Entrevista con Antón Riveiro Coello

Entrevista a Antón Riveiro Coello desde De Vella a Bella, por Charo Valcárcel:
“(…) – De Vella a Bella (DVB): Antón, a primeira pregunta supoño que cha terán feito moitas veces, pero non por iso me parece menos interesante coñecer a resposta: Por que escribes? Cando te decataches de que querías dedicarte a isto? Eras xa un neno de dez en redacción no cole?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Escribo coma un acto de proclamación da miña existencia ou talvez, na miña condición de limiao, porque gusto do disfrace e de me travestir para ser o que non son, para residir temporalmente no outro, no estraño, en alguén que intento coñecer coas palabras.
En canto ao momento en que me decatei de que me quería dedicar a isto, foi de xeito serodio, cando tiña uns vinte e catro anos. E, como moitas veces acontece na vida, non fun eu quen descubriu o talento senón unha moza á que quixen seducir con poesías e que, por sorte, aínda segue ao meu carón, igual que a literatura.
E si, a redacción sempre foi o que mellor se me deu. Aprobei moitos exames, mesmo na universidade, non polo contido senón pola forma en que estaban escritos. Iso, dalgún xeito, compensaba a miña vagancia.
– DVB: Es un escritor moi premiado, con premios moi importantes, entre eles o Premio da Crítica española por Laura no deserto, ademais do Torrente Ballester, García Barros, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Frei Martín Sarmiento, etc.) Ata que punto son importantes os premios na carreira dun escritor? Algunha vez escribes pensando nun en concreto?
– ARC: Non. Nunca penso nun premio cando escribo. De feito, este ano pasado presenteime a un premio despois de vinte anos sen facelo. Nestes últimos anos importoume moito máis o traballo de edición e non tiña esa necesidade que si tiven cando comecei porque quería confirmar a miña vontade de escritor e tamén atopar unha editora como Galaxia que confiase nos meus textos. Esa é a función principal dos premios, abrir camiños, ademais de lles dar un pouco máis de publicidade, espazo e recoñecemento ás túas novelas.
– DVB: A túa obra ten unha temática moi variada desde historias conmovedoras a outras mesmo inquietantes, novela histórica, novelas que reflicten un compromiso social, relatos fantásticos… e así mesmo escribes tanto relato curto coma novela e hai pouco publicaches un libro de microrrelatos En cal dos subxéneros narrativos te sentes máis a gusto?
– ARC: Son narrador e, dependendo da historia que queira contar, adopto unha forma ou outra. Aínda que recoñezo a miña querenza pola novela, que me ofrece outras posibilidades máis acordes co meu estilo e a estrutura coa que gusto de artellar as historias.
– DVB: Supoño que ao longo dos máis de vinte anos que levas escribindo e publicando aprendiches moitas cousas sobre ti como escritor. Cres que es moi diferente ao escritor que eras cando comezaches?
– ARC: Supoño que o estilo se foi depurando moito máis e deixei atrás a impaciencia que tiña por rematar as novelas. Agora son moito máis reflexivo e procuro traballar os textos até a extenuación. Intento entregar o mellor de min en cada libro por respecto a quen me le e, sobre todo, porque aínda confío no poder da literatura.
– DVB: Nalgúns dos teus textos, nomeadamente nos últimos, sitúas boa parte da acción fóra de Galicia e poboas as túas historias de personaxes non galegos que protagonizan tramas que pouco ou nada teñen que ver con Galicia… É unha casualidade ou unha elección intencionada? Cres, que é necesario deslocalizar a literatura galega, mirar máis cara fóra (sen abandonar totalmente o referente galego, como fas en ambas novelas)?
– ARC: Vivimos nun mundo global e tanto me ten que as historias acontezan en Siria, Nova York ou Xinzo de Limia. Iso si, case sempre hai puntos de conexión co meu país a través dalgún personaxe. É un fío co que quero conectar Galiza co resto do mundo. Non creo que hoxe haxa ningún creador que queira circunscribir sempre o ámbito de actuación das súas novelas ao mesmo espazo. (…)”

