Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
“Gustoume moito que a entrega no Círculo das Artes de Lugo dos premios da AELG 2015 constituíse un alegato esperanzoso máis alá da resistencia, como sinalou sabiamente a xornalista Tareixa Navaza, xa que «resistir non é perder nunca a esperanza». Unha actitude que destilaron as palabras que lin de Agustín Fernández Paz, no momento de agradecer o premio que recibiu A viaxe de Gagarín como «mellor libro de Narrativa», lembrando que a loita polas liberdades «hoxe segue sendo necesaria». Espírito que reivindicou Ramón Nicolás, un ano máis premiado como «mellor blog literario», cando dixo que «en Caderno da crítica escribo dende unha actitude de construción colectiva, compartindo e colaborando na difusión da literatura galega.» Esperanza presente nas plabras sabias e afoutas de Montse Dopico, cando agradeceu o premio á «mellor traxectoria de xornalismo cultural» reclamando corresponsabilidade na defensa da nosa cultura e propoñendo que «non temos medo e imos máis alá da resistencia.» Actitude que compartiu Carlos Negro, premio «ao mellor libro infantil e xuvenil», convidando a que «non vos pinten costuras nos labios» e os xornalistas Xosé María Palmeiro, Margarita Ledo e Manuel Lombao e Tareixa Navaza, premiados como Bos e xenerosos, denunciando «a invernía do uso do galego nos medios» e afirmando que o xornalismo é unha profesión onde «non se pode ter medo.» Como gustei moito das palabras cheas de matices de esperanza de Cesáreo Sánchez Iglesias nas que proclamou «a literatura como territorio de soberanía do idioma« e reclamou un plan estratexico para o sector do libro e da lectura. Unha esperanzadora noite da letras, conducido con gran elegancia por María Solar. Regresamos felices, a pesar da picada dunha roda.”
Arquivos da etiqueta: Brétemas
Xosé Ramón Pena: “A literatura galega nunca viviu allea a Europa”
Anotación de Manuel Bragado en Brétemas:
“Xosé Ramón Pena presentou onte o segundo volume da súa Historia da Literatura Galega pronunciando unha conferencia no Club Faro de Vigo sobre «Mitos e realidades arredor da literatura galega». Foi Xosé Luís Méndez Ferrín quen presentou ao autor de Como en Alxeria, cualificando como «o individuo mellor situado para facer unha historia da literatura galega, xa que coñece a lingua, coñece toda a nosa tradición literaria e como novelista que é sabe contar, facer un relato, o máis importante de todas as historias. Pena é un erudito sabio, competente, que sabe narrar capaz de de preparar unha historia ben enfocada e ben contada, que periodiza e analiza, tendo en conta os acontecementos políticos, ofrecendo como outros autores como Anxo Angueira unha nova visión da historia da literatura galega.»
Xosé Ramón Pena nunha lección moi brillante desmontou tres dos mitos construídos de forma prexuízosa arredor da literatura galega: «o de ser unha literatura local, doméstica ou apenas de resistencia», «o carácter de Galicia como país lírico orientado por unha forte sentimentalidade, onde non florece a prosa» e «a falta de continuidade da literatura galega que aparece e desaparece na historia». Para iso analizou tres episodios claves da literatura galega: o período alboral, onde se forxou a lírica e prosa medievais cuxo repertorio é recoñecido polos estudosos europeos; a construción da figura de Rosalía de Castro por parte de Manuel Murguía; e o papel de Manuel Antonio e a incorporación da nosa literatura á vangarda europea.
