Ars dedicandi: Ánxel Fole

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 11 de agosto de 1903 naceu no número 1 da Praza de Campo Castelo en Lugo Ánxel Fole, voz fundamental da narrativa galega de Posguerra e xornalista de longa e recoñecida traxectoria.
Moitos foron os amigos do mundo literario que este clásico das nosas letras tivo ao longo da súa vida, que deu de si, pois aínda nos deixou en 1986. (…)
Esta dedicatoria que hoxe recupero por xentileza de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer testemuña esa amizade garimosa que, dende a primeira hora, os uniu a Fole.
Figura estampada na que é a segunda edición de Terra brava, aparecida en 1976, un volume que conserva na cuberta o deseño orixinal que Xohán Ledo fixera para a edición primeira. (…)”

Ánxel-Fole.-Terra-brava

Ars dedicandi: Ricardo Carvalho Calero

DesdeRicardo Carvalho Calero o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hai exactamente un cuarto de século que nos deixou don Ricardo. Así, dicindo tan só o nome co tratamento de cortesía, sabemos todos a quen nos referimos.
Porque a don Ricardo é moito o que se lle debe. E aproveito hoxe para volver dicir, con todas as letras, algo que teño comentado mil e unha veces: só polo seu labor como estudoso e historiador da nosa literatura merecería unha grande homenaxe nacional. (…)
A dedicatoria que reproduzo evidencia a súa capacidade para a detección dos novos talentos literarios ata o último alento. Tamén a amizade que o uniu a Claudio Rodríguez Fer, quen tanto se ten ocupado da súa obra, que chegou a editar.
Neste día no que o recordamos, sexa este pequeno lembradoiro unha homenaxe máis no mar delas que todos debemos promover.”

ars_dedicandi_carballo_calero

Radiocrítica do 01-12-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Somnámbulos, de Suso de Toro (0:20); Manuel Antonio. Obra completa. Poesía, en edición de Xosé Luís Axeitos (10:25); Valente Vital. Ginebra, Saboya, París, de Claudio Rodríguez Fer, Tera Blanco de Saracho e María Lopo (15:20) e Pasen e miren, de María Canosa e Dani Padrón (20:30).

Pódese escoitar directamente aquí.

Rosalía en Nova York

Desderevolucion-rosaliana o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Rosalia’s Revolution in New York é o título da terceira entrega da colección A Tola Soñando que, dende Lugo, animan os escritores e profesores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
Nesta ocasión, a entrega reproduce integramente un extenso poema de Rodríguez Fer que este recitou por vez primeira na Spanish Benevolent Society da Gran Mazá o pasado 5 de novembro. Naquela ocasión, un auditorio cheo de inmigrantes e descendentes de emigrantes e exiliados galegos puideron coñecer este canto tribal no que, a través da refactura en homenaxe dos versos de Rosalía, o poeta lugués vai cosendo un urro lírico de afirmación e denuncia ante os esquecementos e abusos que a nosa comunidade emigrada e exiliada padeceu, reivindicando os seus logros e restituíndo a súa digna memoria. (…)
Rosalía’s Revolution in New York é unha publicación bilingüe, pois o texto galego de Rodríguez Fer foi magnificamente acomodado ao inglés por Kathleen March, prestixiosa tradutora da Costa Este que xa foi a encargada de verter ao lugués noutras ocasións, poño por caso na versión que fixo de Tender Tigers no 2012. (…)”

Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas

O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco MartínMarica CampoDarío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.

Compostela: o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego, o mércores 11 de xuño

O mércores 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego.
Por primeira vez en Galicia, un dos máis firmes candidatos dos últimos anos ao Premio Nobel de Literatura lerá textos propios nun acto conducido pola promotora do mesmo, a escritora Yolanda Castaño, e que contará coa colaboración da AELG e do PEN Club de Galicia, a través das intervencións de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Luís G. Tosar, canda a presentación do poeta convidado por parte do profesor da USC Claudio Rodríguez Fer, e a interpretación musical da artista Najla Shami.

Confirmación de asistencia, aquí.

