Aurora Marco: “O século XXI será o século das mulleres”

EntrevistaAurora Marco a Aurora Marco na Asociación Galega de Editores:
“(…) – Asociación Galega de Editores (AGE): Aurora, cando escribiches o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega pensabas que ía ter continuidade nun documental, feito ademais polo teu fillo? Como se desenvolveu ese proceso aparentemente, no voso caso, tan natural, de trasladar a historia ao cinema?
– Aurora Marco (AM): Non pensei, non. Á altura en que comecei a percorrer Galiza na procura de informantes para a reconstrución das historias de vida das guerrilleiras que reunín no libro (era o ano 2006), o meu fillo aínda non decidira cursar a carreira de Comunicación Audiovisual. El fixera Enxeñaría Informática de Sistemas e traballara, inclusive, algún tempo nesta profesión. Mais, como a súa vocación era outra, licenciouse despois en Comunicación Audiovisual. Xa no 2010, conmovido por todas as historias que comentábamos na casa, comezou a acompañarnos e a gravar todos aqueles dramas, todas aquelas traxedias familiares, coa finalidade de conservar eses testemuños. Despois, todo foi, como ben dis, un proceso moi natural: el teimou en facer un documental e así nos embarcamos no proxecto. Secundeino en todo e, cando digo todo, tamén me refiro á parte económica porque As silenciadas (o título tamén o puxo Pablo) non contou con ningún subsidio.
– AGE: Como se desenvolveu aquel proxecto?
– AM: Con enorme ilusión porque o documental naceu dunha aposta persoal, familiar, naceu da necesidade de pór en imaxes parte do meu traballo de investigación sobre as guerrilleiras antifranquistas, mulleres que se entregaron á defensa dos valores democráticos, violentados pola forza das armas, na década de 1940 e comezos dos 50.
Recuperar a súa memoria en formato audiovisual, dar voz a un silencio tan prolongado no tempo, coñecer a dureza das seis tramas narrativas que se seleccionaron, aprender da dignidade, do sufrimento, da humanidade destas mulleres, e das súas familias, foi un exercicio tan gratificante que compensou todas as carencias, a falta de apoios económicos e unha chea de problemas que tivemos que solucionar, sen esquecer a nosa inexperiencia… Era a nosa primeira longametraxe documental.
Na fase de gravación, durante máis dun ano -e xa levábamos moito tempo coa investigación- percorremos aldeas e vilas, montes e serras: estivemos no Teixadal, baixo Pena Surbia; fomos ás Bruñas, na Serra do Eixe; subimos ao Invernadoiro, na Serra de San Mamede, lugares onde a guerrilla tiña os seus campamentos; viaxamos a Île de Ré (Francia), onde vive unha das guerrilleiras que protagoniza un capítulo do documental; estivemos en pequenas aldeas, hoxe case deshabitadas, onde tiveron lugar diferentes episodios dos que se dá conta no documental. (…)
– AGE: A túa obra ensaística é froito da madurez, non da física, senón da madurez intelectual no senso, ao meu ver, de que o teu criterio sae a primeiro plano, prima en ti e apartas o que non é prioritario para centrarte en aquilo que es xa consciente que debe ser descuberto.
– AM: Non teño moito máis que engadir a esta apreciación túa que coincide, efectivamente, co meu obxectivo fundamental á hora de enfrontarme a un folio en branco ou, mellor diría, á pantalla do meu ordenador, unha vez delimitado o tema sobre o que quero escribir: deitar luz sobre determinadas parcelas da nosa historia, invisibilizadas, como é o caso do libro dedicado ás guerrilleiras antifranquistas ou a monografía que editei das memorias da republicana María Teresa Alvajar. Anos antes, na biografía de Carvalho Calero (1992), por exemplo, incluín un capítulo dedicado á sublevación militar e a posguerra, unha etapa do biografado que non se tratara antes, entre outras razóns porque o propio Carvalho non gostaba de lembrar; mais tiven a sorte de contar cunha informante de excepción (a súa muller, Mª Ignacia Ramos Díez) e con documentación inédita. Nestes traballos e noutros moitos -nomeadamente os que teñen a ver coa memoria histórica-, nunca agachei o meu pensamento, o meu posicionamento, consciente como son de que a verdade non nos fará mal. Alén da importancia de tirar do esquecemento feitos históricos e persoas que os protagonizaron, ese era un traballo pendente que a historiografía tradicional non acometeu. En certo modo, aínda que cunha perspectiva diferente, no Dicionario de mulleres galegas (2007), tamén é explícito o criterio que adoptei: rachar coa invisibilidade social de traballadoras de diferentes oficios nunca presentes nos rexistros “cultos” (oleiras, redeiras, menciñeiras, impresoras, parteiras, soldadeiras, libreiras…) e doutras moitas de variadas disciplinas (escritoras, pedagogas, militantes de organizacións políticas, sindicalistas, pintoras, compositoras, e un longo etcétera) para recuperar o pasado e pór en valor os seus contributos. Neste sentido, fuxín desa concepción elitista de dicionarios ou enciclopedias, que só recollen as vidas e obras de figuras, digamos, excepcionais, que tamén aparecen no meu dicionario, claro é. (…)
– AGE: Malia non ser unha activista no senso estrito do concepto senón unha investigadora e profesora universitaria especializada nun ámbito concreto do coñemento, sempre estiveches interesada polos asuntos da igualdade e dos dereitos da muller. Coa bagaxe de coñecemento que acumulas de tantas e tantas mulleres do século XX que pensas do que hoxe está acontecendo xa no século XXI?.
– AM: Respóndoche telegraficamente: o XXI vai ser, xa comezou a ser, o século das mulleres e o seu papel vai ser fulcral, pola súa valía, entrega, espírito emprendedor, innovador e infatigábel, aínda que hai que seguir superando, denunciando, as situacións de desigualdade que a sociedade segue a impor. Somos a metade da humanidade e, como lembrou Xohana Torres no seu discurso de ingreso na Academia Galega: “As mulleres sostemos a metade do ceo”. (…)”

