A Coruña: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 5 de abril


A Polavila Docampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, o 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

A deste ano é a primeira e celebrarase no Fórum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1). Nela participarán poetas, músicos, narradoras/es orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades.

Programa da xornada do 5 de abril 2024:
– 18:00-18:15 horas: apertura da Polavila, da exposición bibliográfica sobre Xabier DoCampo e das adhesións recibidas de bibliotecas escolares, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 18:15-19:00 horas: Vouche contar un conto, sesión de contos para público familiar na sección infantil da Biblioteca do Fórum Metropolitano. Require inscrición previa.
– 19:00 – 19:45 horas: Catro cartas, lectura pública e continuada deste libro a cargo de amizades de Xabier DoCampo, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila Docampo 2024, no auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre até completar capacidade. Estará conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Contará coa presenza dos membros da Xeración Lamote Paco Martín, Fina CasalderreyXavier Senín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero. Haberá lecturas de textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades: Francisco X. Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematará a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. A música correrá a cargo da cantora Uxía.

Ademais, o 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11 da mañá haberá un encontro cos clubs de lectura das bibliotecas municipais na Biblioteca do Fórum Metropolitano coa participación de María Xesús Fernández (crítica e tradutora de LIX), Xosé Cobas (ilustrador) e Martin Pawley (crítico de cinema). E durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano rende homenaxe ao escritor Xabier P. DoCampo a través da súa programación.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano (Concello da Coruña) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A Coruña: o Teatro Rosalía Castro acolle este mes de xaneiro a estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir

“O Teatro Rosalía Castro da Coruña reflexiona sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a golpe dun singular humor ácedo e absurdo coa estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir. A peza poderá verse na sala herculina o venres 26 de xaneiro, ás 20.30 h, coas entradas xa á venda a través da plataforma online Ataquilla (venta de entradas aquí) e no despacho de billetes da Praza de Ourense.
O texto de Non é unha canción foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O galardón supón a estrea do espectáculo no Teatro Rosalía Castro este mes de xaneiro. A posta en escena da peza conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración de ACT Galicia.
Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas. A formación traballa para crear un espazo de encontro e de experimentación lúdica. Interésalle aquilo que está fóra do entendemento racional e da lóxica psicolóxica. A intuición, o azar, as artes do movemento e a súa combinación coa palabra son algúns dos eixos que vertebran o seu traballo. Souvenir procura unha forma de estar no mundo improdutiva, inútil e festiva. Aos seus creadores e performers encántalles recoller estímulos accidentais da rúa, aos que chaman “souvenires”, e que son a materia prima das súas pezas.”

A Coruña: visita guiada á exposición As xeracións do Montserrat, de Xesús Fraga

O 9 de xaneiro, ás 19:00 horas, Xesús Fraga fará unha visita guiada á exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional dos emigrantes galegos no Reino Unido no Quiosco Afonso da Coruña, organizada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello da Coruña, comisariada polo autor, con deseño expositivo de Pepe Barro. As persoas interesadas poden inscribirse previamente nesta ligazón da A. C. Alexandre Bóveda.