Santiago: tese de doutoramento de Armando Requeixo, sobre A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro

O venres 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Armando Requeixo defenderá a súa Tese de Doutoramento, baixo o título de A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica. Estará acompañado polos directores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nun acto aberto a todo o público interesado.
O tribunal que xulgará a tese está formado por Xesús Alonso Montero, como presidente, Xosé María Dobarro Paz, Arcadio López-Casanova, Aurora López e Xosé Manuel Salgado, que actuará como secretario.

José Antonio Cascudo: “Nimbos rexeita aparatos teóricos e ideolóxicos, é unha obra mestra ao sentido común”

Entrevista de Montse Dopico a José Antonio Cascudo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como comezas a recadar información sobre Díaz Castro? Xa coa idea de facer un documental?
– José Antonio Cascudo (JAC): A orixe de O instante eterno foi unha conversa con Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a comezos do 2011. Daquela ían cumprirse cincuenta anos da publicación de Nimbos e os dous coincidimos en que era necesario difundir a figura de Díaz Castro coa vista posta no seu centenario (que se celebrará dentro dunhas semanas, concretamente o 19 de febreiro). Pensamos que o mellor xeito de chegar ao público era a través dun traballo audiovisual. Alfonso entusiasmouse tanto coa idea que aquela mesma tarde visitamos o Vilariño, lugar da parroquia dos Vilares onde naceu Díaz Castro, de onde inevitablemente debería partir o relato. Mentres estabamos curioseando pola aldea pasou por alí unha veciña que se parou a falar connosco, entón Alfonso díxolle: “Imos facer unha película sobre o poeta”. Nese momento deime conta que xa non había volta atrás, coñecendo a capacidade de persuasión dunha persoa que leva case catro décadas sendo o epicentro do activismo cultural da Terra Cha. (…)
– MD: Un dos aspectos que salienta o documental é a conexión de Díaz Castro tanto cos poetas anteriores como cos posteriores. Ambas cuestións analízanse, fundamentalmente, a través de entrevistas: Félix Villares, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco… Que quixestes salientar máis, sobre iso?
– JAC: Utilizamos as entrevistas porque nos parecía o xeito máis asequible para vertebrar o relato e ao mesmo tempo tocar o espectador no aspecto emocional. Díaz Castro recoñecía que nos Vilares non atopara as condicións propicias para escribir, pero que ese clima si se daba no Seminario de Mondoñedo onde había tal bulir creativo que de alí xurdiu unha escola poética propia, a Escola da Terra Cha. Alí se enmarca o seu nacemento como poeta, á sombra de Noriega, Crecente Vega e sobre todo do seu mestre, Aquilino Iglesia. Esta etapa requiría un exame profundo, a través de dous especialistas como Félix Villares e Armando Requeixo, xa que nos “cadernos poéticos mindonienses” Follas Verdes (1934) e Follas ao aire (1935) atopamos o xerme de Nimbos, incluso xa algún poema como Esmeralda.
Desde estas obra de xuventude, a poesía de Díaz Castro foi alumeando progresivamente o universal sen deixar de lado nunca aquel microcosmos natal do Vilariño. A través duns versos en aparencia tan elementais estalle insinuando constantemente ao lector que todas as cousas, se se saben mirar, están cheas de misterios. Esa audacia creativa radica non só no seu talento como poeta senón nun fondo coñecemento da cultura humana. En diferentes entrevistas sinalaba que o seu propósito literario era fuxir do influxo doutros, e esta ansia de buscar un estilo propio levouno a filtrar a autoría de xeito admirable, metamorfoseándose nas “chousas máis íntimas”, na lingua popular, na paisaxe da infancia, nos sons dos ríos ou nos silencios das noites chairegas.
Ese amor sincero polas cousas e o xeito de expresalo creo que foi o que fascinou a moitos poetas novos. Carmen Blanco, Rodríguez Fer ou González Tosar entre outros, son mostras inequívocas desa pegada. Por iso lles pedín que contasen que era o que os seducía daquel poeta que a simple vista non parecía poeta. Se houbese que extraer unha conclusión de síntese destas entrevistas quedaríame cun paradoxo: o mesmo Díaz Castro sempre xeneroso e amable era dunha rigorosidade extrema consigo mesmo, un obseso da perfección. Disto dá conta o feito de que de non ser pola insistencia de persoas como Carvalho Calero, Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro quizais Nimbos nunca tería visto a luz, porque o autor pensaba que non tiña a calidade suficiente para ser publicado. (…)”