Arquivos da etiqueta: Devalar sen pel
Fisterra: presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga
Carballo: actividades do sábado 8 e domingo 9 na Praza dos Libros
Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 6 ao 9 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para os días 8 e 9, destacamos os seguintes:
Sábado 8
– 11:00 h. Ruta urbana polos murais dos proxectos de arte urbana carballeses, coa participación de escritores e escritoras autores/as do libro Derrubando muros con pintura (Engaiolarte), que falarán dos seus relatos nos distintos murais sobre os que escribiron.
– 11:30 h. Brinca vai, concerto infantil de Paco Nogueiras (sobre o libro-CD homónimo publicado por Kalandraka).
– 13:00 h. Fernando Cabeza Quiles presenta Galicia, o galego e os galegos, publicado por Toxosoutos.
– 19:30 h. Rosalía Fernández Rial e Diana Varela Puñal asinarán exemplares das súas últimas obras.
Domingo 9
– 11:30 h. Presentación do proxecto Phottic e das súas publicacións Mar de invernía, de Héctor Pose e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga. Con Manuel Pan.
– 18:30 h. O contador de contos: Alba Bermúdez representa unha peza infantil baseada en relatos do escritor Carlos Casares.
– 20:00 h. Presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga, publicado por Espiral Maior, que acadou o 19° Premio de Poesía Concello de Carral. Acompañarao o tamén poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 21:00 h. Atesourando a palabra. Homenaxe poética e musical ao benquerido Paco Souto, poeta, axitador cultural, político e percebeiro, recentemente falecido.
Carral: acto de entrega do XX Certame Concello de Carral a Xosé Luís Mosquera Camba e presentación de Devalar sen pel, de Modesto Fraga
Xosé Luís Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral
Desde Sermos Galiza:
“O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra Das árbores tropicais e do amor, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario Nadja c’est moi.
O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios. O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga.”
Modesto Fraga fala de Devalar sen pel
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Modesto Fraga fala sobre o libro co que gañou o Premio de Poesía Concello de Carral. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral
Desde o Concello de Carral:
“Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”