Lugo: Faladoiros da Memoria 2023, o 26 de outubro


Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2023, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

FALADOIROS DA MEMORIA 2023
Homenaxe a Dorothé Schubarth

O acto celébrase no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 26 de outubro ás 19:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

Coa participación de:
– Branca Villares, música, cantante e recompiladora.
– Richi Casás, músico.
– Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista.
– Germán Díaz – Peche Musical
– Presenta e modera: Lois Pérez

A Coruña: VI Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Colorín colorado, faladoiro ilustrado, o 17 de outubro

A AELG colabora coas VI Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria: Colorín colorado, faladoiro ilustrado, actividade da Universidade da Coruña, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A actividade terá lugar o 17 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, con entrada libre e gratuíta. As profesoras coordinadoras da actividade son Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Patricia Carballal Miñán, da Facultade.

O obradoiro-coloquio conta coa presenza de:
– Bea Gregores.
– Óscar Villán.

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2023 conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana AcuñaFélix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros SollaXurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2023 respectivamente a Mercedes Vázquez Saavedra e Xan do Vilar, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo, o 27 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.

No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Espín de Doncos, quen lerá a laudatio de Xan de Vilar, e Aser Álvarez, quen lerá a laudatio de Mercedes Vázquez Saavedra.

Lugo: Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán), o 9 de outubro

A Letra das Festas. San Froilán 2023 (Revista oral do San Froilán) conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Chega a edición número 13 da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título Arquitecturas efémeras do San Froilán. Lembranza da paisaxe efémera do feiral: carruseis, teatriños, atraccións, gabinetes, consultorios e túneles do inferno.
Terá lugar o luns, segunda feira, 9 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada é de balde até completar capacidade.

Participan:
– Dina Pérez
– Jorge Salvador
– Alberte González
– Ana Carreira

Ambientación musical:
– Saulo Sause

Coordinación e presentación:
– Lois Pérez

Groenlandia, de Francisco Fernández Davila, gaña o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol

Concertos de presentación de Na Casa Deles 2023

XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Das regueifas ás músicas actuais, unha travesía polos mares da canción, o 28 de outubro

A XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Das regueifas ás músicas actuais, unha travesía polos mares da canción, unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, terá lugar o 28 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

A inscrición será obrigatoria e previa, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través desta ligazón.
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org Nel indicarase o nome, apelidos e Documento de Identidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.

PROGRAMA

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia
Que é canción
Sés

11.30-12.30 Conferencia
Canto eu canto
O Leo de Matamá

12.30-14.00 Mesa redonda
Da tradición oral aos ritmos de ultramar e viceversa
María Xosé Silvar, “Sés” e O Leo de Matamá
Coordina: Lois Pérez

16.00-17.00 Conferencia
Un país no palco: a nova verbena galega
Marta Veiga Izaguirre

17.00-18.00 Conferencia
Cantar a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade (na medida do posible)
Nuno Pico (Grande Amore)

18.00-19.30 Mesa redonda
Que hai de novo, festeir@s? Vangarda e tradición da festa e do canto
Marta Veiga Izaguirre e Nuno Pico (Grande Amore)
Coordina: Eva Teixeiro

19.30-20.30 Sesión práctica
Erre que Erre: da Regueifa ao Rap
Alba María

O programa pode descargarse en formato pdf aquí.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Vigo: conferencia Como auga en copa de cristal tallado, con Fina Casalderrey

Como auga en copa de cristal tallado é o título da conferencia que ofrece Fina Casalderrey o 26 de outubro, a partir das 10:30 horas, ao alumnado da Escola Universitaria CEU de Maxisterio (Estrada de Madrid, 8, en Vigo).

A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Manual de latexo e enxerto, con Patricia Torrado Queiruga, en Ribeira

O Obradoiro de creación literaria Manual de latexo e enxerto, impartido por Patricia Torrado Queiruga, cunha sesión especial con Andrea Fernández Maneiro, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Ribeira.

