Desde
a Cidade da Cultura:
“O 5 de outubro inauguramos no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral, unha homenaxe ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900-1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.
Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.
O eixe desta exposición é a primeira mostra en Galicia da simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.
Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.”
Arquivos da etiqueta: Castelao
O grupo Airiños de Rianxo celebra 85 anos de existencia
Desde
Erregueté:
“O grupo de teatro Airiños de Asados celebra o seu 85 aniversario cunha gala, Esta noite, velada no Auditorio de Rianxo. Serán tres funcións: o venres 21 de setembro, ás 21:00; o sábado 22 de setembro, ás 21:00; e o domingo 23 de setembro, ás 19:00. O espectáculo está ideado como unha festa de aniversario e, en contra do que sucede con outras obras da compañía, só se poderá ver nestas funcións en Rianxo.
A gala contará coas colaboracións de Barahúnda, José Luís Do Pico Orjais e Río de Anxo. Ademais, o Auditorio acollerá unha exposición de cartaces do grupo que se inaugurará este mesmo venres 21 de setembro ás 20:00.
O Grupo de Teatro Airiños naceu no ano 33 en Asados (Rianxo) da man dos curmáns de Castelao e arredor do Centro Galeguista do lugar A súa primeira posta en escena foi a de A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro. Isto converte á compañía na máis antiga de Galiza.
A Guerra Civil pararía inevitablemente a actividade creativa do grupo, que se retomaría nada máis comezar a ditadura grazas ao seu espírito loitador, malia as dificultades que o réxime impuña a toda actividade cultural, e, no concreto, a un grupo de teatro cuxa máxima principal era representar as súas veladas en lingua galega, algo ao que xamais renunciarían. Desta etapa, cómpre salientar, por exemplo, que Airiños representou por vez primeira, no ano 61, A fiestra valdeira, do rianxeiro Rafael Dieste, con este aínda no exilio.
Coa chegada da democracia, e a compañía, cumpriu un grande soño: a representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Nestes anos, a fundación en Asados do “Centro Cultural Simón Varela” achegoulle ao grupo un enclave fundamental que acolleu a compañía ata o momento actual.
No 2008, co gallo do seu 75 aniversario, a Asociación Alexandre Bóveda da Coruña homenaxeu á compañía entregándolles un premio «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Xa no 2009, o grupo recibiu o seu segundo premio, o Sireno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza. No 2012 Airiños recibe o premio “Ángel Velasco Montoya” da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid, pola súa fértil traxectoria ao longo de 79 anos de difusión do teatro afeccionado en galego. Ese mesmo ano, recibe o premio da Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013, súmase a estes premios o recoñecidísimo Pedrón de Ouro e o premio Aurosán do Ano na categoría de cultura.
No ano 2010 o grupo de teatro comeza unha nova etapa da man de Esther F. Carrodeguas, que asume a Dirección Creativa da Compañía. E dende entón, ademais de continuar a traxectoria habitual, o grupo ábrese a novos proxectos cheos de vida teatral, como o teatro-expres, unha iniciativa do Concello de Rianxo para achegar o teatro de pequeno formato aos nenos rianxeiros, levando os bártulos teatrais de parroquia en parroquia. Coa dirección de Esther. F Carrodeguas levan subido ao escenario obras como Ata que a morte nos separe, Nin rico nin pobre, O cabaré dos 80 anos de Airiños, Celtas sen filtro, Nosa señora das nubes e Hoxe non se paga.”
“Frankenstein e outros monstros”, por Armando Requeixo
Artigo
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“(…) O Frankenstein de Shelley, xa bicentenario, foi traducido ao galego por Fernando Tato Plaza, quen deu a coñecer unha estupenda versión no ano 2000 na Editorial Galaxia.
Doutra parte, vampiros, zombis e, sobre todo, licántropos son monstruario adoito nas nosas letras. Concomitante co mundo propio da literatura vampírica (aínda que con personalísimo selo) amósase Un ollo de vidro (1922) de Castelao, relato de seres de ultratumba, entre o terror e o humor de agre lucidez. O rianxeiro aproveita esta atmosfera para a máis debeladora crítica social: “Quixen saber quen fora o vampiro nos mundos dos homes. Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco, dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era, ¡era un cacique!”.
Mortos viventes habitan tamén as páxinas de, por exemplo, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) de Vicente Risco, o protagonista da cal acaba por compartir unha danza macabra coa mesmísima momia de Tutankamón.
Tamén foi o escritor ourensán un dos que mellor abordou entre nós a licantropía literaria, como demostra O lobo da xente (1925), ficción narrativa sobre o mundo do lobishome que logo tratou ensaisticamente en Un caso de lycantropía. O home lobo (1929), onde estudou a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre lobishome de Allariz.
Nos últimos anos, salienta a obra de Paula Carballeira por ser a única que compuxo un ciclo teratolóxico completo coas tres figuras: o vampiro da novela O ganso pardo (2002); os zombis do relato A era de Lázaro (2004) e o licántropo da narración O lobishome de Candeán (2009).”
Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 13 de xullo
O
13 de xullo continúa a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:30 h. Ánxela Gracián presenta Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións. No acto participan, xunto á autora, Antonio Seijas e Laura Rodríguez.
