Amadeo López Cobas, Premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira con A cacería

DesdeAmadeo López Cobas Xerais:
“A finais do pasado mes de xullo fallouse no Concello de Ribeira a V edición do concurso de novela curta Cidade Centenaria, resultando gañadora a obra A cacería de Amadeo López Cobas, natural de Noia. Deste xeito consolídase un certame de novela curta do que xa resultaron gañadores Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña e David Pobra. A Cacería é unha novela de aventuras, localizada nun tempo e espazo míticos, onde un pobo loita pola súa supervivencia, da man dun guerreiro que vemos evolucionar de neno a heroe. Unha proposta de narración épica, no que respectando as convencións do xénero de fantasía heroica, proponse unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe. O premio supón a reaparición en Galicia do noiés, afincado hoxe en Vigo, Amadeo López Cobas, que debutara na narrativa galega en 2002 con Contos de viaxe e que seis anos despois publicara As pantasmas sodes do que non hai. A Cacería será publicada por Xerais o vindeiro ano. (…)”

Ribeira: Curso de escritura creativa impartido por Xabier López Marqués

Desde a Concellería de Educación de Ribeira proponse a participación nun Curso de escritura creativa, que se desenvolverá do 7 ao 17 de xullo, da man do profesor e poeta Xabier López Marqués. Os datos son os seguintes:

Actividade: Curso de escritura creativa. 24 horas facendo literatura.
Docente: Xabier López Marqués.
Datas: Do 7 ao 17 de xullo.
Horario: De luns a xoves, de 10:00 a 13:00 h.
Lugar: Salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas (R/ Manuel Lustres Rivas, nº 20, 2º) de Ribeira.
Dirixido a: Maiores de 16 anos.
Inscrición: Desde o día 26 de xuño ao 4 de xullo de 2014.
As prazas cubriranse por orde de inscrición (20 máx.)
Descrición da actividade: Curso “práctico” de escritura creativa.
Aprenderase a escribir textos literarios, preferentemente líricos, partindo de presupostos xerais e básicos: Que é Poesía? Que é prosa?
Información e inscrición: normalizacion@riveira.com e teléfono 981835650.
NOTA: A asistencia ao curso é gratuíta.

Ribeira: presentación de Liña azul, de David Pobra

O venres 9 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribeira, terá lugar a presentación do libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. O acto, organizado polo Concello de Ribeira, contará co acompañamento musical do alumnado do Conservatorio de Música Municipal.

David Pobra gañou o certame de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira de 2013

Desde Certo:
“(…) David Pérez González -coñecido literariamente como David Pobra en alusión ao concello no que naceu- é o gañador da cuarta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.
Así o deu a coñecer o secretario do xurado, José Antonio Otero, nun acto celebrado no salón de plenos da Casa Consistorial hai uns días, na que o escritor foi agasallado co diploma conmemorativo e o cheque de 3.000 euros con que se distingue este concurso literario, ademais da próxima publicación da obra na editorial Xerais. O título da novela, A liña azul. (…)
O alcalde Manuel Ruiz expresou a súa satisfacción por que o vencedor desta cuarta edición procedese da comarca e tivese vínculos co municipio de Ribeira, e animou ao autor a proseguir polo camiño de literatura, habida conta da calidade demostrada ao ser escollido por un prestixioso seleccionado entre un alto número de obras presentadas (23). Entre as persoas presentes neste acto (que tamén contou coas notas musicais da alumna de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira Michelle Pena) figuraban dous dos membros do xurado: María Goretti Fariña, gañadora do último premio de novela curta con Orlando Pendurado, e Cipriano Fernández, escritor e profesor. O xurado tamén estivo composto por Manuel Bragado, editor de Xerais, e Alicia Padín, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Ribeira. Actuou como secretario o arquiveiro municipal José Antonio Otero, quen ao dar lectura da acta destacou non só a cantidade senón tamén a calidade das obras presentadas, que ían dende a prosa poética ata a tradición oral, relatos de intriga, policía ou xuvenil. (…)”
Aquí pode descargase a acta do xurado: Acta do Xurado do IV Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Ribeira: o escritor Antón Riveiro Coello abriu os Xoves Literarios de abril