Pena demostrou a importancia da prosa medieval galega que xa dende o século XIII contou cos relatos da materia de Bretaña pouco despois do texto de Chrétien de Troyes sobre a orixe do Santo Grial, como da materia antiga (con textos como a Historia Troiana e a Crónica Troiana) ou a tradución de partes do Códice calixtino, recollida nesa xoia da nosa prosa do século XIII que é Os miragres de Santiago. A partir da anaálise de tres artigos de Manuel Murguía de 1857, Pena explicou a construción dun novo relato da literatura galega alicerzado sobre a figura de Rosalía de Castro e a falsidade que supoñía afirmar que a literatura galega non tivera continuidade dende o período medieval. «A expresión “Séculos escuros” foi unha creación de Landeira, director de Faro de Vigo, para referirse a un período, do XVI ao XVIII, no que o galego viviu un tempo de decadencia da súa produción textual. Hoxe temos outra visión e contamos con máis textos. Recuperamos a Sarmiento como literato, ao que contribuíron os traballos de Angueira e Ferrín. Hoxe sabemos que durante ese período houbo autores que continuaron na liña da defensa a ultranza do país, denunciaron as aldraxes que padecía e lamentaron o escaso emprego do idioma galego.» Para rematar, Pena analizou as relacións que Manuel Antonio tivo con Jean Epstein, de quen traduciu para o galego en 1922, La poésie d’aujourd’hui, apenas un ano despois de ser publicada, «o que demostra que o rianxeiro estaba conectado coa corrente máis renovadora que unía poesía e cine, como ilusión de movemento». «A literatura galega nuncia viviu allea a Europa, Manuel Antonio coñecía o que estaban facendo os maiores teóricos da literatura de vangarda. Cando deixou de ser unha literatura universal a nosa?»”
Escarlatina, de Ledicia Costas, na lista de honra do IBBY
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Recibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. (…)”
Suso de Toro conversa con Susana Pedreira arredor de Somnámbulos
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Apaixonante resultou seguir a conversa que Suso de Toro mantivo coa xornalista de Onda Cero Susana Pedreira na libraría Cronopios de Pontevedra arredor de Somnámbulos. Comezou Suso louvando o estado actual da cidade de Pontevedra e explicando a orixe da publicación deste novo libro de relatos.
«Cando decidín pechar todo e regresar ao ensino, quedou aberta unha carpeta cunha obra teatral comezada. Quizais porque dentro miña operou un malestar sobre a situación política da Transición, recuperei quen era eu naquel momento, un mozo antifascista, disposto a todo, nuns anos de radicalidade cando o réxime tamén o estaba. Non esquezamos que mataron a aqueles cinco rapaces. Foron anos terribles, nos que a policía ametralou aos traballadores de Ferrol. Anos nos que se vivía unha tensión moi forte. Todo aquilo quedou sepultado, negado, mesmo coa denominación de “dictablanda”, coa intención de negar até o propio franquismo. Eu sentínme sepultado, o meu verdadeiro eu sentíase negado e desprezado. Desa pulsión e coa intención de expresala naceu “Negocios de familia” o primeiro relato do libro.» Lembrou despois aqueles días arredor do 27 de setembro de 1975, «foron días moi duros os que viviron cando fusilaron a aqueles rapaces, algúns non participaran en delitos de sangue, interviu o papa Paulo VI, houbo protestas en toda Europa, non se precisaba estar en contra do réxime para denunciar aquilo.»
Interpelado por Susana Pedreira sobre a abordaxe do tema da culpa en «Negocios de familia», Suso de Toro afirmou que «un escritor ten que comprender a todos os seus personaxes.» «Dentro do monstro sempre hai un meniño, hai que ir a esa fonte primeira, onde o poder absolver. Así o fixen nun libro terríbel, Home sen nome, e tamén aquí. Neste relato non enxuízo aos personaxes, mais non considero que todos fosen iguais, os do réxime e os que loitabamos contra el.»
Falando do segundo relato, «Auga derramada«, Suso de Toro reflexionou sobre a dignidade dos humildes e maiores e sobre a importancia dos lazos familiares. «A vellez como momento da rememoración da vida é un momento moi lírico. O que vai entre a infancia e a vellez é unha impostura. A vellez é unha época de grande valor vital.»
Remataron a conversa Susana Pedreira e Suso de Toro falando de «Insomne», o relato que pecha o libro, nacido do que o autor denominou «un tropezo con Manuel Fraga». «Hoxe os que teñen auténtico poder protéxense tras un muro de pástico. É moi complicado enfrontarse a eles.»”
Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentouse o xoves 11 de decembro na Libraría Couceiro de Compostela Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Foi Berta Dávila, escritora e crítica de literatura infantil, quen se ocupou de facer a lectura dun libro que comezou definindo como «de fronteira. como todos os libros bos, para nenos e mozos, concibido para descarreirar ovellas para todas as edades». «Un libro que constitúe ademais un acontecemento a celebrar polo seu deseño seductor e polo traballo fantástico de ilustración de Óscar Villán.» «Un libro que presenta animais e temáticas complexas. Unha cosmovisión de suxeitos que descarreiran, reivindicando o que se desexa ser ou se escolle, un exercicio de rebeldía liberadora.» «Un libro que foxe do didactismo moralizan, sen que isto supoña que estea baleiro de ideas e dunha visión ética do mundo». Continuou Berta sinalando que «Ovella descarreirada é un catálogo de animais e plantas que non é inocente, a faneca, a balea, o polbo, a ovella, as abellas, mais tamén a camelia, o tiberio, a flor de toxo, como a recuperación de microtopónimos.» «Recupéranse tamén as formas da poesía popular, como a regueifa, a repetición, os versos encadenados, como os recursos da poesía actual, con rima e sen ella, como a tradición do punk e o rock.» Despois reflexionou Berta Dávila sobre a poesía infantil de autor que considerou como «un elo fundamental entre a literatura popular e a poesía contemporánea.» «O poético é o territorio do posible, un obxectivo de vivencia.« «A poesía non deber ser comprensión, senón experiencia de lectura.» Rematou contundente: «o que presta neste libro é que soa máis a rock cá música de Brahms. É boa literatura.»
Pola súa banda, Marilar Aleixandre, antes de recitar varios poemas e agradecer a Óscar Villán o seu traballo de ilustración, confesou que «estes poemas naceron dun impulso de reescribir cousas que nos contaron, refráns ou poemas que amamos ou a nosa propia vida, xa que ben sabemos que todos os poetas menten.» «Neste libro apropieime de historias de infancia que non son miñas, aínda que naceu dunha canción que me encargou Leilía, “Corazón de sal”.» «Pretendín reescribir o poema da forma máis literal posible, en pezas como “Apañar a primavera” ou gardar os topónimos e microtóponimos.» «Reescribir é escribir o que non está escrito.»”
Os Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, en Bueu
Desde o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Cheo histórico no salón de actos do Museo Massó de Bueu para asistir á presentación de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto organizada pola libraría Miranda. Máis dun cento de persoas vibramos durante unha hora cos relatos, coa música e coa emoción dun serán no que se viviu a épica dos mariñeiros galegos que máis alá do paralelo 48 procuraron os camiño do mar.
Comezou Xurxo Souto a súa intervencion confesando que este libro «era unha ousadía, xa que xeralmente as cousas do mar se calan en terra, ninguén nos aprendeu nada do mar». «Pretendín transcribir as historias dos mariñeiros que foron máis aló do paralelo 48, que entraron nos mares de cuberto e máis da parte de fóra, Os tres codillos, O calcetín, O Gran Sol, ou aqueloutros máis afastados do Volcán de Porcupine ou do Rocal do Con, esa illa entre Irlanda e Islandia». Falou despois Souto de que «Irlanda foi sempre unha obsesión para a cultura galega, sobre todo na música, o que non é estraño xa que os portos galegos de Irlanda, como Bantry, Dingle ou Galway, son a periferia da periferia, onde mellor se conserva a lingua gaélica». Defendeu Xurxo Souto que Vigo e A Coruña, onde están os portos do Berbés e do Muro, epicentros do mar de Galicia, «son a mesma cidade e que rabeen os repunantes».
Relatou Xurxo Souto, con algunha cantarea polo medio, as historias referidas a Bueu, desde a das botas de Riobó, as mellores do mercado, tan importantes para o pé do mariñeiro, famosas dende san Pedro de Miquelón a Trintxerpe, pasando polas de José de Loira de Cela e de Benito Estévez, até a de Lito Gago, un dos gaiteiros do mar, fundador da banda de gaitas Manxadoira de Bueu. A intervención espontánea do propio Lito relatando unha nadal en Terranova foi un dos momentos máis emocionantes do serán. Antes, Xurxo gabara ben chufados aos gaiteiros do mar, «levar un gaiteiro a bordo é unha regalía». A intervención de Rubén Bastón, compañeiro daquel programa inesquecible, Mil Ribeiras da Radio Galega, salientou a importancia destes músicos, que chegaron a gravar un LP no Gran Sol, e o traballo de Xurxo Souto na recpueración e conservación da súa memoria.