Cando unha se dedica á escrita, coma á xardinaría, non serve só con saber a teoría ou posuír os útiles adecuados para arremangarse e poñerse ao choio. Primeiro de nada deberemos saber en que medio nos atopamos máis cómodas para logo ir artellando cada un dos latexos e enxertar novas variantes.
Neste obradoiro atoparemos latexos diversos, sementaremos microrrelato, poesía e relato e logo iremos vendo que é o que agroma en cadaquén.

Terá lugar no Centro Social Oleiros, de Ribeira (Lugar Eirexa, 5, Oleiros, Ribeira).

Hai 20 prazas para persoas maiores de 16 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, no correo electrónico oficina@aelg.org.

Calendario e horarios
Sábados 30 de setembro; 7, 14, 21 e 28 de outubro; e 4, 11 e 18 de novembro de 2023, de 10:30 a 13:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Comunicado da AELG sobre diversas publicacións producidas nos últimos días relacionadas coa actividade desta Asociación

En relación coas diversas informacións e opinións aparecidas nos últimos días en varias publicacións nas redes sociais, referidas a feitos nos que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) actuou, cumprindo cos seus obxectivos, a AELG desexa expresar a cronoloxía na que tales feitos se produciron. Esta é a seguinte:

– O 24 de outubro de 2022 recíbese por correo electrónico unha solicitude de Alberto Ramos, escritor e socio da AELG, na que explica que ante a ausencia dun contrato sobre o seu libro recentemente premiado, mais non publicado aínda nese momento, desexa facer unha consulta á asesoría xurídica da AELG.
– Esta solicitude recibe resposta xurídica por parte da persoa que se encarga dese asesoramento o 28 de outubro de 2022. O 8 de novembro de 2022 o autor solicita, mediante correo electrónico, unha aclaración a unha dúbida relacionada coa consulta, que é respondida por parte da asesoría xurídica no mesmo día.
– Na Asemblea Xeral da AELG, realizada presencialmente o 18 de marzo de 2023 en Santiago de Compostela, na quenda de rogos e preguntas, trátase este tema co propio autor, presente na citada asemblea, quen agradece o asesoramento prestado. Estando sen solucionar nesa altura a cuestión contractual que motivou a consulta, e solicitando da AELG o autor interesado que se procure unha solución, o presidente da AELG indica que considera que a mellor maneira de facelo neste caso é poñéndolle de manifesto esta situación á Asociación Galega de Editoras (AGE), como entidade á cal está asociada a editorial da que se solicita o contrato.
– Nas seguintes semanas prodúcese o contacto telefónico entre as presidencias das dúas entidades (AELG e AGE), tendo constancia o presidente da AELG do interese por parte de AGE en buscar unha solución acaída ao caso.
– O 20 de xullo de 2023 a AELG recibe un correo electrónico de Alberto Ramos, onde este solicita facer uso novamente do servizo de asesoría xurídica que lle corresponde como escritor asociado á AELG para que se proceda a unha revisión desde o punto de vista xurídico do contrato que lle achegou a editorial, unha vez estaba xa publicada a obra, despois das xestións realizadas. O 1 de agosto de 2023 ten lugar a resposta da asesoría xurídica ao autor en relación á consulta feita sobre o seu contrato.

Até aquí a cronoloxía dos feitos nos que interveu a AELG en relación con este asunto.

Desde a AELG aproveitamos a ocasión para lembrar que o servizo de asesoría xurídica para temas relacionados coa súa actividade no mundo da escrita está a disposición de todas as escritoras e escritores que forman parte da Asociación. Igualmente, manifestamos o noso firme compromiso coa creación escrita e a súa fundamental achega para a nosa cultura e sociedade, ao tempo que entendemos que debe ser sempre prioritaria a busca das mellores solucións posíbeis en todos os casos que poidan darse, partindo do ineludíbel respecto aos dereitos correspondentes ás escritoras e escritores polo seu traballo.

Finalmente, a AELG quere manifestar o seu compromiso inquebrantábel coas nosas creadoras e creadores, tamén na súa relación cos diferentes axentes do sistema literario galego, promovendo o entendemento entre os mesmos, establecendo canles de comunicación, facilitando a resolución de posíbeis conflitos e contribuíndo ao ben común da nosa lingua e a nosa literatura.