Desde Certo:
“Os Xoves Literarios que organiza o Concello de Ribeira a través da súa Área de Educación deron comezo na tarde de onte cunha conferencia de altura a cargo de Antón Riveiro Coello: prestixioso escritor nacido en Xinzo de Limia no ano 1964, pero que ten en Barbanza “o seu país de adopción”, segundo aseverou durante a charla pronunciada ante unha trintena de atentos oíntes na Biblioteca Municipal.
O título da ponencia, As razóns da escrita. Un país sen límites, na que Riveiro Coello desgranou os motivos que o levaron á creación literaria, nunha disertación salpimentada con numerosas anécdotas e vivencias.
Así, Riveiro Coello lembrou que naceu nunha casa na que non había libros (“o único libro que había alí eran as instrucións da máquinas Singer da miña nai”) e que un dos motivos que lle influenciou foi a gran capacidade do seu avó para narrar historias. Tamén explicou se ben parecía que os seus derroteiros artísticos parecían ir pola música (demostraba grandes actitudes coa guitarra tras recibir clases dun mestre andaluz na súa terra natal e incluso chegou a tocar nun grupo local) finalmente as circunstancias fixeron que se orientase á literatura: un feito no que resultou crucial as cartas que lle escribía á súa moza.
Ao longo da conferencia, Riveiro Coello verqueu moitas das súas opinións en torno ao mundo dos escritores e a literatura. Así, expresou a súa certeza de que os escritores escriben libros para chamar atención (“incluso aqueles que pacemos máis tímidos, máis introvertidos, temos a necesidade de sermos, de proclamar a nosa existencia”), que a literatura é unha mentira asumida por todos e que é tamén un acto de rebeldía (“todo o que escribe o fai contra algo, ás veces contra un mesmo”).
Antón Riveiro tamén explicou que unha das razóns polas que el escribe é por non ser muller. “Ter un fillo é o acto de creación máis fabuloso que lle pode acontecer unha persoa e eu non teño esa posibilidade”, subliñou, ao tempo que opinou que existe un parecido entre a escrita e o embarazo e a xestación.
Ao igual que outros autores como Carlos Casares, Bryce Echenique ou García Márquez, Antón Riveiro tamén escribe para gustar (“máis que para seducir, porque en gustar hai algo espontáneo e en seducir hai algo forzado”) e sempre pensando en persoas concretas, fundamentalmente en dúas: a súa muller (que representa ao lector máis amplo, máis sensorial) e o seu editor (que representa ao lector máis culto, máis esixente).
A ponencia aínda daría pé a outras interesantes manifestacións da vida literaria de Riveiro Coello, como que lle gusta xogar con persoas imaxinarias, que lle gusta converter en materia estética a realidade cotiá ata “habitar espazos inventados” e que ten o propósito consciente de “inventar unha linguaxe propia”, algo que o identifique e deixar constancia da súa pegada.”

Ribeira: Slam Arousa Poesía, o 4 de novembro

Nova edición do torneo de poetas Slam Arousa Poesía, coa participación de Celia Parra (gañadora da primeira edición que se celebrou o 5 de outubro en Rianxo) como convidada especial. Será o domingo 4 de novembro a partir das 21:30 horas no Bar Brétema (Rúa Cervantes, 6) de Ribeira. No Slam.Arousa de Ribeira poderán competir, gozar, obter o recoñecemento do público tribunal e conseguir ademais o agasallo que outorga o Concello de Ribeira. As persoas interesadas pódense apuntar previamente no correo slam.arousa@gmail.com ou aparecer sen máis no acto, onde terá o micro aberto para a súa poesía..