Arquivos da etiqueta: Cancioneiro da Ribeira de Piquín. Unha aproximación á poesía tradicional da montaña lucense
A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2022
Xosé Manuel Sánchez Rei: “Ribeira de Piquín sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita”
Entrevista de Antón Escuredo a Xosé Manuel Sánchez Rei en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que ten de particular a Ribeira de Piquín para lle dedicar un traballo así?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): A nación toda posúe unha extraordinaria cultura de orixe tradicional de que os cantares e poesías orais representan máis unha manifestación desa vizosidade e, neste sentido, a zona da Ribeira de Piquín non constitúe unha excepción. Sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita, como Xosé Seivane, e sempre se caracterizou, ao mesmo tempo, por ser unha área en que o canto e poesía orais tiñan un relevante protagonismo entre a veciñanza.
Hai rexións ou concellos que contan con seus propios cancioneiros publicados (A Ribeira Sacra, A Terra Chá, Fisterra, Cotobade, Pol etc.) e Noemí e eu pensamos que era de xustiza desenvolvermos un traballo que humildemente servise para equiparar A Ribeira de Piquín a esoutros territorios. A idea pareceu ben a Pablo Quintana, polifacetado director de Edicións Canela, quen desde o primeiro momento apoiou a iniciativa co entusiasmo, a rigorosidade e a xenerosidade que caracterizan os seus proxectos editoriais.
– ND: Foi complexo estruturar a información escrita e oral que atoparon sobre a zona?
– XMSR: Na verdade, unha parte xa estaba máis ou menos pronta. Cando no ano 2018 andaba a preparar os materiais que darían forma ao libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (Canela, 2019), fun organizando pastas con diferentes informacións (entrevistas, gravacións, notas biográficas, etc.).
Tamén, a consultar cancioneiros clásicos (Inzenga, Torner & Bal y Gay, Rielo Carballo, Schubarth & Santamarina etc.), reparei nalgúns cantares de orixe tradicional da zona que quizais coñecese a nai de Seivane, Estrella Rivas, que costumaba cantar durante as noites ao calor da cociña da lareira. Ese foi o núcleo do traballo, mais outras poesías (as menos) proveñen da compilación directa, produto da xentileza dalgunha xente a quen Noemí e eu entrevistamos.
Despois tivemos de adoptar certas decisións, como, por exemplo, optarmos pola orde alfabética na disposición dos textos, indicarmos a fonte, optimizarmos a lingua rexistrada (cando non afectase a rima nin a medida dos versos), etc.
– ND: Que características teñen en común estes cantares?
– XMSR: Como acontece neste tipo de literatura, algúns deles son comúns a máis rexións da Galiza e até varios retrotraen as súas primeiras documentacións ao século XVIII. O que posúen en común eses 200 textos asenta nos trazos lingüísticos locais e populares que transparecen nas letras e na expectábel vinculación á comarca de que proceden, o que se verifica nos topónimos que figuran nos versos, cal “Boel”, “Chao”, “Cuíña”, “Mestre”, “Paíme”, “Ouviaña”, etc.
Ese vínculo tamén se constata nas referencias a oficios habituais outrora na zona, como os arrieiros, segadores, etc., mais que hoxe xa non se practican.
– ND: Falan no libro da importancia de manter e difundir os cantares. Como se podería conseguir nos tempos actuais?
– XMSR: A sociedade tradicional camponesa que xerou e mantivo eses cantos durante centos de anos foi devalando ao longo do século XX e nese proceso tamén foron desaparecendo os ambientes e as situacións das comunidades rurais en que se recitaban ou en que se cantaban tales poesías.
Porén, fan parte non menor da cultura galega contemporánea e talvez un modo de os difundir puidese provir dun maior peso nos currículos escolares do país, naturalmente sempre os sabendo encaixar no seu contexto e nunca os deixando de explicar ao alumnado. Por outro lado, actualmente hai grupos de música folque que contribúen poderosamente para daren a coñecer eses textos e que desenvolven unha interesantísma actualización deles.”
A Coruña: presentación de Cancioneiro da Ribeira de Piquín, de Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García Rodríguez
O 6 de xullo, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o Cancioneiro da Ribeira de Piquín, de Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García Rodríguez, publicado pola Editorial Canela. No acto participan tamén Xurxo Souto e Pablo Quintana. As persoas que queiran asistir poden anotarse aquí.