Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizada polo Concello de Santiago, e que rematará o domingo 11 (con horario de 11:00 a 21:00 horas) cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 10
– 13:00 h. Presentación de Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Urco.
– 17:30 h. Presentación de A virxe das areas, de Antonio M. Fraga, publicado por Embora.
– 18:00 h. Tradutoras ao vivo: María Reimóndez e Patricia Buxán.
– 19:00 h. Alfonso Blanco: Do Latín ao galego… tamén na literatura; ou, motivos para traducir ficción dende o latín.
– 20:00 h. Marcha cultural en defensa da obra compostelá do pintor e escritor Urbano Lugrís. Partirá cun manifesto da praza da Quintana (carpa da SELIC) e logo percorrerá varias rúas da cidade. Está organizada por Alvarellos Editora en colaboración co colectivo literario In Nave Civitas da Coruña.
– 20:30 h. Marga Tojo presenta Últimos bruídos, publicado por Positivas.

Domingo 11
– 17:30 h. Presentación – concerto do libro cd Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Rosalía Fernández Rial presenta Aulas sen paredes, publicado por Positivas.

Tabela dos libros de xuño de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.Vaia para eles catro o meu máis fondo agradecemento por, un ano máis, ter prestado a súa axuda xenerosamente e facer posible esta sección.
¡Volvemos en setembro! Ata daquela, boas vacacións e felices lecturas.”

Xabier Maceiras: “O Balneario e o Santuario de Pastoriza foron os que situaron Arteixo no mapa”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Que pode lerse no libro [Crónicas de Arteixo]?
– Xabier Maceiras (XM): É unha viaxe ao Arteixo de antes. Dos anos 40, 50 e así ata chegar aos 70. Son 38 crónicas nas que se fala dos primeiros locais de hostelería e de como era a vida do concello neses días e tamén a vida das parroquias. Fálase das percebeiras de Rañobre, do aeroporto que estivo a piques de asentarse en Arteixo e fálase de fútbol. Aparecen dous capítulos de Arsenio Iglesias: un da súa etapa como xogador e outro como adestrador. Hai un pouco de todo. Moitas delas que a xente descoñecía.
– LO: Como está estruturado o libro Crónicas de Arteixo?
– XM: As 38 crónicas están postas por orde cronolóxica.
– LO: O libro parte do seu blog, Crónicas de Arteixo. Por que decidiu abrir este espazo na rede?
– XM: Decidín crear o blog porque sempre fun consciente de que as informacións que fun xuntando ao longo da miña vida non ían chegar a papel. O blog nace para difundir esas historias antes de que se perdan. Ese era o obxectivo. (…)”