Abraham Pérez imponse no Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Rafael Catoira obtivo o segundo posto

Desde Cultura Galega:
“O poemario Chernóbil revival valeulle a Abraham Pérez facerse co primeiro premio do VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Pérez, que xa se fixera cun segundo posto nunha edición anterior do concurso, recibirá 1.500 euros en metálico do premio e verá publicado o seu traballo. Canda a el, Rafael Catoira quedou segundo no certame coa obra Corpo da palabra e terá tamén publicada a súa obra.
O xurado, conformado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, ademais de Martiño Maseda, salienta de Chernóbil revival “o seu propósito compositivo, onde destaca a estrutura en prosa poética alternando con outra estrutura versal máis clásica, e coa intencionalidade de brincar pontes entre espazos interiores e exteriores, nun xogo continuo de vibrantes imaxes, como un tránsito por lenzos abstractos de poesía, que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se precipita sobre o tempo da vida”.
Encol de Corpo da palabra, o fallo apunta que “partindo dunha estrutura compositiva máis clásica”, “supón un reclamo emocional da linguaxe, da palabra na súa esencia máis íntima, para servir de expresión configuradora dunha realidade que nos viste e nos afecta”.”

Carmen V. Valiña gaña o XIX Premio de Narrativa Breve Repsol

“A obra baixo o lema A illa que supuraba sangue, de Carmen V. Valiña, resultou gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega e que esta valorado en 12.000 euros e suma a publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Fran Fernández Davila.
O acto do ditame “viaxou” este ano ata a cidade de Vigo con motivo do 75º Aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra gañadora e contou coa presenza dos representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
O Xurado da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), María Álvarez Landesa.

A illa que supuraba sangue
Na súa XIX edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 43 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado, destacou da novela de Carmen V. Valiña “a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.”

Lionel Rexes gaña o X Concurso Balbino de Relatos