Entrevista con Fina Casalderrey

Entrevista a Fina Casalderrey desde De Vella a Bella, por Charo Valcárcel:
“(…) – De Vella a Bella (DVB): Fina, ti comezaches no ensino, como mestra, moi noviña, creo que con 19 anos. Foi vocacional a túa dedicación a esta profesión?
– Fina Casalderrey (FC): Posiblemente me rodearía dun certo halo de romanticismo se afirmase que xa dende nena, cando xogaba ás mestras, tiven moi claro que esa era a miña profesión soñada, pero non respondería á verdade. O certo foi que na casa dixéronme: “Queres ir aprender a coser ou estudar maxisterio?”. En calquera dos dous casos non tiña que saír de Pontevedra, co cal non implicaba moito gasto para unha familia académica e economicamente humilde…
A coser xa fora aprender, polo verán, aos nove anos e algo aínda lembro daquelas primeiras nocións de “corte y confección”, pero esa é outra historia… A verdade é que só podo dicir BENDITA ESCOLLA! Decidinme polo maxisterio e só podo dicir que moito aprendín dos rapaces e rapazas que pasaron polas miñas aulas. Un anaquiño de cada un, de cada unha, permanece tatuado en min con tinta permanente. Sempre digo que, oxalá, eu tamén quedase un pouco nese recuncho da memoria onde gardamos as lembranzas fermosas.
Nunca, nin nos malos momentos, nin nos máis esgotadores, que os hai, nin cando tiven oportunidade de “medrar” en popularidade e recoñecemento social, quixen deixar a profesión á que lle debo case todo. Si… creo que fun unha mestra vocacional.
– DVB: Comprobo que te implicaches en múltiples actividades, algunhas delas desenvolvidas ou relacionadas coa túa profesión de mestra. Por exemplo o teu interese pola etnografía, na que involucraches os teus alumnos en distintos traballos de investigación. Podes contarnos un pouco como naceu o teu interese por ese campo e cales os logros acadados?
– FC: Os ensinantes somos dunha madeira especial, o amor á profesión —aínda que soe melindroso— fai que nos atrevamos a ensinar o que a nós non nos ensinaron nunca e a nos manter acotío no camiño de ida. Por poñer un exemplo moi tanxible neste instante, ti, Charo, exerciches de ensinante, non te preparaches na escola de xornalismo e sen embargo estás a exercer de xornalista con total solvencia. Os e as docentes estamos afeitos a facer maxia: a facer de técnicos de son, luminotecnia, maquillaxe, decoración, vestiario, guión, dirección… se falamos de facer teatro co alumnado, sen ter moitas veces nin un escenario; ou a facer experimentos, sen termos laboratorio; a editar revistas de maneira artesá, sen posuírmos unha imprenta; de guías turísticos nas excursións, de coreógrafos —lembro ensinarlles a bailar o tango, sen telo eu bailado nunca— e incluso de psicólogos ou de sanitarios se a situación o requiría.
Pertenzo a unha xeración que medramos co caraelsol na escola, coas ventás cegas á liberdade, coa diglosia tatuada polas malas experiencias por falarmos galego na infancia e ignorantes de toda esa riqueza cultural como pobo, que se nos ocultara… A comezos dos setenta, estreeime como mestra e, asemade, as primeiras “liberdades” culturais, queriamos cambiar o ensino, algúns de nós, máis por intuicións ca por sólida formación. Descoñecendo todo o que aquela “Institución Libre da la Enseñanza” fixera, os primeiros cursos como ensinantes centrábanse en compartir experiencias. Queriamos educar no medio, partir da localidade, de todo o que podían tocar coa xema dos dedos: a literatura popular, os alcumes, as festas, os apeiros de labranza (o ambiente era rural), a climatoloxía e astroloxía popular, as crenzas, as plantas medicinais, as festas, os xogos populares, os hórreos (706 creo que había en Moraña), os cruceiros… Algúns daqueles traballos foron premiados polo Museo de Pontevedra, pero o logro máis grande a verdadeira conquista foi que viñan a clase felices.
Todo eran descubrimentos, tamén para nós, para min… Si, aqueles traballos foron verdadeiros obradoiros de aprendizaxe para o alumnado e para min. (…)
– DVB: No mundo literario galego Fina Casalderrey é a autora por excelencia da literatura infantil e xuvenil. Gustaríame saber se alá por 1991 cando publicaches (corríxeme se me equivoco) Mutacións xenéticas, a túa primeira obra destinada a este tipo de lectores, realizaches unha elección consciente dos destinatarios das túas obras ou foi casual?
– FC: Venme á cabeza O estanque dos parrulos pobres, un libro que está nunha colección infantil, a partir dos oito anos. Eu escribino naquel momento para que o lese meu pai para que, se chegaba a saber a estrema gravidade da súa enfermidade, non tivese tanto medo de morrer. Tratei de me mergullar na pel dunha nena de seis anos e falar dende a súa inxenuidade dun tema tan duro como é a morte dun ser querido. Se le esa historia un adulto, cáenlle as bágoas, se a le un neno, unha nena, parécelle divertida… As diferentes experiencias vitais do receptor inflúen nas múltiples interpretacións.
Imos ver, eu escribín Mutacións Xenéticas arredor de oito anos antes de ser publicada, cando nin soñaba con publicar nada. Líalle ao meu alumnado fragmentos coma unha actividade máis de aula. Logo, cando comecei a publicar, xa nunca máis lle lin nada meu por pudor. Porén, nin sequera estou segura de que a escribise para uns nenos concretos, mais ben eles me inspiraron a min para escoller un protagonista. Mentres dei clase, escribía sobre todo nos veráns, os ensinantes entendédesme ben se digo que durante o curso escolar —como canto máis te preocupan, máis te ocupan— non chegas á casa con moitas ganas doutras lerias. Todas as enerxías e horas son poucas para lles dedicar…
A raíz da “normalización” do galego nas aulas comezáronse a demandar obras literarias en galego… Aínda que a historia da publicación de Mutacións xenéticas é máis longa, resumiríaa dicíndoche que a fixen pensando en compartila coa rapazada das miñas aulas. Logo xa, o responsable da súa publicación foi un curmán meu, Xosé Carlos Mosteiro Fraga, que daquela tamén estaba dando clase en Moraña —e anos máis tarde tamén publicou con éxito varios libros—, deilla a ler e animoume a facelo. Mesmo foi el quen chamou á editorial Vía Láctea, eu limiteime a deixar o orixinal na, desafortunadamente desaparecida, librería Michelena de Pontevedra…
Resumindo, non era moi consciente de “para quen escribía”, érao máis de que o estaba a facer en galego. (…)”