Crónica fotográfica do roteiro Onde baten as ondas do meu corazón, guiado por Ana Ramil

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Onde baten as ondas do meu corazón, con Ana Ramil, celebrado o pasado 4 de outubro. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

A Coruña: roteiro Onde baten as ondas do meu corazón, guiado por Ana Ramil

O Roteiro Onde baten as ondas do meu corazón é unha iniciativa da AELG, desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O presente roteiro será guiado pola poeta Ana Ramil. En palabras da autora: “Dende a coiraza do Orzán ata a praza das Bárbaras, o pulso da península desbócase e amaina ao compás da nosa marcha.”

Terá lugar o domingo 4 de outubro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será o Paseo Marítimo da praia do Orzán, á altura da Avenida Barrié de la Maza, número 19. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.

Xerardo Quintiá gaña o XX Premio Narrativa Breve Repsol

“A obra baixo o título e lema A Miseria de Xerardo Quintiá, resultou gañadora da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega e recibirá unha dotación de 15.000 euros alén da publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Armando Requeixo.
O acto do ditame deste 20º aniversario foi na Fundación Luís Seoane e contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o concelleiro de Cultura e Turismo coruñés Gonzalo Castro; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; Cesáreo Sánchez, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Dolores Sánchez Palomino, académica da Real Academia Galega e Armando Requeixo como voceiro do Xurado.
Este ano a convocatoria do XX aniversario superou o número de obras presentadas con máis de 60 obras orixinais e inéditas.
O Xurado da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco recoñecidas voces das letras galegas: o director Xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; a escritora e gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Carmen V. Valiña; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo, e a poeta e escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Alicia Fernández.
Armando Requeixo, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de Xerardo Quintiá ” a capacidade para artellar un relato de fonda sensibilidade social, que plasma a traxedia dun desafiuzamento e as dramáticas consecuencias que provoca na familia que o padece.
Tamén si, salientou especialmente o talento do autor para espellar a transformación na identidade do protagonista, que ve como unha vida acomodada acaba virando nunha traxedia que remata por anulalo”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de moi fino burilado, chea de imaxes poéticas, esta historia conmoverá ao lectorado, convidándoo a repensar o inclemente e feroz mundo no que vive unha parte da sociedade actual. (…)”