Arquivos da etiqueta: Concello da Coruña
Yolanda Castaño lanza o seu primeiro audiolibro, Materia
“O pasado xuño e tras oito anos sen publicar un novo libro de poesía para público xeral adulto, vía a luz en Edicións Xerais Materia, o sétimo título de Yolanda Castaño. En poucas semanas esgotábase a edición de mil exemplares e o poemario da autora compostelano-coruñesa alcanzaba unha segunda edición, un feito pouco usual para as cifras da poesía culta en Europa.
Como vén sendo habitual na traxectoria da tamén xestora cultural, o poemario está a piques de saír do prestixioso selo de Visor Libros para o resto de España e Latinoamérica. Farao nunha edición bilingüe galego-castelán que inclúe a tradución da propia autora e unha fermosa portada dos artistas galegos de puxante proxección internacional Los Bravú.
Pero, ademais, o libro –que trata en verso o tema da familia na súa proxección pretérita, presente e futura– alcanza agora unha edición en Audiolibro: un formato baseado na escoita dos poemas que o compoñen, recitados pola propia Castaño sobre suxestivas atmosferas sonoras expresamente creadas para cada peza polo seu irmán, Alberto Castaño, a carón doutros colaboradores.
Este formato audible é de acceso libre e gratuíto a través da propia páxina da poeta. O proxecto recibiu a finais do pasado ano unha Axuda á Creación Artística do Concello da Coruña cuxo resultado agora poden gozar todas aquelas persoas interesadas en escoitar os poemas.”
A Coruña: Gosto de vivir a poesía, arredor de Tomás Barros
A Coruña: homenaxe poético-musical a Manuel Ayaso
A Coruña: recital de Claudio Pato e Rafael Courtoisie no Ciclo Poetas Di(n)versos
A Coruña: Gosto de vivir a poesía, con Patricia Torrado Queiruga
Xornadas polo Centenario de Manuel Murguía 1923-2023, organizadas pola Real Academia Galega
A Coruña: recital de Manuel López Rodríguez e Sergio García Zamora no Ciclo Poetas Di(n)versos
A Coruña: recital de Nuria Vil e Filipa Leal no Ciclo Poetas Di(n)versos
O que é o raio, nin maldita idea foi a obra seleccionada no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir para a súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña en 2023

No marco da VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles, organizada pola Sección de Literatura Dramática da AELG, co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a complicidade do Centro Cultural Português Camões de Vigo, tivo lugar o V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que intentou servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, estivesen a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Nesta quinta edición do festival acolléronse 7 proxectos (galegos e portugueses), que foron amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no V Festival, Afonso Becerra de Becerreá, por parte da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, premiaron un proxecto coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. A peza escollida foi O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David R. Alonso e María de las Llanderas). Ao tempo, manifestaron a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, tanto galegas como portuguesas.



















