Arquivos da etiqueta: David Pérez Iglesias
Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016
“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo
Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación
Desde o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”