Arquivos da etiqueta: Antonio Reigosa
Pontevedra: II Xornadas sobre o Entroido de Galiza
Lugo: Do solsticio de inverno ao equinocio de primavera, de Antonio Reigosa
A
quinta feira 6 de febreiro, ás 19:30 horas, na Sociedade Cultural Mádia leva! (Rúa Serra de Ancares, 18) de Lugo, Antonio Reigosa protagonizará unha palestra baixo o título Do solsticio de inverno ao equinocio de primavera: festas profanas e relixiosas.
A mar de historias
Do
blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”
Narración e da tradición oral con Antonio Reigosa, escritor e coordinador das Polafías
Ribadeo: conferencia de Antonio Reigosa
O
sábado 21 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa das Letras de Ribadeo (Rúa Rodríguez Murias, 8), Antonio Reigosa impartirá a conferencia Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense. Esa mesma tarde, ás 16h30 realizarase unha visita guiada ao petroglifo podomorfo das Pisadas do Encanto nas Anzas – Ribadeo. Os actos están organizados por Mariña Patrimonio.
Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.
SUMARIO DO NÚMERO 34
A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.
1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).
Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG
O
segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.
Compostela: III Xornadas de Literatura e Ensino, Versos pintados no pupitre, os 13 e 14 de decembro
Horario:
Venres 13 de decembro, de 16:30 a 20:00 horas; sábado 14 de decembro, de 10:00 a 20:00 horas.
Lugar de celebración: Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás), Santiago de Compostela.
Destinatarios-as: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Matrícula: Gratuíta, por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG, a través da web da AS-PG: entre os días 11/11/2013 e 10/12/2013.
Número de prazas: 100.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación:
Prazas reservadas: 25%
Número máximo de prazas: 25%.
Obxectivos previstos:
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da poesía no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da poesía.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura poética por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras.
– Coñecer o potencial creativo e expresivo da expresión lírica subxacente na literatura galega de tradición oral.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.
VENRES 13 DE DECEMBRO
– 16:30 h. Entrega de material.
– 17:00 h. Conferencia: Poesía para xente miúda. Música e xogo de palabras, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
– 18:00 h. Mesa redonda: O Club d@s poetas viv@s, con Fran Alonso, Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro.
SÁBADO 14 DE DECEMBRO
– 10:00 h. Mesa redonda: Enredando versos nas aulas, con Montse Penas, Anxos Rial, Romina Bal.
– 12:00 h. Obradoiros de expresión escrita (simultáneos):
* Quen teme a poesía feroz?, con Antía Otero.
* Fascinio poético no proceso de creación, con Dores Tembrás.
* Versos transformers, con Carlos Negro.
– 16:00 h. Conferencia: E-memoria. Contidos e aproveitamento do arquivo de tradición oral da AELG, con Antonio Reigosa.
– 17:30 h. Mesa redonda: Voces de Rosalía, con:
* Uxía: Rosalía pequeniña.
* Najla Shami: Na lingua que eu falo.
* Aid: Rapoemas.
– 19:15 h. Actuación de Uxía, Najla Shami e Aid.
– 20:00 h. Clausura.
Metodoloxía que se vai empregar:
– Conferencia inaugural que centre o estado da cuestión con carácter informativo e analítico.
– Mesas redondas que faciliten a intercomunicación con ópticas diversas segundo os diferentes relatores que participan nelas.
– Interacción e participación co público nos coloquios finais das mesas redondas.
Entrada libre até completar aforo.



