Estíbaliz Espinosa le un poema do seu libro … as neuronas irmás

Desde a AELG recollemos o vídeo publicado polas Bibliotecas Municipais da Coruña onde Estíbaliz Espinosa le un poema de … as neuronás irmás, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Charo Pita presenta No país do vento, libro-CD publicado en Galaxia. Na carpa infantil.
18:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Presentación de Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus, publicado por Trifolium. Presentan Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán-Vello, Laura Caveiro e Xan Arias.
19:00 h. Presentación de As lembranzas perdidas do Lago Antelväri, de Xosé Duncan, publicado por Galaxia.
19:00 h. Carlos Meixide asina Guitiriz, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:30 h. Óscar Villán e Manuel Lourenzo González asinan na caseta da libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez e Carlos Babio (Fundación Galiza Sempre). Participan Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
20:00 h. Estíbaliz Espinosa asina as neuronas irmás, na caseta da Libraría Berbiriana.
20:00 h. Pura Tejelo na caseta da Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Contra todo isto, de Manuel Rivas, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Fran Alonso.

Curiosidade, un poemario de Estíbaliz Espinosa para observar o mundo

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Hai uns días sabíamos que Estibaliz Espinosa era a gañadora do premio Afundación de poesía con As neuronas irmás e que se vai publicar en ‘A arte de trobar’. Pero hai apenas uns días, Estíbaliz presentaba tamen Curiosidade, o primeiro poemario publicado por Aira editorial na coleccion Fina Rei. Curiosidade, para observar o mundo desde a poesía, a prosa poética, a ciencia, a tecnoloxía, a lingua, astronomía…, con ilustracións de Celsius Pictor. Pode verse aquí.”

Entrevista a Estíbaliz Espinosa sobre As neuronas irmás

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A ciencia é cultura e esa reivindicación faise importante nestes tempos”. Estíbaliz Espinosa gaña co libro As neuronas irmás o Premio de Poesía Afundación. Pode accederse á entrevista aquí.”

Estíbaliz Espinosa: “Poucas veces as mulleres son imaxinadas como pioneiras, exploradoras, xenias”

Entrevista de Montse Dopico a Estíbaliz Espinosa en Praza:
“(…) – Praza (P): Un dos poemas de Curiosidade di, de feito, que a ciencia é literatura e a literatura é ciencia, coa curiosidade como factor común e a beleza como vector. Nun encontro recente da AELG comentabas que a ciencia podía ser un xeito de poesía…
– Estíbaliz Espinosa (EE): Tampouco é que crea exactamente iso, pero cando dixen iso parafraseaba ao poeta John Keats, que dicía que a verdade é beleza e a beleza é verdade. A ver, coa poesía dificilmente poderiamos atopar a teoría da relatividade, por exemplo, pero si é certo que a poesía busca poñer a linguaxe nunha cámara a presión, ver ata onde podemos espremer a linguaxe para expresarnos, ver ata onde podemos levar a linguaxe ordinaria para expresar outras cousas. Pois a ciencia tamén busca a palabra exacta, as metáforas máis axeitadas para expresarse, porque non deixa de ser unha interpretación lingüística do mundo, que está continuamente renovándose e buscando termos e paradigmas novos.
Para explicar o que é o espazo-tempo, por exemplo, utilízase a metáfora do colchón que se curva ao poñerlle algo enriba: o espazo cúrvase segundo a masa do corpo que está nel. E moitos conceptos da matemática, a astronomía… entran no campo do lirismo, evocan moitas cousas… Os propios científicos tamén son narradores ou inspíranse en narradores… Se ollamos á historia, ademais, vemos por exemplo que Aristóteles escribía tanto de poética como de como era o cosmos… A separación entre ciencias e letras estableceuse despois, é unha convención. (…)
– P: Hai bastante humor, ademais, no que escribes. E como unha chamada a, non sei, desdramatizar o propio feito da escrita. Non poñer a quen escribe nun pedestal, que ao cabo só se trata de escribir e desescribir o escrito. Un poema fala sobre iso…
– EE: Para min é inevitable que haxa unha actitude retranqueira. É unha maneira de ver a literatura desde lonxe, en órbita, desde certa distancia. Tamén pode interesarme, outras veces, o “intensito”, pero penso que a ironía e a retranca poden axudarnos moito. E si, a palabra desdramatizar pode estar ben para definilo. E eu escribo e desescribo todo o tempo. Se me desen un ano máis, volvería reescribir este libro. Marilar Aleixandre cita versos dese poema que citas, dos que colleu ademais o título do seu libro Desescribir. (…)
– P: Vés de gañar o premio Afundación por As neuronas irmás, que editará o Pen. En que sentido nace ese libro de Curiosidade?
– EE: É un libro que xorde dun feito biográfico, que é a perda do meu único irmán. Un libro que reflexiona sobre o que é ser irmá, e ser irmán. Sobre a idea da irmandade, en distintas dimensións: a irmandade co cosmos, con outras especies, co estranxeiro, con outras mulleres… Hai unha idea de sororidade, pero non é un libro social nese sentido. É a irmandade ollada desde distintas perspectivas. As dúas Europas: a máis coñecida e a lúa de Xúpiter, Galicia e a Galitzia de Polonia e Ucraína… Tamén reivindica a figura da muller non só como corpo, senón como xeradora de ideas, como cerebro. A intelixencia das mulleres. (…)”

Estíbaliz Espinosa gaña o decimoquinto Premio de Poesía Afundación

Desde La Voz de Galicia:
“«Pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencial evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional» o xurado vén de escoller As neuronas irmás, de Estíbaliz Espinosa, como a gañadora do decimoquinto Premio de Poesía Afundación. O poemario foi escollido entre 29 presentados por un xurado composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo, o escritor Mario Regueira; Xabier Castro, escritor e secretario do xurado, e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado. As neuronas irmás será agora publicada na colección Arte de Trobar, que xa conta con máis dunha ducia de poemarios de autores noveis e consagrados.
Estíbaliz Espinosa escribe dende o enfoque «dunha cultura única -como define a propia autora-: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia» (…)”