Tabela dos libros. Setembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras as vacacións e xa ás portas do outono, o equipo crítico da Tabela dos Libros (Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu) comeza o curso escolmando os títulos máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. E velaí.”

“Un libro para imaxinar aventuras”

Desde Radiofusión:
“Falo dos mestres e das mestras da fantasía. Gianni Rodari aportou moito á rebelión contra o establecido a través das letras, da pedagoxía. É un libro para viaxar, para xogar. Fálase de xogos e de posibilidades. Paula Carballeira publica Pan con chocolate. A merenda de Gianni en Edicións Xerais.
Conta anécdotas de Rodari que poden ser extensivas a calquera neno, a calquera nena en calquera parte do mundo. Neste libro hai gatos, piratas, bruxas, cans, trens, corvos, teléfonos, cebolas, tomates, …
Pode escoitarse aquí.”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Marta Dacosta asinará exemplares de Notas sobre a extinción, publicado por Galaxia, e do resto da súa obra.
18:30 h. Recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Participan Arancha Nogueira, Andrea Fernández Maneiro, Beatriz Maceda, Viki Rivadulla e outras autoras.
18:30 h. Presentación e sinatura de Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga, publicado por Baía. Participa, xunto á autora, Belén López Vázquez.
19:30 h. Presentación e sinatura de Apelidos da Galiza, Portugal e Brasil, de Diego Bernal, publicado por Através. Participa, xunto ao autor, Alberto Pombo.
19:30 h. Héctor Carré asina exemplares de Medos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:30 h. Presentación cruzada e sinatura de Zona a Defender, de Manuel Rivas, publicado por Xerais, e Miss Marte, de Manuel Jabois.

Cancións para Ana Lúa. Xavier Seoane

Desde Radiofusión:
“A rapazada é coma unha esponxa máxica que non entende as cousas coma nós, dunha maneira tan racional. Xavier Seoane cre que os nenos son moito máis perceptivos para as artes do que cremos os adultos. O verde vizoso da natureza nesta época da primavera é unha marabilla. Estamos en plena explosión primaveral, apunta o escritor. O mundo da natureza está moi presente en toda a obra de Seoane. A vacaloura, o cempés, o grilo que ademais canta. O mundo dos animais é extraordinario. Ao mellor nun verán, só se ve un vagalume. Hai anos que se ven dous. Pero antes víanse moitos. Iso estámolo destruíndo. Para a rapazada, un gato, un can, un cabalo é un compañeiro.

Os nenos van á escola.
Lúa dorme no berce a perna solta.
Os nenos van ao mar.
Lúa pídelles cunchas para xogar.
Os nenos van á hora.
Lúa pídelles grilos, estralotes, amoras.
Lúa ten enfeitizo.
Se a arrolo e agarimo, quedo eu durmido.

Comeza así o primeiro dos poemas incluídos no libro Cancións para Ana Lúa, que vén de publicar Xavier Seoane en Edicións Xerais. Escoitamos a conversa co autor no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión.”

A conversa pode escoitarse aquí.