Bases do IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

“Como un medio de promoción para os novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, e como homenaxe ao veciño deste concello Xosé Carlos Mosteiro Fraga, falecido en 2017, proponse a edición do IV Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil, de obras literarias dirixidas a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos.

Este premio concederase de acordo coas seguintes BASES:

1º. Poderán concorrer ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega (de conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG) de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos. As obras deberán ser inéditas e non premiadas.
As persoas participantes deberanse atopar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
2º. As obras poderanse presentar en papel ou en formato dixital (en formato .doc, .odt ou .pdf), preferentemente en soporte CD, no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal ou na sede electrónica (https://apobra.sedelectronica.es). Tamén polo correo ordinario, mensaxaría ou en calquera dos rexistros públicos segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixido ó seguinte enderezo:
Concello da Pobra do Caramiñal
II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Rúa Gasset, 28
15940 – A Pobra do Caramiñal (A Coruña)
A presentación realizarase en 2 sobres pechados ou 2 arquivos dixitais co seguinte contido:
– SOBRE 1:
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
Sobre n.º 1. IV Premio de Literatura Infantil Carlos MosteiroConcello da Pobra do Caramiñal” e mailo título da obra.
No interior do sobre incluirase a obra que no caso de se enviar en soporte papel se presentará por triplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras. Ademais deberán estar numerados, grampados ou encadernados. De se presentar en formato dixital, farase do mesmo xeito por triplicado (3 CD).
En calquera soporte que se presente, na portada indicarase IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, o título da obra e o lema ou pseudónimo.
– SOBRE 2:‣
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
Sobre n.º 2. IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e o título da obra.
No interior do sobre incluirase a seguinte documentación:
-1.º Solicitude de participación no “IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e a autorización para que o Concello poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria e mais da Seguridade Social os datos que acrediten que o/a participante está ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, segundo o modelo oficial que se pode atopar na web do Concello da Pobra do Caramiñal, de Barbantia ou da editorial Galaxia.
-2.º Documento acreditativo da identidade (copia do DNI, pasaporte ou NIE) da persoa autora.
3º. O prazo de recepción de orixinais remata no día 30 de outubro de 2021.
4º. A obra que opte ao premio deberá responder á extensión habitual dos libros pensados para a literatura infantil.
5º. O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estima que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3000 euros.
Para tal efecto, existe consignación orzamentaria suficiente na aplicación 334.48300 do orzamento municipal para o ano 2021.
O premio estará suxeito ás retencións fiscais que corresponderen.
As obras premiadas serán publicadas na colección Árbore da editorial Galaxia.
As autoras e autores das obras premiadas comprométense a participar nos actos de promoción que a editorial organice e a realiza-la presentación no concello da Pobra do Caramiñal.
6º. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Ademais constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. As decisións do xurado serán inapelábeis.
7º. O ditame do xurado darase a coñecer no día 30 de novembro, e a entrega do premio será no mes de decembro de 2021.
8º. As obras non premiadas non serán devoltas. A partir do día seguinte á deliberación do xurado serán destruídas.
9º. A presentación a este concurso literario non xera dereito ningún ás persoas participantes ata que for resolto polo xurado e ata que non for outorgado o premio por unha resolución da Alcaldía do Concello da Pobra do Caramiñal. A presentación dos orixinais a este concurso literario supón a aceptación das presentes bases e o compromiso do/a autor/a de non retirar a obra antes do ditame do xurado, acepta-lo premio se lle for concedido, ou reintegralo de non se cumpriren os requisitos que se estabelecen na convocatoria.
O incumprimento dun ou varios apartados destas bases implicaría a automática exclusión da obra presentada.”

Fica deserto o premio Carlos Mosteiro 2020 pola “baixa calidade” das obras

Desde Nós Diario:
“”Ningunha das obras presentadas nos parece merecedora de recibir galardón pola súa baixa calidade”. Con estas palabras pronunciábase Francisco Castro, director xeral da editorial Galaxia e membro do xurado da III edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, “para nós é moi importante manter o nivel que este premio conseguiu nas dúas anteriores edicións”, acrecentaba.
Desta maneira, fica sen adxudicar o premio, ao que concorreran un poemario e sete pezas narrativas, segundo informa o concello da Pobra do Caramiñal nun comunicado de prensa.
Castro manifestou que a decisión das tres persoas integrantes do xurado, que formou con Eulalia Agrelo Costas, filóloga e ensaísta, e Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da segunda edición, foi “difícil” mais debe ser entidade “como unha boa nova”, pois afirmou que “por enriba de calquera cousa está a dignidade deste premio, a calidade deste premio e, polo tanto, este xurado cre que dignificamos máis aínda o premio e a memoria de Carlos Mosteiro declarando neste ano 2020 que esta terceira edición queda sen adxudicar”.
Pola súa parte, Eulalia Agrelo apuntou que “o criterio da calidade debe ser prioritario neste tipo de certames” e que as obras asociadas a este recoñecemento “deben ofrecer un mínimo de calidade”, tanto no que respecta ao texto como á trama que se desenvolve.
Neste senso, expuxo que non se trata unicamente dun elemento dinamizador e que hai que pensar na persoa receptora, toda a traxectoria e todo o que implica a lectura, razón pola cal “temos que ser moi coidadosos no tipo de produto que chegue ás súas mans”.
O alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, expresou o seu agradecemento ao xurado porque “é unha decisión que hai que tomar con valentía e que esperamos que sirva para ese obxectivo de salvagardar a calidade do premio e que siga figurando entre os importantes dentro da Galiza para a literatura xuvenil”. Tamén quixo trasladar unha mensaxe de ánimo para que se sigan presentando obras de cara á próxima edición.
O premio estaba dotado de 1.500 euros e coa súa publicación na editorial Galaxia.”

A Pobra: presentación de A que cheiran as cores?, de Juan Casto Rivadulla Fernández