Aurora Marco: “As mulleres ocuparon a posición subordinada que tiñan na familia cando se incorporaron á escena profesionalmente”

DesdeAurora Marco Magazine Cultural Galego, por Montse Dopico:
“Cando as mulleres se incorporaron á escena profesionalmente, ocuparon a mesma posición subordinada que tiñan no ámbito familiar e social, aínda que a propia natureza do oficio, posibelmente creou espazos de liberdade na súa vida privada e posibilidades de certo recoñecemento profesional, vedado ás mulleres doutras profesións. Este é un dos datos que a profesora e escritora Aurora Marco achegou na súa intervención nas xornadas Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Marco, que recibiu o IV Premio Mulleres en Acción pola súa traxectoria investigadora, repasou a historia da progresiva incorporación das mulleres ás artes escénicas en Galicia antes do golpe do 36. A partir de 1587, explicou, a lei comezou a permitir o que ata entón prohibira: a presenza de mulleres nas táboas, malia que limitada ás actrices casadas con actores da mesma compañía. A regulamentación posterior moveuse na mesma liña: podían actuar as mulleres casadas ou menores se formaban parte das compañías dos seus homes, pais ou titores. As solteiras maiores de idade ou viúvas podían traballar soas.
Entre os séculos XVII e XVII, -continou Marco-, tres actrices nadas en Galicia actuaron polos teatros máis importantes do Estado. Eran Manuela Vázquez, actriz, cantante e directora/empresaria dunha compañía fundada por seu pai, Antonio Escamilla. Outras mulleres chegaron ao teatro tras teren exercido como criadas de actrices ou actores, como fixera Catalina Sánchez, que traballara para Ángeles Barba. Tamén Sebastiana Pereira se dedicou ao teatro, salientando na traxedia e no drama. De moitas outras actrices de entre os séculos XVI e XVIII, -sinalou Marco-, non nos quedou memoria. (…)
A intervención de Marco foi confluente ademais coa investigación da tamén profesora Laura Tato, que estudou casos como o de Noelia Rosfat ou Obdulia Rodríguez. A primeiros dos 20 produciuse un enguedellado conflito interno na Irmandade da Fala da Coruña pola actuación de Pilar Suárez en Donosiña de Xaime Quintanilla, que tocaba un tema tabú, o adulterio feminino. Na ditadura de Primo de Rivera, Herminia Fariña foi utilizada, segundo Tato, polo poder, é probable que para neutralizar a posible recuperación dun teatro menos folclórico. A carreira artística destas mulleres era fugaz. O cal indica presións familiares para que abandonasen.”

