A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Charo Pita presenta No país do vento, libro-CD publicado en Galaxia. Na carpa infantil.
18:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Presentación de Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus, publicado por Trifolium. Presentan Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Laura Caveiro e Xan Arias.
19:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas do Lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
19:00 h. Carlos Meixide asina Guitiriz, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:30 h. Óscar Villán e Manuel Lourenzo González asinan na caseta da libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez e Carlos Babio (Fundación Galiza Sempre). Participan Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina as neuronas irmás, na caseta da Libraría Berbiriana.
20:00 h. Pura Tejelo na caseta da Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Fran Alonso.

Bases do XLIV Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo 2018

1. FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Mazaricos (A Coruña) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 1 de novembro de 2018 a algún destes enderezos:
a. FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
b. CONCELLO DE MAZARICOS
Avda 13 de abril, 59 – A PICOTA – 15256 MAZARICOS- A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículo vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

5. PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ (suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico) (***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

6. XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoras-es (AELG e PEN Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Mazaricos (A Coruña). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7. ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Mazaricos (A Coruña) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8. OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade com capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.

Gonzalo Hermo gaña o XVI Premio de Poesía Afundación

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A vida salvaxe, de Gonzalo Hermo, é a gañadora da décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego.
A resolución do xurado, composto por Luís G. Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior edición do Premio de Poesía Afundación; Alba Cid, poeta; Xosé Ramón Pena, escritor; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, deuse a coñecer esta tarde na sede de Afundación Santiago de Compostela, nun acto presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo director-xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar. (…)
O xurado destacou que o poemario gañador ofrece, “desde a sobriedade e a contención”, “un regreso á natureza que incorpora a autobiográfico e o metapoético”, ao tempo que entroucou a obra con “poéticas abertas na creación contemporánea, tanto na súa procura do salvaxe coma no recurso a un misticismo escéptico”. (…)”

Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Luís Méndez Ferrín recibe o Premio Voz de Liberdade que concede o Centro PEN Galicia. “En realidade nunca deixei de estar na oposición e por tanto anhelar un réxime de liberdade de expresión pleno”. Pode escoitarse aquí.”

Estíbaliz Espinosa gaña o decimoquinto Premio de Poesía Afundación

Desde La Voz de Galicia:
“«Pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencial evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional» o xurado vén de escoller As neuronas irmás, de Estíbaliz Espinosa, como a gañadora do decimoquinto Premio de Poesía Afundación. O poemario foi escollido entre 29 presentados por un xurado composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo, o escritor Mario Regueira; Xabier Castro, escritor e secretario do xurado, e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado. As neuronas irmás será agora publicada na colección Arte de Trobar, que xa conta con máis dunha ducia de poemarios de autores noveis e consagrados.
Estíbaliz Espinosa escribe dende o enfoque «dunha cultura única -como define a propia autora-: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia» (…)”