Explotados, de César Carracedo, obtén o galardón do Xurado do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O xurado do oitavo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgar o galardón desta edición á obra Explotados, escrita por César Carracedo; mentres que, o premio da Audiencia recaeu en A primeira vez, de Carmen Blanco Sanjurjo.
Da obra premiada, o xurado subliñou “o uso da linguaxe radiofónica, a capacidade para crear imaxes, o ritmo e o tratamento dun tema de actualidade en clave de comedia de compromiso”. Explotados recrea as negociacións entre un detective da policía e un secuestrador pechado nunha oficina do Inem. A precariedade laboral e o paro son os asuntos centrais desta comedia social que, na adaptación radiofónica realizada por Cristina Domínguez, interpretaron César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aaron Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva. (…)
O xurado desta edición do Premio de Teatro Radiofónico estivo formado pola directora e docente na ESAD Cristina Domínguez; o crítico de teatro, Camilo Franco; a docente na ESAD e crítica de teatro, Inma López Silva; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do espazo radiofónico Diario Cultural.
En total, 48 obras se presentaron a esta oitava edición, organizada pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.”

Intervención da Secretaria xeral da AELG no Diario Cultural ao fío do derrubamento da casa natal de Ricardo Carvalho Calero

Mercedes Queixas valora este feito e fala do proxecto Casas de Escritores-as da AELG, desenvolvido entre os anos 2008 e 2010.
Pode escoitar as declaracións de Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELG aquí (minutos 14:50 a 20:30).
Pode ver a catalogación da casa natal de Ricardo Carvalho Calero aquí.