No treito final da presentación, antes das repichocas de Xurxo e de Miguel de Cela, Souto advertiu que «este non é un libro de naufraxios, o naufraxio non é épica, é un accidente laboral que debería ter sido posible evitar contando con máis medidas de seguranza marítima,» «máis seguranza e menos épica dos naufraxios», reclamou. »Este é un libro de aventuras, un libro de amor, un libro de descubertas, un libro de pintura, un libro de música, un libro do século vinte, mais tamén un humilde manifesto de futuro. Galicia é o centro do mar, a nosa principal industria, somos a maior potencia pesqueira de Europa. O libro pretende apenas poñer en valor aos galegos como centro do mar.»”
Brétemas lanza un premio para os escaparates que promovan o libro galego
Desde Sermos Galiza:
“O Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano recoñecerá o esforzo das librarías na promoción da produción editorial galega. O editor e presidente da AGE, Manuel Bragado lanza desde o seu blog Brétemas unha serie para recoñecer o papel do escaparatismo na promoción do libro galego e un concurso para premiar ao mellor do ano. (…)
“Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria”, recoñece o editor que lamenta a pouca presenza do libro galego nos espazos de promoción dos puntos de venda.
Convoca finalmente aos lectores e lectoras do seu popular blog, Brétemas, para outorgar a fin de ano o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano e abre a súa bitácora a quen queira remitir imaxes de vitrinas que promovan a produción editorial galega.”
Manuel Portas na Feira do Libro da Coruña
Desde o blog de Manuel Bragado, Brétemas:
“(…) Acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»
Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»
Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»”
Mercedes Queixas presenta Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, na Feira do Libro da Coruña
Desde o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Na segunda xornada da Feira do Libro da Coruña, encantoume a presentación que Mercedes Queixas fixo da biografía de Celso Emilio Ferreiro que escribiu Ramón Nicolás. Unha lectura e relectura interesantísima, que nos descubriu novidades neste libro multipremiado que levamos presentado xa en numerosas ocasións ao longo do último ano.
Comezou Queixas salientando que «no edificio do sistema literario galego, onde xa podemos falar dunha certa normalización, o cuarto dedicado ás biografías medra máis lentamente.» «Un xénero de investigación ao que me sinto vinculada e polo que cómpre apostar, xa que é indispensable para a construción literaria e para a construción do propio país.» Definiu Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «unha obra de gran envergadura e grande intensidade que amplifica a figura humana, literaria e política de Celso Emilio.» «Esta é a crónica dunha vitoria gañada aos silencios que de maneira intermitente semella ter acompañado a CEF. Un mundo de sombras onde se ten iluminado e onde se lle ten colocado no seu xusto lugar.»
Salientou Mercedes Queixas o paralelismo existente entre o Celso Emilio Ferreiro biógrafo de Curros Enríquez e o de Ramón Nicolás como biógrafo do poeta de Celanova. Lembrou o concepto que Celso Emilio manexou cando fixo a súa biografía de Curros, que se repite agora na de Ramón Nicolás: «un relato vivo, para nada unha cronoloxía plúmbea.» Identificou tamén paralelismo sobre as fontes utilizadas por ambos os dous biógrafos: «testemuñas de coetáneos do poeta, cartas, revistas e xornais, algunhas notas biográficas inéditas e, sobre todo, a colaboración do fillo do poeta.» Para Queixas o traballo de Ramón Nicolás, utilizando estas fontes, permitiu aquelar «unha obra magna, tanto pola extensión coma polo contido, sometendo a unha revisión global a figura de Celso Emilio por dúas vías, a das relacións epistolares, nun volume que ten unha enorme documentación, así como das múltiples conversas con persoas moi diversas que conviviron ou mantiveron relación amical con CEF. Así foi posible desvelar sombras e silencios. Celso Emilio Ferreiro é outro tras a lectura desta biografía. Unha persoa grande do seu tempo. Un referente en vida, mais tamén buscado por xente moza. Un libro que axuda a coñecer os círculos concéntricos que tivo a seu arredor, dende figuras como Otero, Del Riego, Piñeiro…, conformando así unha grande galería.» Rematou Mercedes Queixas parabenizando ao autor tamén polo feito de ter «inserido nun relato de corte ensaístico fermosísimas narracións», o que para ela constitúe «outro mérito máis da biografía», xa que «acrecenta a dimensión humana de CEF.»”
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2012
“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
– Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
– Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”