Desde
Sermos Galiza:
“Porque o teatro precisa a difusión para existir, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escolleu ao xornalista Camilo Franco para ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro na gala dos XVIII Premios María Casares que terá lugar o próximo xoves 27 de marzo.
A AAAG destaca a contribución de Camilo Franco á difusión da actividade teatral durante toda a súa traxectoria. “O teatro precisa da información e da crítica. Hai un grupo de profesionais da comunicación que desenvolveron este traballo necesario. E escollemos a Camilo Franco como un representante claro desta función tan importante para nós”, sinala desde a AAAG o seu presidente Avelino González. Con anterioridade a Camilo Franco, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez e o ex-presidente da Academia e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foron os encargados de ler o manifesto do teatro.
Segundo anuncian desde a organización, Camilo Franco defenderá no seu texto a necesidade de “atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”. Ao seu ver” na escena temos un espello para decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben” e dálle ao teatro posibilidades para “poñer o mundo a andar”.”
Arquivos da etiqueta: Avelino González
Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo
Á procura dos trazos que nos describan
Con
este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.
No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
– María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
– Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
– Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
– Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.
A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.
Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG
O
segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.
Santiago: presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia
O
mércores 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza da Universidade, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, editado por Xerais. No acto interveñen, xunto aos autores, Manuel Bragado e Marco García Quintela. Tras a presentación, realizarase un espectáculo teatral baseado nos textos de Vento e chuvia a cargo de cinco destacados actores e actrices de Galicia: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González.
Lugo: comeza o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG
O
segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comezará mañá martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, que se estenderá até o 17 de decembro tras 13 sesións semanais, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo é pois o de traballar coa oralidade e chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesións prácticas aberta ao público, e a última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Lugo: Segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, do 24 de setembro ao 17 de decembro
Está aberto o prazo para solicitar unha das 25 prazas do segundo obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da AELG, que se adxudicarán por orde de solicitude, con preferencia ás persoas participantes no primeiro obradoiro, celebrado o ano pasado.
O obradoiro, financiado pola Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, é gratuíto, e será impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo. A última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 24 de setembro ao 17 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros) e a inscrición gratuíta poderá formalizarse entre o 9 de xullo e o 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo (Edificio Administrativo do Concello de Lugo, na Ronda da Muralla s/n). O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para as/os participantes no primeiro ciclo do curso.
Durante a presentación aos medios, Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sinalou que “visto o éxito da primeira edición decidiuse continuar xa que entendemos que a oralidade constitúe un dos piares fundamentais para transmitir a nosa cultura”. Pola súa parte, Antonio Reigosa, explicou que “o obxectivo é traballar coa oralidade para transmitir toda a cultura e buscamos chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumnado acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesión prácticas abertas ao público.
Tres autores galegos, finalistas nos premios Max de teatro
“Santiago Cortegoso, por Molotov 0,7; Roberto Salgueiro, por Memoria de Helena e María, e Avelino González, Artur Trillo e María Ordóñez, por Pelos na lingua, son as tres candidaturas finalistas nos premios Max como mellores autores en galego, con obras estreadas durante o ano pasado e escritas orixinalmente en galego. (…)”. Vía La Voz de Galicia.