Carballo: actividades destacadas do 6 de xullo na Praza dos Libros 2018

Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para a sexta feira 6 de xullo, destacamos os seguintes:

12:00 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Eu cociño. Ti cociñas?, de Mamá Cabra, publicado por Galaxia.
18:30 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Pakolas (Galaxia).
20:00 h. Presentación do álbum ilustrado Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díaz, publicado por Xerais. Presenta: Melina Regueira.
21:00 h. Presentación de Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. Presenta: Verónica Couto.

Manuel Rivas: “A alternativa a todo isto ten que ser unha rebeldía eficaz”

Entrevista a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro maniféstaste Contra Todo Isto, pero se tiveses que identificar Todo Isto cunha cousa, cun conceito, cunha idea, con que o identificarías?
– Manuel Rivas (MR): O libro arrinca cunha palabra que actúa como unha especie de dínamo que mobiliza o resto das palabras. A Vergoña. A palabra Vergoña.
– SG: Unha palabra fetiche?
– MR: É unha boa palabra. Porque cando sentes vergoña de algo é que tomas conciencia dese estado de inxustiza. Mentres non tes esa sensación de vergoña… Eu tamén procurei non utilizar demasiado a terminoloxía discursiva… Non é un libro que nacera dunha elaboración teórica. Máis ben nace desde a propia linguaxe. As palabras notas que están inquietas, queren dicir. Porque non sempre as palabras queren dicir. Vivimos nun tempo de moita desconfianza na linguaxe. Normal, porque está sendo manipulada constantemente. Hai unha corrosión das palabras. Aquilo que dicía Samuel Becket: “Hai que sacar as palabras co tirarrollas”. E dicíao nunha época -lembremos que escrebe Esperando a Godot despois da segunda guerra mundial- en que a linguaxe estaba moi queimada. É cando fai esa análise extraordinaria Victor Kemplerer, o filólogo xudeu que consegue sobreviver e que nos entrega A linguaxe no III Reich. Nese libro relátanos como as palabras pavimentaron o camiño cara ao horror, cara a Auswichtz. Hoxe en día tamén a manipulación das palabras está a pavimentar o camiño cara ao post-fascismo, un réxime autoritario ao que non lle vemos ben a cara. (…)
– SG: Sobre as redes sociais, reflictes tamén sobre un aspecto do que penso que non somos excesivamente conscientes: o feito de que hai empresas multinacionais que se lucran a costa da mercantilización das nosas vidas privadas, que poñemos on line en troca de nada. Falas de “grandes maquinarias comerciais, para os que somos non só clientes, senón valiosa materia prima que vender”.
– MR: É un control social como nunca se coñeceu. Un control evidentemente que ten uns fins comerciais. Vemos como en pouquísimo tempo as empresas de big data, as axencias de dados, viraron nas compañías máis poderosas. É un proceso exponencial, aceleradísimo. Un deses gurús dicía que dentro de 10 anos xa estaremos todos na nube, non? [risos] E sabía ben de que falaba. Agora xa está todo na nube. E todo isto, que vai en paralelo ao proceso de robotización, o que conleva é unha doma do ser humano, unha escravización, o control das mentes e tamén un abaratamento da condición humana. Como está todo absolutamente desregulado, hai unha especie de impunidade trans-fronteriza con todo isto. Unha das cousas que xa se albiscou coa última campaña americana -velaí o asunto de Cambridge Analytics (por certo, un dos donos é este Steve Bannon, o ideólogo de Trump do que falamos antes)- é que xa non só estamos a falar do que saben de nós, senón do que imos facer nós. Teñen dados sobre o que somos e sobre o que supostamente seremos. Fano através do que chaman Intelixencia Artificial e que nós ben poderíamos chamar Estupidez Artificial. En fin, chega un momento en que deberíamos -xa se está niso, xa hai movimentos- poñer un pouco de distancia. Houbo unha especie de inxenuidade en toda esta cuestión. Todo este entusiasmo coa nova cacharraría. Este entusiasmo de facer cola para comprar o último modelo Iphone. Apuntarse a todas as redes. Estar aquí, estar alá. Eu propio teño unha cota. Non é que teña moito, mais teño unha conta de twitter, que fixemos polo de Luzes. Mais todos os días estou pensando que facer con todo isto. Debería haber unha revolución fronte á estupidez artificial.
– SG: Imos concluíndo. Falas da Man Invisíbel do Mercado e contrapola á Man Común. Mais logo falas da fragmentación desa Man Común. Falas dun personaxe dun conto de Onetti que era un militante dun dos 17 grupos trotskistas de Santa Fe [risos]. Hai algo que facer fronte a esta fragmentación ou nos resignamos?
– MR: Home, eu creo que non hai que se resignar. O tesouro que temos é obrigado. Nese “acordo secreto de xeracións” sabíano moi ben, non? E os momentos en que se resgatou a esperanza, que os hai, que vemos como faíscas, como vagalumes na historia, son eses momentos en que dentro da diversidade, e do libre pensar, dáse unha liberdade solidaria. Houbo un problema histórico, un erro, que foi o de considerar que o interese común, o colectivo, o interpretaban sempre os líderes. E aí determinados asuntos -de xénero, de liberdade individual, de dereitos sociais- ficarían aprazados para o momento de ter o poder e xa… (…)”