Acta do xurado do XXIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“En Noia, sendo ás 13:00 h do día 26 de decembro de 2024, reúnese o xurado do XXIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, constituído polos seguintes membros:

– D. Santiago Freire Abeijón, alcalde-presidente do Excmo. Concello de Noia, como Presidente de Honra.
– D.ª Oliva Fraga Lombardía, responsable da Casa da Cultura de Noia que actúa en calidade de secretaria deste xurado, con voz e sen voto.
– D.ª Ana Romaní Blanco, poeta, xornalista cultural e académica numeraria da Real Academia Galega
– D. Ismael Ramos Castelo, poeta e profesor.
– D. Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.

Rematadas as deliberacións e por UNANIMIDADE, o xurado decidiu declarar gañadora a obra titulada TREBÓN DO NORTE, presentada baixo o pseudónimo TREBÓN DO NORTE, e que aberta a correspondente plica resultou ser da autoría de Agustín Agra Barreiro.”

Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras

Desde Nós Diario:
Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”

Xosé Ricardo Losada Vicente gaña o XXII Certame Literario de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“O 29 de decembro 2023, os membros do xurado do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos reuníronse na Casa da Cultura para emitir publicamente a súa decisión e dar a coñecer o novo gañador do XXII Certame Literario.
O xurado constitutído por Santiago Freire Abeijón, presidente de honra; Oliva Fraga Lombardía, traballadora da concellería de cultura e que actuou en calidade de secretaria; Antonio Puentes Chao, profesor e escritor; Raúl Soutelo Vázquez, profesor e escritor, e Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor, e despois das deliberacións, e por unanimidade, declarou gañador a obra titulada Un inferno frío, da autoría de Xosé Ricardo Losada Vicente, de Rianxo.”

Acta do xurado do XXI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“En Noia, sendo ás 12:30 horas do día 28 de decembro de 2022, reúnese o xurado do XXI Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, constituído polos seguintes membros:
D. Santiago Freire Abeijón, alcalde-presidente do Excmo. Concello de Noia, como Presidente de Honra.
Dona Concepción Allut Vidal, técnica de cultura do Concello de Noia que actúa en calidade de secretaria deste xurado, con voz e sen voto.
Dona Pilar Sampedro Martínez, escritora.
Don Miguel Anxo Seixas Seoane, profesor e escritor.
Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.

Rematadas as deliberacións e por UNANIMIDADE, o xurado decidiu declarar DESERTO”

O XX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos xa ten un gañador: Francisco Rozados Rivas

O 22 de decembro, a Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” acolleu o fallo do XX Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. O xurado, por unanimidade, outorgou o premio á obra Niscoventa, de Francisco Rozados Rivas. O xurado estaba integrado por: Santiago Freire Abeijón, Xavier Castro Rodríguez; Antonio Piñeiro, Pedro García Vidal, Xerardo Agrafoxo Pérez e Concepción Allut, en calidade de secretaria.