Estar no alho ou não estar, that’s the question!, por Susana Sánchez Arins

ArtigoSusana Sánchez Arins de Susana Sánchez Arins na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Letras nómades [edición de Ana Acuña] reflexiona sobre a mobilidade feminina na literatura galega. É uma obra de carácter académico mais, como esta recensão, furta-se à ideia que podemos ter de trabalho teórico para construir-se como uma outra cousa, sem nome definido e, isso sim, um degrau mais acima.
As autoras pretenderom não só analisar um tema literário específico mas motivar a reflexão e a escrita nas próprias escritoras escolhidas, de modo que, no mesmo acto de estudar a literatura, promoverom a produção de textos. Abandonam assim o âmbito do estudo filológico de gabinete para estimular a actividade criativa com a sua iniciativa. O estudo de textos explicitamente solicitados às criadoras, nos artigos de Carmen Mejía, Manuela Palacios e María Xesús Nogueira rompem com o pré-conceito do texto canônico e públic(ad)o como objecto de estudo.
Porém não é esta, para mim, a aportação mais importante do volume, mas o especial interesse na documentação de vidas pequenas, de memórias privadas, de deslocamentos do quotidiano. Convencidas de que as mulheres ficaram ocultas nas narrativas de viagem por não ter sido a sua mobilidade épica ou heroica, ou por ter vedado o acesso aos meios de expressão, buscam maneiras alternativas de aceder às suas histórias de vida (não é outra cousa a memória que uma ficcionalização narrativa), desde o recordo familiar, até as testemunhas, passando polos documentos pessoais: a emigranta, a fugida, a nodriça, a guerrilheira, a mãe do fuzilado, todas encontram assim o seu lugar no livro, na nossa memória. O depoimento oral tem especial importância em todos os artigos do volume, assim como o contato emocional com as protagonistas e autoras (obteriam sem ele as mesmas informações para os seus artigos Aurora Marco ou Olivia Rodríguez?). Mmmm, outra vez a assepsia em questão… (…)”

Aurora Marco: “Síntome transmisora da historia das mulleres silenciadas”

Entrevista de Carme Vidal a Aurora Marco en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A súa implicación na recuperación da memoria de investigadora pasou a persoal. Que supuxo para vostede ese traballo?
– Aurora Marco (AM): De todas as investigacións que levo feito en 43 anos, hai moitas que me encheron de satisfacción como o libro dedicado a Carvalho Calero, o de Avilés de Taramancos ou o Diccionario de Mulleres Galegas mais o traballo para min máis importante é das mulleres na guerrilla. Foron catro anos nos que me impliquei persoalmente porque comecei a coñecer as súas historias, as traxedias, os traumas e adoptei a decisión de que, mentres teña azos, vou continuar nese camiño, achegándome ás memoria das mulleres represaliadas. Desde o ano 2006 centreime na recuperación e divulgación da súa historia en xeral e das guerrilleiras en particular e é por iso que agora digo que a homenaxe é a todas elas.
– SG: A súa investigación foi reveladora para descubrir o papel das mulleres na guerrilla antifranquista, un tema nunca antes tratado.
– AM: Na bibliografía que coñecía sobre a guerrilla había unha monografía sobre Enriqueta Otero e algúns artigos sobre Josefina Abeledo ou Consuelo, mais a descuberta de que esas mulleres foron a columna vertebral da guerrilla foi o que me levou a continuar. O traballo comezou sendo menos ambicioso, pensei facer unha pequena monografía centrándome en determinadas familias, na Rodríguez López, na Gallego Abeledo e nunha de Cabanas na que había varias mulleres que estiveran encarceradas mais nunca pensei que tomaría esta dimensión. Foi tirar do fío e unhas persoas foron levándome a outras e así comecei a percorrer toda Galiza en busca de informantes. Foi un traballo moi gratificante porque comprendín que aquelas traxedias ficaron non só nas persoas senón tamén nas xeracións seguintes. O outro día lía unha entrevista coas psicanalistas Anna Miñarro e Teresa Morandi, que acaban de publicar unha recompilación do seu proxecto “Trauma e Transmisión” na que dicían que esas situacións se transmiten até a cuarta xeración. Salientan que o esquecemento non é posíbel e iso tamén eu o comprobei en primeira persoa. (…)”

