Sete dentes de león, de Ledicia Costas e David Sierra, Premio Zenda Infantil

Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas gañou o Premio Zenda Infantil e Xuvenil 2023-2024 polo seu libro Sete dentes de león, ilustrado por David Sierra e publicado por Xerais (en castelán, Siete dientes de león, Nórdica). O xurado xustificou esta elección “pola imaxinación, talento e alegría que desprende cada páxina deste libro, destinado a lectorado de cinco anos”. Dedicado a descubrir a orixe das cores “pero sen moralizantes nin clichés, sen mensaxes ocultas politicamente correctas, é puro entretemento que fai máis pola lectura que calquera plan ministerial”.
O xurado dos Premios Zenda estivo composto por profesionais do sector do libro Guillermo Altares, Nuria Azancot, Laura Barrachina, Pepa Blanes, Jesús García Calero, Antonio Lucas, Alberto Olmos, Cristina Rivera Garza, Sergio Vila-Sanjuán e Santos Sanz Villanueva, ademais de Leandro Pérez e Álvaro Colomer (secretario do xurado), ambos en representación da revista Zenda.”

Non pare a festa, de Ramón D. Veiga

Desde Radiofusión:
“Para nenos e nenas, e para coleccionistas, é o libro ilustrado Non pare a festa do escritor Ramón D. Veiga. Vén ser a segunda parte doutro libro publicado en 2018 sobre o Entroido galego. Non pare a festa, editado por Xerais na colección Pequeno Merlín, é o motivo literario que nos volveu reunir co escritor fenés, Ramón D. Veiga. Hai so uns meses falamos con el do seu conto en liña EuQuedoNaCasa escrito durante o confinamento.
Agora sorpréndenos con Non pare a festa, xusto no mes dun Entroido que debera estarse celebrando por todo o país. Man a man co ilustrador David Sierra, volven recrear os personaxes e as máscaras máis populares do entroido galego. Agora aparecen outros máis agochados pero non menos importantes como por exemplo o boteiro, a bonita, os charrelos, a gárgola, e un dos seus preferidos, o “vixigueiro” .
Na anterior entrega puxeron aos máis coñecidos papando un cocido de entroido, agora presentan aos outros de folión, tocando e cantando polos camiños adiante, cantigas en verso que tanto gustan ás crianzas. Porque, segundo nos confesou Ramón D. Veiga, o Entroido é a suma de todo iso, todo é un exceso. El é dos que participan activamente na festa, non dos miróns.
Este ano é como é e, non só lle parece ben a Ramón D. Veiga o recurso das redes sociais, senón que el mesmo está a presentar o libro dese xeito. Non pare a festa leva un código QR coa canción do mesmo nome interpretada por Amigos dos músicos.
A entrevista pode escoitarse aquí.”