Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros 2018 para o 22 de xuño

O 22 de xuño comeza a Festa dos Libros 2018, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:30 h. Os actos máis destacados para ese día son os seguintes:

12:30 h. “Pontevedra si ten quen lle escriba”. Rafael L. Torre, Rafael Fontoira Surís e Xosé Fortes. ESCENARIO. Presenta Miguel Ángel Rodríguez.
12:30 h. Blanca Millán, Lola e as 21 vacas. Editorial Triqueta verde. La Nube de Papel.
12:30 h. Loli Veloso, Siro cos nenos; Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nenos; Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Beneficios da venda destes libros destinados á investigación do cancro en pro da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e apoio a crianzas de Nicaragua. Clip.
13:30 h. Rosa Espiñeira, Elerre e Marta Purriños, Certezas alumeadas de Luís Seoane. Figurandorecuerdo(s)Edicións. ESCENARIO.
13:30 h. Rafael Fontoira Surís, Xan do Arrabaldo. Edicións Laiovento. Paz.
18:30 h. Adrián Morgade, Xinfu na maldición guauchuky. Xerais. Aviones de papel.
18:30 h. Elerre, STOP. Figurandorecuerdo(s)Edicións. Metáfora.
19:00 h. Manuel Lourenzo González, Ceiba de Luz. Xerais. ESCENARIO. Presenta Manuel Bragado.
19:30 h. Montse Fajardo, Invisibles. Luna Nueva.
19:30 h. Montse Pena, A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida de Xerais e Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia de Laiovento. Libraría Paz.
20:00 h. Poesía e edición. Galicia e Portugal. Genaro da Silva, Antón Blanco Casás, António Sá Gué, da editorial Lema d’Origem e César Lorenzo Gil. Aira Editorial (Allariz). ESCENARIO.
20:00 h. Carlos Taboada, A biblioteca de Pedrarcana. Xerais. Espazo Lector Nobel.
20:15 h. Manuel Lourenzo González, Ceiba de Luz. Xerais. Libraría Paz.
21:00 h. Mesa redonda sobre María Victoria Moreno. Interveñen Eli Ríos, Fina Casalderrey, Montse Pena, Xavier Senín, Montse Fajardo e Ánxela Gracián. Modera Manuel Bragado. ESCENARIO.
22:00 h. Proxección do documental. María Victoria Moreno. Galega por amor. ESCENARIO.
22:00 h. Fina Casalderrey, A muller que durmía pouco e soñaba moito. Xerais. Seijas.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Manuel Lourenzo González

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Manuel Lourenzo González, que tivo lugar o sábado 26 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Maio e xuño 2018, son unha da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 21 de maio.
A inscrición por orde de chegada ao correo electrónico.
As prazas son limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 26 de maio
Cegoñas no fondo da ría, con Manuel Lourenzo González.

Sábado 9 de xuño
Polos camiños do Triángulo inscrito na circunferencia, con Víctor Freixanes.

Sábado 23 de xuño
Josefina Arruti: tras a pegada das que quedaron, con Montse Fajardo.

A Pontevedra de María Victoria Moreno

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Os escenarios de vida dunha escritora axudan a explicar a súa obra. E viceversa. Algo así defende a xornalista Montse Fajardo, autora de O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (Concello de Pontevedra). “Intentei pescudar na súa vida e ao pescudar na súa vida, comprendes moi ben a súa obra”, di Fajardo.
María Victoria Moreno (Valencia de Álcantara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou á cidade onde morreu en 1963. Alí atopara traballo o seu primeiro marido. Ela preparaba oposicións. Aprobaríaas dous anos máis tarde, o que a levaría a unha decisiva estadía en Lugo. Pero volveu ás ribeiras do Lérez en 1967. Agás un pequeno período en Vilalonga, xa nunca abandonaría Pontevedra.
“As chiscadelas á cidade e á súa xente son continuas nos seus libros”, explica a Sermos Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), “pero sobre todo aparecen as persoas, antes que Pontevedra”. Pon un exemplo: “Carlos Godoy era o director do instituto Torrente Ballester e o seu amigo. Sempre contaba que quixera ser bombeiro. En Guedellas de seda e liño (1999) sae Carlos Godoy, xefe de bombeiros”.
Tamén na súa célebre Anagnórise (1988) aparece unha profesora que fuma e conduce moi ben. Na mencionada Guedellas de seda e liño, unha rapaza que se relaciona con alguén que consome drogas. A tentación autobiográfica irrompe así, aos anacos, disfrazada. Non é o caso das súas pezas poéticas, compiladas postumamente por Xavier Senín en Elexías de luz (2006). (…)
Como parrafadas botaba no escalón de Ulises que dá título ao traballo de Montse Fajardo. A expresión ten correspondencia real: no barrio de Campolongo, nos anos 80, María Victoria Moreno adoitaba pasear a cadela. “Xuntábase con nenas e nenos aos que lles mercaba larpeiradas e cos que sentaba nunha escada para lles contar a historia de Ulises”, lembra a xornalista, para quen a anécdota encerra elementos de categoría: “Era quen de converter calquera lugar nunha aula e dar clase en calquera lugar. Engaiolaba os alumnos”. (…)”

Pontevedra: presentación do monográfico Renacer á descuberta das palabras. María Victoria Moreno

Fallo do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

Reunidas en Pontevedra o 23 de abril de 2018, día internacional do libro e dos dereitos de autoría, o xurado do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por:
Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno
– Andrea Martínez, alumna do IES Torrente Ballester
– Carme Hermida en representación do Concello de Pontevedra
Montse Pena Presas, experta en LIX
– Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora,
considerou como gañadora por maioría dos votos a obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, pola fortaleza dos personaxes femininos dotadas dunha afouteza optimista e sen creba, a introdución do bestiario máxico galego nun contexto histórico e, no entanto, dotado de modernidade e a mestría con que tece con precisión a linguaxe nos novelos da maxia.
Unha vez aberta a plica o autor resultou ser: Antonio Manuel Fraga.
Asemade o xurado considera finalistas e recomenda a súa publicación as obras presentadas cos seguintes lemas:
“Be Water”
“Irmá Paxaro”
Xs autorxs destas obras poden poñerse en contacto coa editora en info@urcoeditora.com
Queremos agradecer ás 31 persoas que participaron na primeira edición do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola calidade das obras presentadas.”

Pontevedra: Salón do Libro 2018, Mulleres de conto

Desde o Salón do Libro:
“O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela pretendemos render merecida homenaxe a ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX. Aquí pode verse o programa completo.