– 21:30 h. Siro López presenta Castelao na arte europea, publicado por Garañón.
Ferrol: presentación de Castelao na arte europea, de Siro López
Ribeira: presentación do volume ilustrado arredor de Alba de Groria de Castelao
Siro López publica a obra Castelao na arte europea
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Castelao no seu, o debuxo de humor e a caricatura, estivo na vangarda no que se facía en Europa naquel momento”. Siro López publica a obra Castelao na arte europea. Pode escoitarse a entrevista aquí.”
Outeiro de Rei: Que comerá o rei?, con Cándido Pazó
Outeiro de Rei: Retrincos de Castelao, con Isabel Risco e Fran Rei, o sábado 24
Miguel Anxo Seixas: “Se Castelao se rendese, Galicia aínda estaría hoxe sen Estatuto”
Entrevista
de Montse Dopico a Miguel Anxo Seixas en Praza:
“Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación. É o título da tese de doutoramento do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, que realizou, durante moitos anos e sen saber ao principio que ía acabar facendo unha tese, a investigación ata agora máis exhaustiva sobre a vida e a obra de Castelao. Revisando todo o que o rianxeiro escribiu e todo o que outras persoas escribiron del, ademais da súa obra gráfica e pictórica. O resultado é un traballo que procura o máis esixente rigor, en canto a apoio de cada dato na documentación, e que deixa a interpretación, e as conclusións, para o lector. Sen renunciar a reivindicar a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.
– Praza (P): Defines a tese como un recoñecemento, un xeito de “facer xustiza” a unha persoa cuxa vida foi un exemplo de entrega ao país. Por que “facer xustiza”? Pensas que Castelao non ten o recoñecemento que merece?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Se hai algo que caracteriza a Castelao é a súa loita contra a inxustiza. Un ben a este mundo para loitar contra a inxustiza, ou así debería ser. Porque o mundo é inxusto. Castelao loitou para que Galiza tivese un Estatuto propio, por un mundo máis xusto. Pero unha banda de intolerantes destruíu o que el tentara construír. Foi a inxustiza do poder, das armas, da intolerancia, a que se impuxo contra o goberno lexítimo da República. E el tivo que exiliarse, foi perseguido.
Podemos dedicarlle medallas, unha rúa, o que queiramos pero, como dicía Walter Benjamin, temos que escoitar a voz dos vencidos. E eu tento seguir ese mandado de Benjamin. Tamén o dicía o propio Castelao nun dos seus debuxos: “Galegos, cumpride a manda dos vosos mortos”. E foi o que el fixo: seguiu loitando e resistindo no exilio. Agora, o fascismo segue a triunfar en moitos sitios. Segue a haber rúas que levan o nome de fascistas e asasinos. É como se os derrotados fosen derrotados de novo. É parte do botín de guerra dos vencedores. E é a nosa obriga loitar contra inxustizas coma estas. Ou polo menos tentalo.
– P: Se cadra o que fai diferente a túa tese é que é un estudo exhaustivo, feito a partir de todo o que Castelao escribiu, todo o que se escribiu sobre el, e a súa obra gráfica e pintura. É unha análise global, moi abranxente. Revisaches 4.333 entradas bibliográficas. Cantos anos traballaches na tese?
– MAS: En realidade, por circunstancias, foime chegando moito material de Castelao. Son historiador da arte e moita xente que tiña un debuxo, un cadro… chamábame. Porque unha parte da obra de Castelao, a visible, está en institucións públicas: museos, fundacións… e outra, a invisible, está en mans privadas. Eu fun xuntando moito material de Castelao durante moitos anos, que depositei na Fundación Castelao. Agardaba que chegase alguén que collese todo ese material e reconstruíse o puzzle a partir das pezas. Pero esa persoa non chegou e acabei facéndodo eu.
En principio ía ser unha biografía e despois acabou sendo unha tese. Tratábase de encaixar todo, de darlle orde aos restos do naufraxio poñendo cada cousa no sei sitio. Tampouco era subir a estatua ao pedestal, senón baixar a estatua do pedestal e volver relacionala co mundo. Para min iso era moi importante: situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo: co exilio, con Arxentina… Parte da dificultade é que, claro, os restos do naufraxio están espallados por Pontevedra, Bos Aires, Montevideo, Nova York, Moscova… (…)
– P: Dis tamén, en relación con iso, que creou un campo autónomo para a arte e a literatura, afectadas pola heteronomía política. Non parece tan claro, desde o momento en que facían arte e literatura para construír nación…
– MAS: Eles eran conscientes de que estaban a construír unha nación, claro. Pero o que pasa é que aquí hai dous enfoques posibles. Hai xente que entende que todo o que fai é un acto político. A idea é, por exemplo: vou escribir en galego aínda que o faga mal. E iso acaba condicionando a arte. Pero Castelao non pensa así. Castelao pensa en facer literatura e arte de alta calidade. Fai alta literatura. Consegue o que Bourdieu defende, a autonomía da literatura respecto do campo político. Castelao é artista cando exerce de artista e político cando exerce de político. A arte non ten que ser “comprometida”. Ten que estar comprometida coa propia arte. E naquel momento si se fixo moita literatura política, ao servizo da política. Pero, que quedou desa arte? (…)”



