Malpica: presentación de Lembranzas de Malpica, de Xosé González Reyes

IMG-20160805-WA0002

Bases da convocatoria do XI Certame de poesía erótica Illas Sisargas

“Dando continuidade ao que xa se está a converter nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o XI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes:

PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.

SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 € e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ó/á gañador/a trinta exemplares.

TERCEIRA. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.

CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de dous mil dezaseis, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños Avda. Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre XI certame de poesía erótica Illas Sisargas.

QUINTA. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que, non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.

SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posibel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido “ex aequo” por varios autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2016 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.

SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado a partir do día seguinte serán destruidas.

OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Malpica de Bergantiños, 23 de maio de 2016.

O Presidente da Asociación Cultural Caldeirón

Francisco Quiroga López

Malpica estrea o Fondo Lugrís cos poetas eróticos do Premio Illas Sisargas

DesdeExposicion-O-Desexo-en-Malpica-2 Que pasa na Costa:
“Ata o 15 de xuño estará aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición O desexo. Esta mostra conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro estrea así o Fondo Lugrís, no novo espazo expositivo do segundo andar do Centro Cívico. Unha sala circular pensada para albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro.
O desexo é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición O desexo é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para O desexo, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas.”

Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde12193820_987603724596403_4700766935712179039_n o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”

O episodio, de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde362-f-foto.png o Concello de Malpica e Sermos Galiza:
Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado son os gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica polo poemario O episodio. O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada o sábado 8 de novembro no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. (…) Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano. (…)”

Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”