Aurora Marco, Republicana de Honra 2014

O xoves 10 de abril, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentará a Aurora Marco como Republicana de Honra 2014. No acto intervirán, xunto á autora, un representante da CRMH, un representante da Real Academia Galega e o historiador Bernardo Máiz.

Pontevedra: presentación pública do proxecto A memoria das mulleres

O xoves 19 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase o proxecto A memoria das mulleres. No acto, de carácter público, darase o coñecer o consello asesor deste programa de investigación e divulgación da historia e da memoria das mulleres de Pontevedra, composto por María Xesús López Escudeiro, Teresa Casal, Salomé Álvarez Blanco, Carme Vidal, Aurora Marco, Pilar Allegue, Cristina González, Charo Portela Yáñez, Patricia Arias, Carmen Suárez, Montse Fajardo e Xosé Álvarez Castro.
Tamén terá lugar unha intervención de Aurora Marco, baixo o nome de Semblanza de mulleres pontevedresas, e, para finalizar, as actuacións do grupo de pandereteiras Adonairare e da cantante pontevedresa Ángeles Ruibal.

Pontevedra: conferencia de Aurora Marco sobre Galegas na resistencia antifranquista

O sábado 8 de xuño, ás 19:15 horas, no Salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar a conferencia de clausura do Simposio sobre a represión franquista contra as mulleres: vítimas da represión, protagonistas da resistencia, a cargo de Aurora Marco, quen falará sobre Galegas na resistencia antifranquista. O prazo de inscrición no simposio estará aberto até o 7 de xuño enviando os datos persoais ao correo mulleresememoria@gmail.com.

Conferencia de Aurora Marco nos VI Encontros Cidade da Coruña

Continuamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Aurora Marco pronunciou a segunda conferencia, co título Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, unha viaxe sobre o exilio das mulleres galegas, silenciadas pola historia tradicional. Tras unhas consideracións xerais sobre as palabras das mulleres e sobre a escrita autobiográfica feminina, analizáronse e comentáronse dous textos que recuperan as voces da memoria democrática: Éxodo (1940), de Silvia Mistral, e Memorias dunha republicana (2012), de Teresa Alvajar López. Para finalizar, proxectouse un capítulo do documental As silenciadas, de Pablo Ces, Premio Mestre Mateo 2012.

Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Aurora Marco)

A Coruña: conferencia de Aurora Marco nos VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 18 de abril, a partir das 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar a segunda conferencia dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Nela, a profesora Aurora Marco tratará o tema Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas.
A conferencia vai xirar en volta do exilio das mulleres galegas, silenciadas pola historia tradicional. Tras unhas consideracións xerais sobre as palabras das mulleres e sobre a escrita autobiográfica feminina, analisaranse e comentaranse dous textos que recuperan as voces da memoria democrática: Éxodo (1940), de Silvia Mistral, e Memorias dunha republicana (2012), de Teresa Alvajar López. Para finalizar, proxectarase un capítulo do documental As silenciadas, de Pablo Ces, Premio Mestre Mateo 2012.

Comezan os VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.

A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.

Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.