de 709.000, o que supón unha media de máis de 900 visualizacións por vídeo.
A estes datos habería que engadir os contidos gravados en entrevistas realizadas na propia casa das Mestras e Mestres da Memoria, o caso de Ángel Rivas Veiga, Elba Requeijo Barro, Emilio do Pando, Josefa Arias Castelo, Dolores Macías Pose e Serafín Mourelle Bugallo, de modo que se suman deste xeito outros 124 vídeos (para un total de 900) e outras 5 horas de gravacións catalogadas e transcritas (para un conxunto de 45 horas).
O proceso de catalogación de todos eses contidos deu como resultado un total de 70 xéneros, de entre os que destacan pola súa cantidade os relativos a poesía, historia oral, contos, romances, lendas, coplas, pezas musicais, poesía popular, muiñeiras, memoria oral, xotas e regueifas.

As Polafías e o ensino
Todo este traballo de recoñecemento e divulgación da literatura de tradición oral reforzouse en 2015 coa creación de dúas unidades didácticas para a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), A literatura popular nas Polafías, da autoría de Xosé Manuel Varela Varela e Patrimonio vivo: Mestras e Mestres da Memoria elaborada por Antonio Reigosa.

O texto continúa aquí.