Arquivos da etiqueta: Día Internacional da Muller
Vigo: recital aberto de poesía de xénero
O luns 7 de marzo, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), en Vigo, terá lugar un recital aberto de poesía de xénero, no marco do programa de actos que con motivo da conmemoración do “8 de marzo”, Día Internacional das Mulleres, organizado polo Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. O acto está aberto ao público ata completar o aforo do local. O acto quere ser coral, polo que se pide ás persoas participantes que achegasen un poema da súa escolla sobre a temática de “muller” e/ou “igualdade”, que se compartiría co público presente.
8 de marzo, Día Internacional das mulleres: Stop a todas as desigualdades
A AELG, o PEN Clube e A Mesa critican a participación de Marta Rivera na homenaxe a Rosalía
Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega, a través do seu presidente Césareo Sánchez Iglesias, opina que é “ofensivo que se chame a unha persoa que non é unha escritora en lingua galega nin ten nada que ver con todo o que simboliza Rosalía de Castro”. No parecer da AELG tamén “é ofensivo” que se represente con ela “a unha lingua maltratada como tamén son maltratadas moitas mulleres”.
Desde a mesma entidade lembran que “sempre estivemos a disposición da Secretaría Xeral de Igualdade”, mesmo con actividades nas casas de acollida. “Estamos diante dun acto profundamente agresivo para a cultura galega”, indica Cesáreo Sánchez, “unha cultura construída de maneira determinante por mulleres galegas que defenderon o que representa Rosalía de Castro”.
O PEN de Galiza, integrado en 1989 no PEN Internacional de escritores que representa a 146 Centros en 106 países, remitiu un comunicado no que afirma que “honrar a Rosalía de Castro, muller símbolo de Galiza, na conmemoración oficial do Día Internacional da Muller, implica a obrigada participación de escritoras en lingua galega”. Para a organización que preside Luís González Tosar “esta exclusión agravia ao conxunto do sistema literario de noso e desacredita aos organizadores”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, manifestou en relación a que se escollera unha escritora en castelán que “desde que Rosalía publica Cantares Gallegos hai 150 anos, con máis ou menos dificultades, hai escritoras en galego coas que se pode contar”.”
Lugo: acto público polo Día Internacional da Muller
O xoves 7 de marzo, ás 19:15 horas, a Área de Igualdade, dependente da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, organiza no Museo Provincial de Lugo un acto público, co seguinte programa:
– Lectura dramatizada de poemas de Rosalía de Castro, a cargo de Paloma Lugilde e Tareixa Campo.
– Conferencia: Desestabilizando o xénero. Que fica da liberación feminista?, por Teresa Moure.
– Música de Jotinho’s. Formato acústico. Bossa Nova-Samba. Silvia Viñas (voz), Fernán Gómez (guitarra).
A entrada é de balde.