Pontevedra: Culturgal 2025, actividades do 28 de novembro

Este é o programa do Culturgal 2025. As actividades previstas para o 28 de novembro son:

11h Diego Linhares realizará en directo a peza Raíces e Cultura. Pintando redes – PuntoGal
11:30h a 12h Visita ao stand das representantes de EspazoCoop, Coceta, e outras asociacións de cooperativas e público de diversos territorios (Valencia, Andalucía, Cataluña, Madrid e Galicia) con motivo do Ano Internacional das Cooperativas 2025 e a celebración das Xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP. – Economía Social de Galicia
12h Lectura dramatizada – FETEAGAL
12h Puntogal presenta: Demostración de traballos da First Lego League Galicia. Espazo First Lego League Galicia
12h a 13h Sinatura de Raquel Rodríguez Muñiz e Lydia Chas – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
12:30h a 14h Encontro de intercooperación cultural e visita da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais. Xuntanza de intercooperación entre as entidades presentes no stand, e outras cooperativas e entidades de economía social vinculadas ao sector. – Economía Social de Galicia
16:30 Emma Pedreira e Baltar Morgade presentan as súas novas obras, Inventaria e Netchu, o neno momia, con Daniel Chapela-Escenario Letras
17h Lectura dramatizada – FETEAGAL
17h Demostración de ilustración en vivo arredor de Memorias dun neno labrego, con Iria Aldegunde
17h a 18h Sinatura de María Gil e Carmen Alcañiz – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
17h a 19h Encontros coa Economía Social de Galicia. Reunións comerciais entre as entidades do stand e outras programadoras, técnicas ou promotoras do sector cultural. Estes encontros serán espazos breves, nos que cada entidade presentará un proxecto ou servizo a distintos interlocutores. – Economía Social de Galicia
17:30h Presentación: A regueifa chega ao teatro: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Touriñán – Xunta de Galicia
18h Contacontos arredor de Croco, de Irene Alonso Gasalla.
18h PuntoGal presenta: Concurso e demostración en directo de fútbol gaélico – PuntoGal
18h Conversa con Sandra Lodi, autora de Adelina (Premio Castelao BD 2024), e Loli Rodríguez Rodríguez, autora de Nailía (Premio Torrente Ballester 2024), moderada por Susana Pedreira
18h a 19h Sinatura de Mayte Corbillón e María Vila Tarela – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
18:30h Sinatura de exemplares dos títulos Escola de monstros, Teoría King Kong, A miña vida nas estradas e Basta!, pola tradutora Raquel Senra. – Hércules de Ediciones
18:30h Silvia Penas asina A pel do exilio, Ed. Espiral maior – Libraría Paz
19h Sinatura de Noa e a cidade sen maxia, de Angie Roa – Xerais
19h Irene Alonso Gasalla asina O nobelo de Nenuca – Cuarto de Inverno
19h Presentación de Baixo o ceo de xeo, Premio Illa Nova de Narrativa 2024, con Adrián Pérez Bote acompañado polo libreiro Daniel Chapela-Boulevar
19h a 19:30h Petiscos de maxia, a cargo da cooperativa Magia en la Manga. Convidamos ao público a presenciar unha selección de trucos que sorprenderán por igual a crianzas e adultas. A súa maxia visual, participativa e sorprendente logrará que quenes se acheguen a estes petiscos queden con ganas de converterse en magos e magas. – Economía Social de Galicia
19h a 20h Sinatura de Chus González del Río e Tania Poza – AGER, Asociación Galega de Escritoras e Escritores
19h Sinatura de Manual de camuflaxe, de Samuel Merino – Xerais
19:30h Coloquio entre Silvia Tasende e Lidia Barreiro arredor de O espírito das maceiras-Boulevar
20h Recital poético-audiovisual Véndoche un poema, de Fran Alonso
20h Sinatura de Chus Álvarez e El primo Ramón – Pepa a Loba editora
20h Sinatura de Marc Taeger – Pepa a Loba editora
20h Arturo Lezcano asina O país invisible. Libros del KO – Libraría Paz
20:30 h Recital de Manual de camuflaxe, de Samuel Merino
Promoción Creativas Galegas Sociedade Cooperativa e Atípico Circo – Pont-Up Store

Morre Arturo Lezcano, xornalista durante máis de medio século

Desde Praza:
“O xornalista Arturo Lezcano Fernández, Ruco, faleceu este xoves na Coruña aos 79 anos de idade. Nacido en Ourense en 1939, publicou os seus primeiros textos en prensa xa aos 16 anos, e comezou a súa carreira profesional en La Región. Trasladouse despois a Ferrol, onde foi redactor xefe e logo director de Ferrol Diario. Finalmente, traballou a partir dos primeiros anos oitenta en La Voz de Galicia, onde chegou a ser redactor xefe, converténdose ademais no primeiro Amigo do Lector cando o xornal creou esta figura.
Xubilouse no ano 2003, aínda que nos anos seguintes seguiu escribindo artigos de opinión de forma habitual. Foi Premio de Xornalismo de Galicia en 1987 e Premio Julio Camba en 1991. Escribiu varias obras de narrativa: Os dados de Deus ou Só os mortos soterran seus mortos, e tamén de ensaio, como Risco segundo Risco.
Foi tamén un home de cultura e amante do cinema. Foi un dos cofundadores do Cine Club Miño na cidade de Ourense na década dos 50 e do Cine Club Zoom en Ferrol. Neses anos mantivo tamén unha estreita relación con Antón Risco, do que foi amigo, aínda que tamén asistía con frecuencia aos faladoiros de Vicente Risco. De feito, foi durante moitos anos vicepresidente da Fundación que leva o nome do intelectual ourensán.
Este venres Luís Martínez-Risco Daviña, actual presidente da Fundación Vicente Risco, sinalaba que Lezcano tivo “un papel fundamental” na constitución da entidade. “Nunca quixo que fora un laudatio de Vicente e Antón Risco. Todo o contrario. Queria que se convertera nun referente de pensamento que continuara o labor que, desde antes da década do 1920, iniciara don Vicente, actualizando o seu discurso, mais sen perder nunca a vocación universal de Galiza”, escribe.
La Región defíneo como “xornalista de raza” e La Voz de Galicia destaca a súa “vocación temperá”. Tamén o Colexio de Xornalistas destaca este venres o “pesar” e a “tristura” cos que a profesión recibiu a nova do falecemento de Arturo Lezcano, ao que hoxe despiden necrolóxicas encabezadas por unha frase do propio Risco: “non se pode coñecer o descoñecido a través do coñecido”.
O seu corpo está a ser velado no tanatorio coruñés Servisa, onde este sábado ao mediodía se celebrará unha misa. Será soterrado no cemiterio de Feáns.”

Cuestionario Proust: Arturo Lezcano

DesdeArturo Lezcano o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Arturo Lezcano:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lóxica.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A gratitude.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– A inconstancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conservar todo o meu.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a memoria.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pintor.
9.– En que país desexaría vivir?
– No Reino Unido.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A mapoula.
12.– O paxaro que prefire?
– A anduriña.
13.– A súa devoción na prosa?
– Faulkner.
14.– E na poesía?
– Shakespeare.
15.- Un libro?
– O Quijote.
16.– Un heroe de ficción?
– Sherlock Holmes.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Bach.
19.– Na pintura?
– Goya.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xesús.
21.– O seu nome favorito?
– Eva.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O gregarismo.
23.– O que máis odia?
– A oligarquía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Batalla de Inglaterra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Destreza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen me enteirar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os vicios.
30.– Un lema na súa vida?
– “Yo y mi circunstancia”.”

Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.