Entrevista de Belén Puñal a Antón Gómez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi esa volta a Galiza e a Vigo, ti xa como cura obreiro?
– Antón Gómez (AG): Como cura obreiro, estiven 17 anos traballando nunha empresa en quendas de mañá, tarde e noite. Francisco Carballo, aos 48 anos, xa non estaba para ir ao mundo obreiro. Despedíronme, sancionáronme, detivéronme, como a calquera cura obreiro. Houbo un tempo no que eu estaba máis dedicado ao sindicatos obreiros e el ao mundo sindical do ensino e a actividades culturais. Nese tempo tivemos menos contacto pero seguimos mantendo esa relación até que morreu.
– SG: Sospeito que o perfil do cura de esquerdas e nacionalista, é bastante incomprendido…
– AG: Si. Hai un anticlericalismo extremolaicista que considera que todos os cristiáns son iguais, e non. Eu penso que o evanxeo está máis cerca da esquerda ca da dereita. Coido que un cristián comprometido ten que implicarse tamén politicamente. Paco tíñao moi claro e eu tamén, e o papa vai por aí.
– SG: A morte de Paco Carballo deixouvos, nese sentido, un pouco máis sós.
– AG: Si, en Galiza Paco Carballo era unha institución. A todos os niveis. El era capaz de escoitar a todo o mundo, de dialogar con todo o mundo. Tiña unas bases históricas moi elaboradas. Co que deixou escrito temos unha pequena biblia. O que sabía, sabíao transmitir, facíase escoitar, e era acolledor. Era un home entregado, nunca pretendeu nin carreiras nin honores, senón ser unha persoa normal, cando como historiador e teólogo podía falar de ti a ti con calquera porque estaba ao día en todas as correntes. Aínda que nunca se dixo que era teólogo da liberación, a súa liña ía pola teoloxía da liberación. (…)”
Arquivos da etiqueta: Belén Puñal
Carballo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez
O xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto, xunto á autora, participa Belén Puñal.
José Casas gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo
Desde Sermos Galiza:
“O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores decidiu premiar a José Casás García por Os exemplos, un texto que, segundo o xurado, conecta coas xeracións máis novas e constrúe un elo entre exemplos normalizadores de onte como a Xeración Nós e os de hoxe como a Xeración Xabarín.
O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo nos medios de comunicación colaboradores, entre os que se atopa Sermos Galiza. O artigo darase a coñecer o próximo domingo día 18 de maio. A entrega do premio desenvolverase no marco da Festa da Lingua que terá lugar a sexta feira 16 no Pazo da Cultura de Carballo na que actuarán Os Tres Trebóns e García Mc, ás 21.00 h, con entrada libre e gratuíta.
O xurado estivo composto por Belén Puñal, Mariña Pérez Rei, Cristina Abelleira e Nel Vidal.”
Mariña Pérez Rei, Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo
Desde Sermos Galiza:
“O xurado do premio valorou, entre outras cousas, que O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei ten capacidade de incidencia en públicos amplos e variados ademais da calidade da súa escrita e o abordar un tema de actualidade como foi o despoxo de Aurelia Rei.
Narradora e poeta, Mariña Pérez Rei gañou con anterioridade premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lueiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Entre as súas obras atópanse os poemarios Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante ou Paquidermo, mentres en narrativa escribiu Canícula, Costa Necrópole ou Contrapicados.
O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa actuación de Carlos Blanco. Presentáronse 46 textos que foron escollidos por un xurado composto por Belén Puñal, Carlos Callón, Xurxo Chapela e Nel Vidal.
Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.
Carballo: Praza dos libros actos do 27 de agosto
Dentro das actividades da Praza dos libros de Carballo, este venres 27 de agosto, desenvólvense as seguintes actividades:
19:30 h. Sinaturas de: En clave de sol, publicado por Lumieira, por parte de Rosalía Fernández e Mon Lendoiro; as obras de Alberto Varela Ferreiro (as primeiras 60 persoas que se achegaren a asinar un libro deste autor, serán agasalladas coa súa obra 1809. A rebelión Neria; e de O náufrago, publicado por Sotelo Blanco, por parte do seu autor, Xosé Antonio Pet Posse.
20:30 h. Presentación de Covalladas. Prosa vertical, de Xurxo Borrazás, publicado en Galaxia, na que participan Belén Puñal e o propio autor.